Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 6 de xullo de 2022 Páx. 38532

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 16 de xuño de 2022 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para que se aproben as bases reguladoras relativas ás residencias artísticas do Gaiás e se convoquen para o ano 2022 (código de procedemento CT898A).

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Conforme o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade queda adscrita a esta consellería, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia foi constituída como unha organización de natureza fundacional, de interese galego, sen ánimo de lucro, cun patrimonio afecto de maneira duradeira á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Esta Fundación Cidade da Cultura de Galicia forma parte do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia; na actualidade está adscrita á Consellería de Cultura, Educación e Universidade e foi declarada como fundación de interese galego.

Segundo o artigo 6 dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia constitúe o seu obxecto social «a creación, explotación e promoción de áreas ou centros de conservación, produción, exhibición e consumo cultural, comunicativo e tecnolóxico, que constitúa un espazo multifuncional, multidisciplinar e aglutinador, propicio á interacción cultural».

Para a consecución dos fins mencionados no punto anterior, e consonte o previsto no artigo 7 dos seus estatutos, a Fundación pode realizar (entre outras) as seguintes actividades:

g) As que impulsen o emprendemento empresarial no ámbito das industrias culturais e creativas, con especial énfase en proxectos que favorezan a innovación, tanto tecnolóxica como non tecnolóxica, e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido produtivo, servindo como plataforma de desenvolvemento e promoción da marca país Galicia.

Así pois, en virtude do mandamento estatutario, a Fundación leva a cabo todo tipo de accións de fomento e promoción do emprendemento cultural en toda a súa extensión e en todas as súas disciplinas, incluído a promoción económica e o impulso do empredemento empresarial e tecnolóxico.

Dentro do II Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia recóllese a acción 1.4.4. Amplificación das residencias artísticas do Gaiás e outros, que xurdiu ante a necesidade de manter unha liña de programación e contidos primordial nos vindeiros exercicios, para atender as necesidades do tecido artístico galego nas disciplinas máis diversas, poñendo énfase no proceso de creación in situ de principio a fin: idea, concepto, residencia, produción e exhibición. Dentro dos obxectivos desta acción atópanse;

• Consolidar o programa REGA con plans de acción estendidos.

• Deseñar novos formatos de residencias, atendendo a unha aproximación completa de todas as fases do proceso creativo.

• Afondar no percorrido de programas como EAN, para que teñan unha continuidade en forma de residencias máis aló das propias xornadas de celebración deste.

• Facer partícipes das residencias non só os artistas senón tamén programadores, xestores e demais axentes do sector cultural.

O Gaiás está intimamente ligado ao fomento do emprendemento en toda a súa extensión, programando actividades formativas e de asesoramento que redunden nas empresas emprendedoras, con especial énfase en proxectos que favorezan o crecemento económico e a creación de emprego, actuando como elementos vehiculares na transmisión da identidade cultural, aspecto este esencial na difusión e promoción da diversidade cultural e a súa transferencia aos sectores máis maduros do tecido.

Neste contexto nace REGA-Residencias artísticas do GAiás pola que a Cidade da Cultura de Galicia pon á disposición espazos, recursos e equipamentos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes visuais, performativas e audiovisuais e coa literatura, grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Autorización

Autorizar a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para aprobar as bases reguladoras relativas ás residencias artísticas do Gaiás e convocar para o ano 2022, de conformidade coas bases reguladoras que figuran en anexo, polas que se rexerá a concesión en réxime de concorrencia competitiva, as residencias artísticas do Gaiás para o ano 2022.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Resolución de Xerencia pola que se aproban as bases reguladoras relativas ás residencias artísticas do Gaiás e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT898A)

En virtude das presentes bases, no marco de REGA-Residencias artísticas do Gaiás, a Cidade da Cultura de Galicia pon á disposición espazos, recursos e equipamentos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes visuais, performativas e audiovisuais e coa literatura, grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo.

En virtude das competencias atribuídas polo Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia na súa sesión do 16 de decembro de 2016, en calidade de directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia

RESOLVO:

1. Liñas xerais.

1.1. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. O obxecto da presente convocatoria é ofrecer catro bolsas para formación a través de residencias, para o cal se realizará unha selección dun máximo de catro proxectos vencellados a algunha das categorías seguintes: artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño, valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

2. Esta iniciativa pretende o apoio á creación contemporánea de persoas que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia, e que desenvolvan residencias de traballo entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles para esta función na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

3. Poderanse presentar artistas individualmente ou colectivos segundo o indicado no punto 2 destas bases.

4. As residencias celebraranse entre os meses de setembro e decembro de 2022.

5. Os artistas ou colectivos presentarán o resultado da súa actividade ou tema de investigación ou produción durante a súa residencia ou ata o prazo de xustificación sinalado no artigo 13. O resultado pode ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta. Os proxectos poderán formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura de Galicia se así se considera, e sempre que o resultado poida ser obxecto de encaixe no programa de Acción Cultural da Fundación.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución aprobatoria das bases de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

7. A xestión e a concesión destas bolsas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola entidade outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

1.2. Persoas beneficiarias.

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física ou xurídica que poida desenvolver residencias de traballo entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles para esta función na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguintes requisitos:

1. O proxecto pode ser presentado por artistas individuais ou colectivos galegos, que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia, pero cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha área por solicitude. No caso de colectivos, poderán presentarse aqueles que xa se constituísen como persoa xurídica, ou, grupos de persoas individuais que presenten conxuntamente un proxecto. Neste último caso, designarase un representante único do proxecto, o cal debe desenvolver a súa actividade no territorio de Galicia, e que será o único interlocutor e perceptor da bolsa, sendo a Fundación allea ás relacións interpartes co resto de participantes no proxecto.

2. Non ter o carácter de persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de bolsas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da devandita lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Forma e lugar de presentación.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Prazo.

O prazo de presentación das solicitudes e da documentación será dun mes, que se contará a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se fose festivo, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. Dotación.

1. Seleccionaranse un máximo de catro proxectos ou bolsas formativas vencellados a algunha das categorías seguintes: artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño, valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual.

Cada bolsa está dotada cunha achega de 8.000 euros todos os impostos e gastos incluídos.

2. Ademais da dotación en metálico, a Fundación porá á disposición das persoas beneficiarias en calquera dos catro proxectos, o seguinte:

– O espazo en condicións axeitadas para o seu uso, con conexión wifi, seguridade, limpeza e climatización.

– Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto, segundo a dispoñibilidade e horario pactados de común acordo cos artistas ou colectivos dos proxectos seleccionados.

– Persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.

3. Para ter dereito ao aboamento do importe da subvención é necesario que as persoas beneficiarias cumpran coas obrigas e requisitos establecidos nas presentes bases.

4. O pagamento desta cantidade será aboado en dous prazos; o 80 % ao inicio do período de residencia e o 20 % restante, coa presentación do traballo final ou memoria (que deberá realizarse antes do 22 de decembro de 2022), ou, no caso de que no haxa materialización dun traballo final, coa presentación dunha memoria final onde se establezan os logros, melloras e oportunidades conseguidos respecto do proxecto orixinal (que deberá realizarse antes do 22 de decembro de 2022). En ambos casos, este último pagamento efectuarase sempre que a persoa beneficiaria empregase o espazo habilitado para a realización da residencia correspondente.

5. As persoas adxudicatarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias. Neste senso, o/a bolseiro/a deberá autorizar para que a Fundación poida obter as certificacións acreditativas de que está ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no momento de recoñecer as obrigas e ordenar o pagamento.

6. No caso de colectivos formado por grupos de persoas individuais que presenten conxuntamente un proxecto, designarase un representante único do proxecto, o cal será o único perceptor da bolsa e o único ao que lle resultará de aplicación os impostos que lle sexan de aplicación en función da súa situación fiscal, así como a única persoa respecto da que se comprobará que a dita persoa está ao día no cumprimento de obrigas tributarias coa AEAT (salvo oposición expresa a dita comprobación).

7. Os pagamentos realizaranse por transferencia bancaria á conta declarada pola persoa seleccionada no formulario normalizado (anexo I).

5. Financiamento e concorrencia.

1. A dotación económica global é de trinta e dous mil euros (32.000,00 €) para as catro categorías (8.000,00 € por categoría e proxecto), e será sufragada con cargos aos orzamentos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para o ano 2022.

2. O procedemento para a concesión dos premios será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras bolsas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pero son compatibles con outras subvencións e bolsas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

6. Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Memoria do proxecto a presentar en que deberá constar detalladamente:

A) Nome do proxecto e identificación da persoa física ou xurídica que desfrutará a bolsa formativa. No caso de colectivos non constituídos como persoa xurídica, na memoria sinalarase a persoa que actúa como representante do colectivo, e que será único interlocutor coa Fundación.

B) Concepto/idea artística incluíndo referencias ao encadre do proxecto a un dos capítulos indicados (artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño), vencello a outras disciplinas e obxectivos que se pretenden acadar.

C) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto.

D) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística do/s participante/s

Este documento sirve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Atriga.

e) NIF da entidade representante.

f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas no exercicio actual.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

9. Transparencia e bo goberno.

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

10. Instrución do procedemento e competencia para a avaliación de solicitudes.

1. A Área de Contratación do Departamento Económico Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, o instrutor poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, o órgano instrutor e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

11.Tribunal de Valoración.

Constituirase un tribunal único para a avaliación dos proxectos presentados que se reunirá as veces que xulgue oportuno para exercer a súa función.

A Comisión de Valoración axustarase aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, e estará composta polos seguintes membros:

– Presidencia; a persoa titular da Dirección de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

– Secretaría; exerceraa o persoal da Fundación Cidade da Cultura de Galicia designado pola Xerencia da Fundación, ou funcionaria ou funcionario en quen delegue.

– Catro vogalías por capítulo, designadas pola directora xerente entre persoas de recoñecida competencia do sector cultural.

O Tribunal de Valoración poderá requirir ás persoas solicitantes das bolsas información ou documentación adicional aclaratoria, que, non estando en poder da Fundación, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

O Tribunal de Valoración realizará a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios establecidos a continuación, a cal se realizará proporcionalmente ás puntuacións obtidas.

Logo de que o Tribunal de Valoración realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de valoración, da que quedará constancia en acta motivada, a Área de Contratación do Departamento Económico Financeiro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia elevará a proposta á persoa titular da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Para o nomeamento do xurado respectarase a presenza equilibrada de mulleres e homes, en cumprimento do disposto no capítulo I, artigo 5.2.d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

As persoas que integren o xurado estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

A composición dos tribunais publicarase na páxina web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, con anterioridade á súa reunión, co fin de que poidan interpor, de ser o caso, os recursos legais pertinentes.

Para os efectos da validez da constitución dos tribunais aplicarase o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros.

As deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente.

O tribunal valorará as solicitudes e formulará a súa proposta de concesión, que será motivada e que atenderá aos seguintes criterios e a unha puntuación máxima de 100 puntos;

A) Avaliación do concepto/idea artística. 45 puntos.

Valorarase a súa calidade, obxectivos que se van acadar, orixinalidade e argumentación dos contidos presentados.

B) Viabilidade da súa materialización. 30 puntos.

Valorarase o resultado práctico, naqueles proxectos presentados que teñan no seu obxectivo un resultado concreto, atendendo aos criterios de produción e viabilidade práctica destes. No caso de proxectos de investigación, atendendo á contribución no eido do encadre do proxecto e na traxectoria do artista ou colectivo. En ambos os casos, valorarase a desagregación do orzamento previsto.

C) Avaliación da oportunidade artística para a traxectoria do artista ou colectivo presentado. 25 puntos.

Valorarase o estado da experiencia artística do/s participante/s, tendo en conta aos artistas emerxentes e aqueloutros en que esta iniciativa supoña un pulo na súa traxectoria.

Os tribunais motivarán e obxectivarán, no momento da valoración e deixando constancia na oportuna acta, a valoración da puntuación obtida por cada solicitude.

Os tribunais poderán declarar desertas as prazas en calquera das áreas que son obxecto da convocatoria cando a calidade das proposta presentadas non acade os criterios mínimos para a súa concesión, despois de ter feita a súa ponderación.

12. Resolución da convocatoria.

1. A instrutora no procedemento elevará a proposta do tribunal á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia ou persoa que legalmente a substitúa. Unha vez recibida a proposta, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe instrutor por parte do tribunal de valoración, ditará resolución no prazo máximo dun mes desde a recepción do informe.

2. De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

3. A resolución da convocatoria será dada a coñecer mediante a publicación na páxina web www.cidadedacultura.gal e producirá os efectos de notificación ás persoas interesadas, polo que a presentación leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos solicitantes e da súa publicación na citada páxina web.

Contra a resolución definitiva, poderán ser interpostos, con carácter potestativo, os seguintes recursos:

– Recurso de reposición, perante o titular do ente a que está adscrita a Fundación ou ao que corresponda a súa tutela, isto é, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación e Universidades, no prazo dun mes.

– Recurso contencioso-administrativo, perante a xurisdición contencioso administrativa, no prazo de dous meses.

Ambos os dous prazos contaranse desde o día seguinte ao da notificación da resolución. A presentación dos recursos sinalados non poderá facerse con carácter simultáneo.

13. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

14. Xustificación da subvención.

1. O prazo de xustificación da subvención rematará o 22 de decembro de 2022, este incluído. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante á Fundación, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de cinco días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

A persoa beneficiaria deberá presentar dentro do prazo de xustificación o traballo final ou memoria de cumprimento con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, ou, no caso de que no haxa materialización dun traballo final, a presentación dunha memoria final onde se establezan os logros, melloras e oportunidades conseguidos respecto do proxecto orixinal.

15. Realización do proxecto e obrigas da persoas seleccionadas.

1. Coa finalidade de acreditar a realización do proxecto, as persoas seleccionadas terán que cumprir todas as normas establecidas nos puntos anteriores e, ademais:

– O artista ou colectivo ofrecerá o resultado da súa actividade ou tema de investigación ou produción durante a súa residencia, en datas a consensuar coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

– Manter unha relación de comunicación fluída e constante respecto do proxecto presentado coa persoa que se asigne como titora ao longo do proceso de desenvolvemento do mesmo.

– Terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Cooperar coa Fundación nas actuacións de comprobación que sexan necesarias para verificar o cumprimento das condicións determinantes da concesión.

– Comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento do cumprimento e efectividade das condicións determinantes da concesión.

– Comunicar a renuncia ao proxecto no caso de que se produza unha causa determinante desta renuncia.

2. O incumprimento das condicións recollidas nas presentes bases, así como a renuncia, terá como efecto a obrigatoriedade, de ser o caso, de devolución da cantidade percibida, á que se lle engadirán os correspondentes xuros de mora.

3. O/a beneficiario/a ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

missing image file
missing image file