Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 11 de xullo de 2022 Páx. 39351

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

ORDE do 27 de xuño de 2022 pola que se crea a Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola, garantindo a mellora das condicións de vida e o traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais.

O artigo 148.1.11 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en «materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura». Por outra parte, o seu artigo 149.1.19 outorga ao Estado a competencia exclusiva sobre «a pesca marítima, sen prexuízo das competencias que na ordenación do sector se atribúan ás comunidades autónomas».

O Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en diante, FEMP), establece no seu artigo 6 as prioridades da Unión Europea para contribuír á estratexia Europa 2020 e á aplicación da política pesqueira común, en conexión cos obxectivos temáticos enumerados no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns aos fondos europeos. Neste sentido, o obxectivo temático 6 consiste en «conservar e protexer o ambiente e promover a eficiencia dos recursos». Doutra banda, a prioridade 1 do artigo 6 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 fai mención a «fomentar unha pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento», desenvolvendo obxectivos específicos entre os que se atopan: «a redución do impacto da pesca no medio mariño, o que incluirá evitar e reducir, na medida do posible, as capturas non desexadas; a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos; o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles; o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal e mellora das condicións de seguridade e traballo; o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, incluído o aumento da eficiencia enerxética e a transferencia de coñecementos, e o desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias profesionais e da formación permanente».

O artigo 28 do mencionado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, referido ás asociacións entre o sector da investigación e o sector pesqueiro, establece que, coa finalidade de fomentar a transferencia de coñecementos entre o sector da investigación e o sector pesqueiro, o FEMP poderá conceder axudas, tanto á creación destas redes ou asociacións, como ás actividades realizadas no marco delas, podendo comprender a recompilación de datos e actividades de xestión, estudos, proxectos piloto, difusión de coñecementos e resultados de investigacións, seminarios e mellores prácticas, así mesmo a accións dirixidas á creación de redes, acordos de asociación ou asociacións entre un ou varios organismos científicos independentes e o sector pesqueiro, en que poden participar organismos técnicos.

Pola súa banda, o Programa operativo español, no seu número 2.1, valora como unha oportunidade do FEMP a coordinación entre organismos científicos e sector, á vez que considera o reforzo da colaboración entre organismos científicos, organismos xestores e sector como un dos principais obxectivos para obter un crecemento sustentable. O número 3.1 do devandito programa operativo (prioridade 1) describe a estratexia global para a programación do sector pesqueiro español, establecendo que «para garantir un sector pesqueiro plenamente competitivo a longo prazo, é necesario acompañar este crecemento sustentable dun crecemento intelixente baseado na transferencia de coñecementos e a mellora das capacidades», mencionando que para iso se fomentará a colaboración entre organismos científicos e sector.

Por último, e con carácter xeral, é de destacar tamén a importancia que tanto o FEMP como o Programa operativo outorgan ao fomento da participación da sociedade civil no desenvolvemento sustentable da pesca.

En consecuencia, en virtude das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación e adscrición da Rede

1. Créase a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, a Rede), coa finalidade de fomentar o intercambio e a transferencia de coñecementos entre os organismos científicos, o sector pesqueiro e a Administración pesqueira de Galicia.

2. A Rede configúrase como un órgano colexiado dos previstos na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e adscríbese á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 2. Obxectivos da Rede

Os obxectivos da Rede son os seguintes:

a) Fomentar a colaboración entre todos os axentes relacionados cos recursos mariños na formulación de coñecemento e na obtención da mellor información dispoñible para a xestión e ordenación pesqueira da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Facilitar o coñecemento mutuo e mellorar a transferencia de información e coñecementos entre organismos científicos, sector pesqueiro, representantes da sociedade civil e da Administración pesqueira, así como a colaboración, o debate e a participación sobre os temas de interese para a sustentabilidade ecosistémica, económica e social da pesca.

c) Sinalar liñas de investigación para contribuír de forma eficaz a unha xestión sustentable dos stocks e caladoiros galegos en termos ambientais, sociais e económicos, así como promover a formación de consorcios e o seguimento de proxectos de colaboración.

d) Acadar un sector pesqueiro plenamente sustentable, seguro e competitivo a medio e longo prazo.

Artigo 3. Funcións da Rede

A Rede realizará as seguintes funcións:

a) Promover a participación activa do sector pesqueiro en proxectos de investigación, mostraxes, monitoraxe e probas tecnolóxicas.

b) Proporcionar o seguimento científico necesario para as actividades de xestión dos recursos mariños, incorporando o coñecemento do sector pesqueiro na xestión.

c) Promover estudos, proxectos piloto, recompilación de datos e accións de seguimento que contribúan a alcanzar, a nivel galego, unha xestión sustentable dos stocks e caladoiros de pesca, baixo un enfoque ecosistémico e a niveis de rendemento máximo sustentable e atendendo a criterios socioeconómicos.

d) Realizar e fomentar a participación en accións de divulgación científica, sensibilización e capacitación mediante os seminarios e as mellores prácticas que a Rede considere necesarias para avanzar cara ao desenvolvemento sustentable dos recursos pesqueiros.

e) Establecer grupos de traballo de análise e estudo, ou de coordinación da iniciativa para o desenvolvemento do sector pesqueiro.

f) Realizar outras tarefas de asesoramento no campo da pesca que lle solicite a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

g) Realizar calquera outra actividade necesaria para o cumprimento dos seus fins e obxectivos.

As funcións da Rede realizaranse tendo en conta a perspectiva de xénero.

Artigo 4. Composición da Rede

1. A Rede terá a seguinte composición:

a) A Presidencia, que corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) A Vicepresidencia Primeira, que terá carácter rotatorio anual entre o sector pesqueiro e os organismos científicos participantes na Rede. Corresponderá inicialmente á persoa proposta para tal efecto pola Federación Galega de Confrarías e, seguidamente, a unha persoa proposta polos vogais dos organismos científicos participantes.

c) A Vicepresidencia Segunda, que terá carácter rotatorio anual entre o sector pesqueiro e os organismos científicos participantes na Rede. Corresponderá inicialmente á persoa proposta para ese efecto polas vogalías dos organismos científicos participantes e, seguidamente, a unha persoa proposta pola Federación Galega de Confrarías.

d) As vogalías en representación dos organismos científicos e do sector pesqueiro que a continuación se relacionan, por proposta das distintas organizacións ou institucións:

1º. Unha persoa investigadora da área de Recursos Mariños do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

2º. Unha persoa do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

3º. Unha persoa do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico.

4º. Unha persoa investigadora do ámbito mariño de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia.

5º. Dúas persoas investigadoras da Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), das cales unha pertencerá ao Instituto de Investigacións Mariñas e outra ao Instituto Español de Oceanografía, ambas as dúas propostas polas direccións dos citados institutos.

6º. Unha persoa por cada federación provincial de confrarías de pescadores de Galicia.

7º. Dúas vogalías do Pleno do Consello Galego de Pesca.

8º. Unha persoa profesional pertencente ao colectivo do marisqueo a pé, por proposta da Federación Galega de Confrarías.

9º. Unha persoa profesional pertencente á Federación Galega de Redeiras.

10º. Unha persoa representante dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) con sede en Galicia.

e) A Secretaría da Rede corresponderá á persoa que ocupe a subdirección xeral con competencias en investigación mariña na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2. As persoas que exerzan a Vicepresidencia Primeira e a Vicepresidencia Segunda, así como as vogalías, serán nomeadas pola persoa titular da Dirección Xeral Desenvolvemento Pesqueiro.

3. Tanto na composición da Rede como nos grupos de traballo ou calquera outro órgano multipersoal que se poida crear seguirase o principio de presenza equilibrada de homes e mulleres, conforme o previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Igualdade.

Para poder dispor de datos desagregados por razón de sexo, incorporarase a perspectiva de xénero en calquera recompilación que se poida facer.

Artigo 5. Presidencia

Correspóndenlle á Presidencia as seguintes funcións:

a) Velar pola correcta aplicación das medidas do artigo 6, prioridade 1, do Regulamento (UE) regulador do FEMP.

b) Coordinar os grupos de traballo constituídos dentro da Rede.

c) As sinaladas con carácter xeral no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Artigo 6. Vicepresidencias

Correspóndelle á Vicepresidencia Primeira substituír a Presidencia no caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como o desenvolvemento das funcións que a Presidencia expresamente lle delegue.

No caso de vacante, ausencia ou enfermidade da Vicepresidencia Primeira, corresponden á Vicepresidencia Segunda as funcións sinaladas no parágrafo primeiro.

Artigo 7. Secretaría

1. A Secretaría terá as seguintes funcións:

a) Coordinar a realización dos informes anuais de execución, en que se recollerán as actuacións e progresos acadados pola Rede e que serán obxecto de publicidade na páxina web da Xunta de Galicia.

b) As sinaladas con carácter xeral no artigo 18 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. A Secretaría da Rede levantará actas das reunións, que se remitirán á Presidencia.

3. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a persoa que desempeñe a Secretaría poderá ser substituída por outra persoa funcionaria, con nivel mínimo de xefe de servizo, da subdirección xeral con competencias en investigación mariña, designado pola persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 8. Vogalías

1. Correspóndenlles ás vogalías as seguintes funcións:

a) Trasladar á Secretaría a información relativa a todas as accións que leven a cabo dentro do marco da Rede.

b) Dar a máxima visibilidade ás actuación citadas nas páxinas web das súas institucións ou asociación.

c) Colaborar na organización das sesión plenarias, seguindo as directrices que estableza a Secretaría.

d) As sinaladas con carácter xeral no artigo 17 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, as vogalías poderán ser substituídas por outra persoa da mesma entidade, organización ou institución que as propuxo.

Artigo 9. Funcionamento da Rede

a) A Rede reunirase polo menos unha vez no ano, logo de convocatoria acordada pola Presidencia. Así mesmo, a Presidencia poderá convocar sesións extraordinarias cando o considere xustificado ou cando o solicite unha terceira parte das vogalías que a integren.

b) As convocatorias ordinarias efectuaranse, polo menos, con dez días de antelación á data da reunión. Para as extraordinarias poderá reducirse este prazo, que en ningún caso será inferior a tres días antes da data da reunión.

c) Para a válida constitución en primeira convocatoria será necesaria a presencia das persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría, ou persoas que as substitúan, e da metade máis un dos seus membros. En segunda convocatoria, que se entenderá producida con carácter automático transcorridos quince minutos da primeira, bastará coa asistencia, ademais da presidencia e da secretaría, da terceira parte dos seus membros.

d) No caso da falta de proposta das vogalías por algunha organización, asociación ou federación, adaptaranse os quórums ao número de vogalías designadas efectivamente.

e) A Rede poderá invitar ás sesións persoas que, non formando parte dela, representen entidades xuridicamente recoñecidas, representativas dos sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola, que desenvolvan actividades concretas vencelladas aos proxectos ou estudos realizados puntualmente pola Rede, así como as persoas expertas que considere oportunas.

f) Para o mellor cumprimento dos fins, a Rede poderá constituír grupos de traballo para a análise e estudo de temas concretos que sirvan de apoio ás funcións desenvolvidas pola Rede. O acordo de constitución dos grupos de traballo incluirá a determinación do seu réxime de funcionamento, función e composición. Ás reunións dos grupos de traballo poderán asistir como invitadas todas as persoas cuxa participación se considere útil para o traballo que se vaia realizar.

g) No non previsto nesta orde ou no regulamento interno que se poida establecer, o funcionamento da Rede axustarase ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Adopción de acordos

Os acordos serán adoptados pola maioría simple dos seus membros.

Disposición adicional primeira. Non incremento de gasto público

A constitución e o funcionamento da Rede non suporá incremento do gasto público e serán atendidos cos medios técnicos e orzamentarios da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. En ningún caso poderán implicar o incremento de dotacións, nin de retribucións, nin doutros custos de persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional segunda. Extinción

A Rede rematará as súas funcións e considerarase extinguida unha vez cumpridos os obxectivos e funcións que determinan a súa creación. A extinción efectuarase mediante orde da persoa titular da Consellería do Mar.

Disposición transitoria única. Constitución da Rede

A constitución da Rede realizarase no prazo máximo de cinco meses desde a entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o dia seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar