Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Luns, 11 de xullo de 2022 Páx. 39429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da instalación solar fotovoltaica que Tecnorenova Solar, S.L.U. promove no concello de Vilalba.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Tecnorenova Solar, S.L.U. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 7 de maio de 2021 Tecnorenova Solar, S.L.U. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica de 750 kW de potencia nominal e 842,40 kWp de potencia pico, situada no concello de Vilalba (Lugo).

Segundo. Con data do 17 de agosto 2021 presenta unha modificación do proxecto de execución denominado Modificado do proxecto planta solar fotovoltaica 750 kW FV Porto Barroso, polo que se incrementa a potencia pico da instalación fotovoltaica ata os 999,18 kWp mantendo a potencia nominal inicial de 750 kW mediante un Power Plant Controller.

Terceiro. Mediante Acordo do 21 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha planta solar fotovoltaica no concello de Vilalba, Lugo (expediente LU-2021-03), que se publicou o 27 de decembro de 2021 no Diario Oficial de Galicia núm. 247 cunha potencia instalada de 750 kW.

A continuación resúmese o contido da alegación presentada durante o período de información pública:

• Exponse o efecto negativo da selaxe do solo con material artificial impermeable e a necesidade de previr ou minimizar a selaxe de solos.

• Maniféstase a existencia en Galicia dun elevado número de cubertas sobre edificacións con posibilidade de acoller placas solares polo que resulta inaceptable a intención de destruír solos naturais ou cultivados, ao tratarse dun recurso non renovable a escala humana, para instalar plantas solares fotovoltaicas, polo que se solicita o descarte total e definitivo do proxecto.

Cuarto. Con data do 20 de decembro de 2021, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa previa e de construción da instalación solar fotovoltaica de referencia.

Quinto. Con data do 21 de decembro de 2021, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo remitiu a empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) unha separata do proxecto da instalación co fin de que formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. O 21 de xaneiro de 2022 a citada empresa remite un escrito no cal expresa a súa conformidade e non se presentou ningún condicionado ao proxecto remitido.

Sexto. Con data do 5 de maio de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo remitiu ao Concello de Vilalba unha separata do proxecto da instalación co fin de que formule o condicionado técnico procedente de acordo co recollido na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. O 10 de maio de 2022 o Concello remite un informe técnico urbanístico favorable do 9 de maio de 2022 do proxecto da planta fotovoltaica na parcela con referencia catastral 7065A111008670000MK. Non se presentou ningún condicionado ao citado proxecto.

Sétimo. Con data do 3 de maio de 2022 requíreselle a Tecnorenova Solar, S.L.U. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa achegou a documentación requirida con data do 4 de maio de 2022, así como documentación complementaria o 3 de maio de 2022 e o 31 de maio de 2022.

Oitavo. A planta solar fotovoltaica de referencia conta cun informe favorable de aceptabilidade desde a perspectiva da operación do sistema por afección á rede de transporte emitido o 31 de agosto de 2020 polo xestor da dita rede. Así mesmo, conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia nominal de 750 kW, de acordo co informe do xestor da mencionada rede do 21 de decembro de 2020.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, segundo o disposto na disposición transitoria do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas previstas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, e neste caso o seu outorgamento correspóndelle á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Dirección Xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. A instalación solar fotovoltaica de referencia non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non atoparse prevista nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Sexto. En relación coa alegación presentada durante a tramitación do expediente, recollida no anexo desta resolución, e resumida no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e a resposta efectuada pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. Con respecto á alegación relativa ao efecto negativo da selaxe do solo con material artificial impermeable non é aplicable ao proxecto dado que instalación que se pretende executar non conta con cimentacións e as estruturas que soportan os paneis atópanse fincadas no chan, non impedíndose o acceso da auga da choiva ao terreo.

2. En relación coa alegación relativa á existencia en Galicia de numerosas cubertas con opcións para acoller placas solares en lugar de empregar solos naturais ou cultivados debemos indicar que:

a. O proxecto adecuase á normativa vixente de aplicación, tanto a urbanística como a ambiental.

De acordo coas normas subsidiarias do concello de Vilalba e coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, a construción da planta efectuarase nun terreo cualificado como solo rústico común, que se considera como uso admisible, de acordo co artigo 35.1.m), a implantación dunha instalación de produción de enerxía.

A instalación fotovoltaica de referencia non se atopa prevista en ningún dos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

b. A inviabilidade técnica da instalación de paneis solares fotovoltaicos sobre tellado debido ás perdas na produción orixinadas pola orientación fixa do tellado, e esta opción non permite a instalación dun sistema de seguimento.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Tecnorenova Solar, S.L.U. (B27504604) para unha instalación solar fotovoltaica promovida no concello de Vilalba (Lugo), segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para unha instalación solar fotovoltaica promovida no concello de Vilalba (Lugo) segundo o proxecto de execución denominado Modificado do proxecto planta solar fotovoltaica 750 kW FV Porto Barroso, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varea, colexiado nº 2.803 do ICOIIG.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotora: Tecnorenova Solar, S.L.U. (CIF B27504604).

Domicilio social: polígono industrial Sete Pontes, rúa Cerdeira P-A2B, 27800 Vilalba (Lugo).

Denominación do proxecto: modificación do proxecto planta solar fotovoltaica 750 kW FV Porto Barroso.

Situación: Vilalba (Lugo).

Parcelas con referencia catastral: 27065A111008670000MK.

Coordenadas da parcela en que se sitúa a instalación (ETRS89 UTM fuso 29):

Vértice

Posición X

Posición Y

1

610.974,7817

4.794.149,9862

2

611.073,1622

4.794.182,6502

3

611.175,2437

4.794.136,1682

4

611.196,8237

4.794.075,4882

5

611.138,4532

4.794.019,0762

6

611.027,8867

4.794.060,6482

7

611.024,7482

4.794.055,6372

8

611.007,1852

4.794.062,3737

9

611.024,7887

4.794.081,1847

Potencia instalada evacuable: 750 kW.

Características técnicas principais das instalacións:

• Instalación solar fotovoltaica conectada á rede de distribución de 750 kW de potencia nominal (999,18 kWp), formada por:

– Catrocentos sesenta e oito (468) módulos fotovoltaicos monocristalinos de 530 Wp e mil catrocentos catro (1.404) módulos de 535 Wp.

– Estrutura de seguidores a un eixe horizontal, accionados mediante módulos de xiro individuais, con movemento ±60º E-O, fincados directamente ao chan.

– Oito (8) inversores de potencia nominal unitaria 110 kW, regulados mediante un Power Plant Controller a 750 kW.

– Elementos de protección e medida.

– Centro de transformación (CT) en edificio prefabricado de formigón cun transformador de potencia de 1.000 kVA e relación de transformación 20/0,4 kV e un transformador de servizos auxiliares de 25 kVA e relación de transformación 20 kV/400-230 V, coas correspondentes celas de liña, medida e protección.

– Liña eléctrica subterránea de evacuación, a 20 kV, en condutor tipo RH5Z1 12/20 kV 3×(1×150) mm2 Al, de 50 m de lonxitude, desde o CT proxectado ata o centro de seccionamento, onde se realizará a conexión coa rede de distribución obxecto doutro expediente co número 2021-50 AT.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Tecnorenova Solar, S.L.U. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de tres meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

1. Alegación presentada durante o período de información pública indicado no antecedente de feito terceiro:

Serafín González Prieto, en nome e representación da Sociedade Galega de Historia Natural, 30.12.2021.