Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39314

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 24 de maio de 2022 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Curtis.

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-22-01.

Antecedentes.

1. Na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, defínense os polígonos agroforestais como un dos instrumentos de recuperación de terras, que teñen por obxecto prioritario (artigo 67) poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que alcanzaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización. Así mesmo, no artigo 70.2 establécese que se dará carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos agroforestais cando sexa necesaria a ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización.

2. O sector primario representa o segundo sector en importancia no termo municipal, despois do de servizos. A práctica totalidade de actividades relacionadas co sector primario que se desenvolven neste municipio teñen que ver coa gandaría. A agricultura está na maioría dos casos asociada a ela. O sector forestal, a pesar de ter certo peso, non representa a vía principal de renda da maior parte das actividades con el relacionadas.

3. Realizáronse reunións con gandeiros da zona os días 9.3.2020 e 28.7.2020 nas cales se evidenciou unha dobre necesidade, por un lado a mellora da ordenación dos usos agrogandeiros e, por outro lado, o acceso a máis base territorial coa que ampliar as súas explotacións. Despois das xuntanzas, fíxose unha enquisa entre as explotacións gandeiras da zona proposta para polígono agroforestal, en que o tamaño da mostra comprendía 118 explotacións. Como resultado da enquisa, case o 60 % dos enquisados indican a necesidade de incrementar a base territorial da súa explotación, sendo a modalidade de adquisición preferente o arrendamento.

4. A identificación de novas repoboacións do xénero eucaliptus en terras catalogadas no Plan xeral de ordenación municipal como solo rústico de protección agropecuaria, constituídas por solos con alta aptitude agrícola, poñen de manifesto a necesidade de ordenación de usos e a planificación nesta zona, mediante a elaboración dun catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais. No artigo 25 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establécese que o catálogo clasificará a totalidade dos terreos agroforestais en agropecuarios ou forestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial a partir da análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos, e establecerá a regulación de usos permitidos, prohibidos e autorizables correspondente aos terreos agropecuarios e forestais.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, a que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Agader «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais, que se rexen polo disposto nos artigos 67 a 72 e 83 a 109 do dito corpo normativo.

3. Obxecto ou finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Curtis ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

A mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Do mesmo xeito, ao iniciar o polígono agroforestal poderase realizar o catálogo parcial de usos agropecuarios e forestais, que permita regular os usos para o ámbito territorial delimitado, tal e como se establece no artigo 31 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

4. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

Procede desenvolver o polígono agroforestal polas seguintes razóns:

– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 19.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE MDEnFITdhaM0 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

– O termo municipal de Curtis posúe unha grande importancia agrogandeira a nivel autonómico, con numerosas explotacións que manifestaron a necesidade en incrementar a súa base territorial.

– A elaboración dun catálogo de usos parcial permitirá ordenar e regular os usos agropecuarios e forestais.

5. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O perímetro proposto é o que consta no certificado emitido o 19.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE omdTI1S6Ghr0 verificable en https://sede.xunta.gal/cve

No polígono agroforestal non se computa a superficie en produción achegada por explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, polo que se presume un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 19.5.2022 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE MDEnFITdhaM0 verificable en https://sede.xunta.gal/cve. Non procede a excepción deste requisito por non darse os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).

De conformidade co previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, participan os montes veciñais existentes; neste caso, nos datos catastrais identifícanse parcelas a nome do Monte Veciñal de Abeledo Vila Porte Pon, Monte Veciñal da Hedrada, Monte Vecinal de Pedreira e Hedrada e Monte Veciñal de San Cristovo, sen que se teña constancia da existencia de ningún monte veciñal con esas denominacións no ámbito do perímetro proposto. No desenvolvemento do proceso de constitución do polígono agroforestal, en caso de participación dun monte veciñal en man común, este terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos, agás acordo favorable, coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada lei, os montes veciñais en man común que estean xestionados cautelarmente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.

Por outra parte, das máis de 3.000 hectáreas que conforman a área de actuación do polígono agroforestal, máis de 160 ha atópanse en investigación nos datos de titularidade catastral, o que indica que máis do 5 % da superficie presenta problemas para identificar o titular.

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Agader, para o que ten que dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Unha vez realizadas as actuacións para dispor do acordo das persoas titulares, de non acadarse esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

6. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

7. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

No presente caso, concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2.b) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 12 meses.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Agader para a súa aprobación, consonte o previsto no artigo 84.2 da citada lei.

9. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Agader, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte ao do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se ditase e notificase a resolución correspondente, o procedemento caducará e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón da materia e do territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal e dos pregos de condicións que rexan o procedemento de concorrencia e a súa apertura é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e, polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Por todo o exposto,

ACORDO:

O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Curtis.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún; poderase unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural