Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39320

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 23 de xuño de 2022 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Remuíño, no concello da Arnoia (Ourense).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-22-02.

Antecedentes.

1. O concello da Arnoia carece de zonas de concentración parcelaria (en execución ou rematadas), o que fai que o parcelario non se axuste ás necesidades actuais compoñéndose por parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados, a maior parte por servidumes de paso desde outras parcelas. Isto ocasiona unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, tamén comporta a proliferación de incendios forestais.

2. Con data do 9 de febreiro de 2020 (data da acta fundacional) creouse a Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño (G-32507931), constituída por 141 propietarios. En novembro de 2021 esta asociación puxo en coñecemento da Agader o seu interese na creación dun polígono agroforestal na zona de Remuíño.

3. A zona delimitada como perímetro para o polígono agroforestal de Remuíño posúe importantes cualidades agronómicas para o aproveitamento agrario dos terreos, que presentan distintos graos de abandono ou infrautilización.

4. O concello da Arnoia conta con gran tradición vitivinícola, é por isto polo que se atopa incluído na denominación de orixe Ribeiro, contando con gran volume de actividade económica vinculada a este sector. Este sector atópase actualmente en crecemento demandando cada vez máis infraestrutura sobre a cal se poida desenvolver, mais este crecemento vese freado pola problemática que presenta o parcelario agrario da zona.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Agader «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais de iniciativa pública, que se rexen polo disposto nos artigos 4 k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.

3. Este procedemento réxese polo disposto pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; o Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado por Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

4. Obxecto e finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Remuíño (A Arnoia) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:

– Existir unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 22.6.2022 polo xefe da área de xestión de Mobilidade de Terras, CVE ZGjpWc79vzr1.

– Dispor de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares da superficie que representa, o 82,15 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono (artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia). En relación coa exixencia de documentación citada, recibiuse no rexistro da Axencia Turismo de Galicia da documentación de adhesión ao proxecto o 25.11.2021 con número de entrada 1604/RX2776833; e no rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural os días 21.12.2021 co número de entrada 2893/RX2985433 e o 22.12.2021 co número de entrada 2021/2995888.

– A zona delimitada está na área de actuación da denominación de orixe de viñedo do Ribeiro.

6. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Agader, para o que ten que dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no informe emitido o 22.6.2022 polo xefe da área de xestión de Mobilidade de Terras, CVE o8DwGaGdtGD9.

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 22.6.2022 polo xefe da área de xestión de Mobilidade de Terras, CVE ZGjpWc79vzr1.

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, ningún monte veciñal en man común participa no polígono agroforestal.

7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

No presente caso, cúmprese o requisito para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no artigo 70.2.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, será de 9 meses, prorrogables a un máximo de 4 meses.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Agader para a súa aprobación, consonte co previsto no artigo 84.2 da citada lei.

10. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Agader, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se teña ditado e notificado a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve

12. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal e dos pregos de condicións que rexan o procedemento de concorrencia e a súa apertura é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Agader, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Por todo o exposto,

ACORDO:

Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Remuíño, no Concello da Arnoia (Ourense).

Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 9 meses, prorrogables a un máximo de 4 meses.

Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún, podendo unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural