Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 11 de xullo de 2022 Páx. 39364

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022 pola que se invita os posibles beneficiarios para que manifesten o seu interese en acceder a axudas para actuacións en materia de residuos cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU) para o período 2022-2026.

O artigo 1 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dispón que esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

O artigo 10 do referido decreto establece que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

No eido das competencias anteriormente enunciadas, é vontade desta consellería continuar a ofrecer axudas a actuacións e proxectos en desenvolvemento da normativa de residuos, dentro das actuacións incluídas no Mecanismo de recuperación e resiliencia, Eixe/Compoñente 12: Política industria de España, Medida/Investimento I3: apoio á implementación da normativa de residuos e ao fomento da economía circular (Residuos e Economía circular), Submedida 001: Residuos e Economía Circular, Modalidade de Financiamento 4620-MRR do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Toda actuación ou proxecto desenvolvido neste marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia e o Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia estará sometido á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa de UE, nacional e autonómica aplicable a estes fondos na xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como as específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento, quedando suxeitas ás actuacións recollidas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no devandito plan.

Neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19 e regulado segundo o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia. Resultando tamén de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información a proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Así mesmo, todas as actuacións que se executen dentro do marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de «non causar prexuízo significativo» aos seguintes obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento e do Consello, do 18 de xuño, de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar investimentos sustentables (principio DNSH):

a) A mitigación do cambio climático.

b) A adaptación ao cambio climático.

c) O uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños.

d) A economía circular.

e) A prevención e control da contaminación.

f) A protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

O Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente con data do 14 de abril de 2021 senta as bases reguladoras das axudas que van convocar as comunidades autónomas e a repartición propiamente dita das axudas para o Plan de apoio á implementación da normativa de residuos, Programa de economía circula e PIMA residuos, establecendo as seguintes liñas de actuación:

Liña 1. Implantación de novas recollidas separadas, especialmente biorresiduos, e mellora das existentes.

1.1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe, dixestión anaerobia ou ambas).

1.2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica e comunitaria.

1.3. Proxectos de implantación ou mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo a valorización, especialmente para a obtención de biocarburante.

1.4. Proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos á preparación para a reutilización ou reciclaxe.

Liña 2. Construción de instalacións específicas para o tratamento dos biorresiduos recollidos separadamente.

Liña 3. Construción de novas instalacións de preparación para a reutilización e a reciclaxe doutros fluxos de residuos recollidos separadamente.

3.1. Construción de instalacións de preparación para a reutilización de fluxos de residuos recollidos separadamente.

3.2. Construcción de instalacións de reciclado de residuos téxtiles.

3.3. Construción de instalacións de reciclado de residuos de plástico.

Liña 4. Investimentos relativos a instalacións de recollida (como puntos limpos), triaxe e clasificación (envases, papel, etc.), mellora das plantas de tratamento mecánico-biolóxico existentes e para a preparación de CSR.

4.1. Proxectos de construción e mellora de instalacións de recollida (como puntos limpos; inclúe recollida de residuos téxtiles e residuos domésticos perigosos).

4.2. Proxectos de construción e mellora de instalacións de triaxe e clasificación de residuos (envases, papel, etc.).

4.3. Proxectos para a mellora das instalacións de tratamento mecanicobiolóxico existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais susceptibles de ser reciclados.

4.4. Proxectos de construción e mellora de plantas para a preparación de combustible sólido recuperado (CSR).

En desenvolvemento das ditas liñas 1 (1.1., 1.2., 1.3, 1.4) e 3.3., a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de ditar as seguintes ordes de axudas:

• Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convoca en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975J).

• Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convoca en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

• Orde do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a Pemes, autónomos, asociacións e fundacións de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas á preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convoca en réxime de concorrencia competitiva por anticipado de gasto para o ano 2022 (código de procedemento MT975L).

• Orde do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convoca en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT975M).

A restrinxida marxe de actuación no deseño das axudas imposta polo Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de data do 14 de abril de 2021 (https://www.miteco.gob.es/es/calidad-y-evaluacion-ambiental/temas/prevencion-y-gestion-residuos/report_certificadoacuerdo3residuoscsma14-4-21_tcm30-525645.pdf), de obrigado cumprimento para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, deviu en que a acollida destas axudas por parte dos eventuais beneficiarios fose menor da desexada.

Así, co fin de identificar as necesidades reais dos posibles beneficiarios (municipios ou outras entidades locais (mancomunidades, deputacións, etc.), ou os consorcios constituídos polas ditas entidades locais, que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos e que presenten proxectos sobre os servizos da súa competencia para o seu financiamento; entidades xurídicas públicas e privadas (empresas, asociacións, gremios, fundacións, entidades sen ánimo de lucro, escolas e universidades, etc.) que xeren residuos comerciais non perigosos ou domésticos xerados nas industrias, e presenten un proxecto de recollida separada; xestores de residuos) para garantir, no ámbito das súas competencias, o cumprimento dos obxectivos en materia de residuos marcados pola normativa sectorial, lánzase a presente manifestación de intereses co obxecto que a continuación se expón.

Por unha banda, interesa coñecer o parecer dos posibles beneficiarios respecto das limitacións establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente en materia de conceptos financiables, prazos de execución e porcentaxes de financiamento, sen prexuízo de que se pronuncien respecto doutros aspectos do dito acordo, sempre baixo a perspectiva de dar efectivo cumprimento dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.

Por outra, solicítase aos beneficiarios a presentación de proxectos concretos que, ben cinguíndose ás bases e liñas establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, de data 14 de abril de 2021, ou fóra delas, reflictan as necesidades reais daqueles de cara ao efectivo cumprimento, como se ten dito, dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro.

Anunciar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a estudar a convocatoria de novas axudas cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, nos termos que a continuación se desenvolverán.

A información recollida terá como obxectivo axudar á concreción das liñas estratéxicas de actuación, cos seus mecanismos de financiamento ou outros mecanismos de apoio, así como os parámetros técnicos que deben rexer, se é o caso, a avaliación ou selección das actuacións, así como aquelas entidades interesadas en desenvolvelas.

Segundo. Interesados

Poderán ser beneficiarios de futuras axudas neste eido e, porén, interesados nesta manifestación de interese:

a) Os municipios ou outras entidades locais (mancomunidades, deputacións, etc.), ou os consorcios constituídos polas ditas entidades locais, que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos e que presenten proxectos sobre os servizos da súa competencia para o seu financiamento.

b) As entidades xurídicas públicas e privadas (empresas, asociacións, gremios, fundacións, entidades sen ánimo de lucro, escolas e universidades, etc.) que xeren residuos comerciais non perigosos ou domésticos xerados nas industrias, e presenten un proxecto de recollida separada; ou

c) Os xestores de residuos.

Terceiro. Obxecto e finalidade

O obxecto e finalidade desta manifestación de intereses é o de identificar as necesidades reais dos posibles beneficiarios de cara a garantir, no ámbito das súas competencias, o cumprimento dos obxectivos en materia de residuos marcados pola normativa sectorial.

Cuarto. Contido da manifestación de interese

En particular, interesa coñecer o parecer dos posibles beneficiarios respecto das limitacións establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente en materia de conceptos financiables, prazos de execución e porcentaxes de financiación, sen prexuízo de que poidan pronunciarse respecto doutros aspectos do dito acordo.

Por outra banda, solicítase aos beneficiarios a presentación de proxectos concretos que, ben cinguíndose ás bases e liñas establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de data 14 de abril de 2021, ou máis amplos, reflictan as necesidades reais daqueles de cara ao efectivo cumprimento, como se ten dito, dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.

O contido da manifestación de interese cinguirase ao indicado no anexo I desta resolución.

Cuarto. Prazo e forma de presentación da manifestación de intereses

Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os posibles interesados que así o desexen poidan comunicar as propostas de proxectos ou actuacións que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que se poidan deseñar.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos na presente resolución e nos seus anexos e deberán presentarse telematicamente mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:

– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Las solicitudes presentaranse dirixidas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental.

Para consultas relacionadas con esta manifestación de interese habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Quinto.

A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación correrán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de axudas ou subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Sexto.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos.

Así mesmo, a presente resolución está informada polos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación; eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos recollidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A participación neste procedemento non outorga dereito nin preferencia algunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sétimo.

A participación nesta manifestación de interese non será un criterio de valoración previo nin unha condición requirida para o acceso ao posible financiamento.

Oitavo.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa finalidade de tramitar este procedemento, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue para comprobar a exactitude destes, levar a cabo as actuacións administrativas que deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos persoais incluiranse na Carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos, derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigo 6.1, letras c) e e), do RXPD, e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e as obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022

Mª Sagrario Perez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Contido da manifestación de interese

Número de páxinas: 20 (tamaño de letra 12 puntos). Os contidos que aparecen a continuación deben entenderse como orientadores e poderán axustarse segundo as necesidades, o coñecemento previo e o grao de madurez do proxecto, respectando o límite de extensión indicado.

1. Datos básicos.

1.1. Identificación das entidades interesadas.

Entidade

CIF

Nome do representante

Cargo

Enderezo

Correo electrónico

Teléfono

1.2. Presentación e descrición da entidade.

1.3. Estados financeiros dos últimos tres anos, conta de perdas e ganancias máis balance (para o caso de entidades públicas ou privadas e xestores de residuos).

1.4. Experiencia en proxectos desenvolvidos con anterioridade relacionados co que se propón (para o caso de entidades públicas ou privadas e xestores de residuos).

1.5. Parecer dos posibles beneficiarios respecto de:

– Conceptos financiables.

– Prazos de execución.

– Porcentaxes de financiación.

– Outros aspectos.

1.6. Datos básicos do proxecto.

Título do proxecto

Breve descrición do proxecto (máx. 500 caracteres)

Encaixe nas liñas de actuación do Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, se é o caso.

Liña 1. Implantación de novas recollidas separadas, especialmente biorresiduos, e mellora das existentes.

1.1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe, dixestión anaerobia ou ambas).

1.2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica e comunitaria.

1.3 Proxectos de implantación u mellora da recollida separada de aceite de cociña usado xerado no ámbito doméstico, do comercio e servizos, para destinalo a valorización, especialmente para a obtención de biocarburante.

1.4. Proxectos de implantación ou mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos a preparación para a reutilización ou a reciclaxe.

Liña 2. Construción de instalacións específicas para o tratamento dos biorresiduos recollidos separadamente.

Liña 3. Construción de novas instalacións de preparación para a reutilización e a reciclaxe doutros fluxos de residuos recollidos separadamente.

3.1. Construción de instalacións de preparación para a reutilización de fluxos de residuos recollidos separadamente.

3.2. Construcción de instalacións de reciclaxe de residuos textiles.

3.3. Construción de instalacións de reciclaxe de residuos de plástico.

Liña 4. Investimentos relativos a instalacións de recollida (como puntos limpos), triaxe e clasificación (envases, papel, etc), mellora das plantas de tratamento mecánico-biolóxico existentes e para a preparación de CSR.

4.1. Proxectos de construción e mellora de instalacións de recollida (como puntos limpos; inclúe recollida de residuos téxtiles e residuos domésticos perigosos).

4.2. Proxectos de construción e mellora de instalacións de triaxe e clasificación de residuos (envases, papel, etc.).

4.3. Proxectos para a mellora das instalacións de tratamento mecánicobiolóxico existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais susceptibles de ser reciclados.

4.4. Proxectos de construción e mellora de plantas para a preparación de combustible sólido recuperado (CSR).

Intereses dos beneficiarios que excedan as anteriores liñas

2. Descrición do proxecto.

Os proxectos que van presentar os interesados poderán cinguirse a algunha ou algunhas das liñas indicadas no cadro anterior, que traen orixe do Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, con data do 14 de abril de 2021, ou ser de carácter máis amplo, co fin de coñecer as necesidades reais dos posibles beneficiarios de cara ao efectivo cumprimento, dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.

Así mesmo, interesa coñecer o parecer dos posibles beneficiarios respecto das limitacións establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente en materia de conceptos financiables, prazos de execución e porcentaxes de financiamento, sen prexuízo de que se pronuncien respecto doutros aspectos do dito acordo, sempre baixo a perspectiva de dar efectivo cumprimento dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.

2.1. Localización.

• Municipio:

• Provincia:

2.2. Introdución e diagnose da situación actual.

2.3. Tipoloxía e nome do proxecto.

Tipoloxía do proxecto (liña):

Nome do proxecto:

2.4. Descrición detallada do proxecto.

2.5. Identificación e datos de contacto dos responsables técnicos.

Nome

Ocupación

Enderezo

Teléfono

Correo electrónico

2.6. Obxectivos do proxecto e das súas actuacións.

2.7. Plan de actuacións.

2.8. Campañas de información e sensibilización (de ser o caso).

2.9. Orzamento estimado.

Anualidade

Actuación

Importe base (sen IVA)

Total (con IVE)

Achega do interesado

Sen prexuízo deste resumo, acompañarase orzamento dividido por partidas xerais.

2.10. Financiamento do proxecto.

Fondos propios que achegue o interesado, necesidades de financiamento externo e grao de apoio público. Información sobre axudas solicitadas e concedidas e organismo concedente.

2.11. Programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto.

Presentarase un cronograma por actuacións e anualidades sinalando as datas de inicio e fin previstas e os fitos intermedios, de acordo co horizonte temporal desta manifestación de interese (2022-2026).

3. Impacto e beneficios do proxecto.

3.1. Impacto no emprego.

Estimación do impacto sobre o emprego local (FTEs), diferenciando entre emprego recorrente, emprego directo de construción e emprego indirecto.

• Emprego directo (XX+YY) FTEs.

◦ Emprego directo recorrente: XX FTEs.

◦ Emprego directo de construción: YY FTEs.

• Emprego indirecto: ZZ FTEs.

3.2. Impacto ambiental.

Redución estimada de toneladas de CO2 como resultado do proxecto. Xustificar cuantificación.

3.3. Contribución a outros compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Explicar brevemente, se aplica, a relación do proxecto cos seguintes compoñentes:

Transición xusta

Transición dixital

Reto demográfico e loita contra o despoboamento

Relacións ou sinerxias con outros proxectos ou iniciativas existentes