Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 15 de xullo de 2022 Páx. 40073

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

No ámbito da mobilidade, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén traballando desde hai anos no desenvolvemento duns sistemas de transporte que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio natural e os seus impactos sociais e económicos, apostando pola mobilidade sustentable e saudable.

Nesta liña, un primeiro fito, vén representado pola elaboración do Plan director de mobilidade alternativa de Galicia (PDMAG), entre os anos 2010 e 2014, cuxo obxecto fundamental era fomentar o uso dos modos de transporte non motorizados (moi especialmente a bicicleta, pero tamén a marcha a pé), incrementando a súa importancia na repartición modal con relación aos modos motorizados privados.

Un paso máis o constitúe a Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, a cal, a partir dunha modificación da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, que configura como un elemento funcional desta as sendas peonís e as vías para ciclistas, optimiza o espazo viario para permitir non só o fluxo de vehículos, senón tamén para complementalo coa posibilidade de dotalo dun espazo para a circulación peonil e ciclista, seguindo criterios como a poboación, o tráfico, a sinistralidade, a orografía e/o o clima.

Así pois, o fomento dos modos non motorizados alternativos ao coche constitúe a liña prioritaria de traballo desta consellería para o logro da devandita meta, sendo o peón e a bicicleta os actores fundamentais do cambio necesario da mobilidade cara a pautas de maior sustentabilidade, tanto no ámbito urbano, como no interurbano.

Os modos non motorizados son os máis eficientes para distancias de ata sete quilómetros, resultando que a maior parte dos desprazamentos que realiza a poboación a diario son ao redor desta lonxitude. O tope de rango de distancias asumible para a mobilidade cotiá en bicicleta adoita estar nuns 12 quilómetros, sendo un percorrido de 7 quilómetros o máis habitual. En canto á mobilidade cotiá peonil, o tope adoita estar nuns 4-5 quilómetros, sendo as distancias da orde de 2 quilómetros as máis habituais.

Preténdese así que os modos non motorizados constitúan unha peza esencial no sistema de transportes á que hai que dotar das condicións adecuadas, así como integrar de maneira eficaz co resto de modos, co fin de favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores; fomentar estratexias de redución do carbono para todo tipo de territorio, especialmente as zonas urbanas, incluído o fomento da mobilidade urbana multimodal sustentable e as medidas de adaptación con efecto de mitigación; contribuír ao desenvolvemento da mobilidade urbana e interurbana sustentable: mediante sendas ciclistas e peonís.

Recentemente, a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduce na nosa normativa legal o concepto de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable, as cales, configuradas como infraestruturas públicas de interese xeral, son definidas como aquelas que contribúan a un maior uso dos modos de transporte non motorizados ou do transporte público colectivo, en detrimento do uso dos vehículos privados de tracción mecánica, tales como vías ou camiños destinados á circulación peonil ou de vehículos de tracción humana, como as beirarrúas, as sendas peonís e os carrís para a circulación de bicicletas, os aparcamentos disuasorios, as plataformas reservadas para o seu uso por parte de vehículos de transporte público colectivo, as paradas e estacións de transporte e, en xeral, todas as que realicen unha función de interconexión entre elas.

En definitiva, o desprazamento do uso do vehículo privado a outras formas de mobilidade persoal ten distintos beneficios, entre os que se contan a redución das emisións de gases contaminantes e de efecto invernadoiro, a redución da contaminación acústica, a eficiencia enerxética, un uso máis racional do espazo urbano e a contribución á transición cara a un modelo de economía circular.

É precisamente a necesidade de reducir as emisións derivadas dos sectores difusos como o transporte, en liña cos obxectivos marcados nos acordos de París de 2015, o que fundamenta o desenvolvemento destas axudas co obxectivo final de manter o incremento global de temperatura media por baixo de 2 º C ou mesmo por baixo de 1,5 º C con respecto aos niveis preindustriais.

Tampouco cómpre esquecer que, en Galicia, máis da metade da poboación ten exceso de peso. Segundo a Enquisa europea de saúde realizada no ano 2020, o 39 % da poboación galega ten sobrepeso e o 16,5 % presenta obesidade, o que supón un total de 357.000 galegos e galegas. Ademais, en canto aos hábitos de vida saudables, o 41,3 % da poboación adulta é sedentaria; soamente o 38,4 % da poboación realiza exercicio físico no tempo de lecer.

É por iso que, o sobrepeso e a obesidade deben considerarse como un problema grave de saúde pública polo que é necesario tomar medidas que axuden a frear esta tendencia e promovan a saúde. E neste ámbito enmárcase o Plan obesidade zero en Galicia 2022-2030 cuxo primeiro eixo dedicase a facilitar os desprazamentos activos, entre outras accións.

A presente orde de subvencións foi deseñada para fomentar a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, e favorecer que os desprazamentos urbanos e interurbanos se realicen de xeito que se reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro e de contaminantes, e menos ruído, polo menor uso do coche, á vez que supoña unha mellora da saúde dos usuarios dos modos non motorizados polo exercicio físico, e tamén a dos que se benefician dunha menor contaminación ambiental e acústica, é dicir, a saúde de todos.

Igualmente, tívose en conta na súa elaboración o Plan específico de prevención de riscos e medidas antifraude da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobado o 3 de marzo de 2022.

O orzamento inicialmente asignado ascende a cincocentos mil euros con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 e poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Así mesmo, tendo en conta o obxecto e finalidade da actuación subvencionable, no presente caso, concorren razóns de interese social e económico que xustifican recorrer á excepción prevista no artigo 19.2 en relación co artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Con base a estes, na presente convocatoria oponse excepción o criterio xeral de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos mediante a súa comparación, e regúlase un procedemento de concesión abreviado no que a proposta de concesión se formulará ao órgano concedente directamente polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos polas bases reguladoras para conceder a subvención.

Máis concretamente, as ditas razóns de interese social e económico responden, por unha banda, á necesidade de favorecer unha transición a unha economía baixa en carbono no sector do transporte, o cal, tendo en conta a tipoloxía da actuación subvencionable non posibilita unha comparación das axudas entre si, requírese o cumprimento duns requisitos predeterminados de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso das enerxías alternativas.

E, por outra banda, as subvencións obxecto desta convocatoria teñen un carácter singular derivado da urxencia de reactivar a economía e apoiar a actividade económica e comercial, unha vez superada a emerxencia sanitaria producida pola COVID 19.

Consecuentemente, esta orde de convocatoria axústase á Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; polo Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 48/2022, do 28 de abril, polo que se modifica o Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A) e convocalas para a anualidade 2022.

2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2022 que que figuran como anexos a esta orde:

– Anexo I. Solicitude de adhesion pola entidade colaboradora.

– Anexo II. Solicitude de axuda.

– Anexo III. Autorización para a representación.

– Anexo IV. Solicitude de pagamento.

3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para o exercicio 2022 e imputaranse a aplicación orzamentaria 09.02.512A.780.0.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a cincocentos mil euros (500.000,00 €).

2. O importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal.), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Actuacións que se subvencionan

1. As actuacións que se subvencionan son a adquisición bicicletas novas con pedaleo asistido en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Requisitos técnicos e de equipamento das bicicletas novas con pedaleo asistido

1. Bicicleta con pedaleo asistido, nova, equipada cun motor eléctrico auxiliar, de potencia nominal continua máxima inferior ou igual a 250 W, cuxa potencia diminúa progresivamente e que finalmente se interrompa antes de que a velocidade do vehículo alcance o 25 km/h ou se o ciclista deixa de pedalear (pregables incluídas).

2. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 wh (vatios/hora).

3. Cadro ríxido (sen dobre suspensión).

4. Luz traseira e dianteira.

5. Gardabarros dianteiro e traseiro completo, ambos de serie.

6. Pata de cabra ou cabalete.

7. Cumprimento de Norma UNE-EN 15194:2018. Ciclos con asistencia eléctrica. Bicicletas EPAC.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo para a execución da adquisición establecido no artigo 32.

En ningún caso, o custo de adquisición poderá ser superior ao valor do mercado nin o importe da subvención superar ao custo da bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido.

Artigo 4. Contía máxima das axudas

Na seguinte táboa establece a axuda máxima por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido:

Bicicletas subvencionables

Subvención máxima (€/bicicleta)

Beneficiario/a xeral

Beneficiario/a integrante dunha familia numerosa

Beneficiario/a integrante familia numerosa con categoría especial

Bicicleta con pedaleo asistido que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde

500

600

700

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para un beneficiario/a xeral, do 60 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa con categoría especial.

Para os efectos desta convocatoria considéranse beneficiarios/as integrantes de familia numerosa, aqueles que cumpran os requisitos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Artigo 5. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 30 desta orde.

Artigo 6. Medios para a tramitación do procedemento

1. Os procedementos administrativos previstos nesta orde tramitaranse a través dunha aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), a través da que se atopan dispoñibles os anexos regulados na orde ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

2. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda a aplicación informática asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, para consultar o seu estado e realizar os demais trámites asociados a esta orde.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

Na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, htps://sede.xunta.gal

E na URL: https://ebici.xunta.gal

CAPÍTULO II

Entidades colaboradoras

Artigo 8. Requisitos e condicións de solvencia

1. Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Así, poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais abertos ao público na Comunidade Autónoma de Galicia que se dediquen de forma total ou parcial á venda de bicicletas con pedaleo asistido e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado por Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro:

– Epígrafe 654.1: comercio polo miúdo de vehículos terrestres.

– Epígrafe 659.6: venda polo miúdo de artigos de xoguetes, artigos de deporte, pezas deportivas, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

– Epígrafe 661.1: comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.

– Epígrafe 661.2: comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.

– Epígrafe 661.3: comercio en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

– Epígrafe 661.9: outro comercio mixto ou integrado en grandes superficies, entendendo por tal o realizado de forma especializada en establecementos cunha superficie útil para a exposición e venda ao público igual ou superior ao 2.500 m² de produtos, tales como os relacionados coa bricolaxe e o equipamento do fogar, mobiliario para o fogar e a oficina, artigos electrónicos e electrodomésticos, artigos para o automóbil, artigos para o deporte ou outros.

– Epígrafe 662.1: comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.

– Epígrafe 662.2: comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

2. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora, aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispoñer dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e a Dirección Xeral de Mobilidade.

As características técnicas exixibles tamén poderán consultarse na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible).

4. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

Artigo 9. Obrigacións das entidades colaboradoras

Son obrigacións das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, formalizar o convenio de colaboración entre elas e a Dirección Xeral de Mobilidade, no que se regularán as condicións e deberes asumidos por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V desta orde.

2º. Realizar ante a Dirección Xeral de Mobilidade os trámites para solicitar a axuda.

3º. Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

4º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo II) e solicitude de pago (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

5º. Vender no marco da iniciativa só as bicicletas que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.

6º. Descontar directamente a axuda na factura da actuación de maneira que o beneficiario non chegue a realizar o desembolso.

7º. Exhibir nos establecementos comerciais ou nos puntos de venda durante a vixencia do programa un cartel de promoción deste no que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible).

8º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

9º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.

10º. Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

11º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

12º. Remitir copia dixitalizada da devandita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.

13º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a idónea xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo o disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.

Artigo 10. Forma, lugar e prazo para presentar as solicitudes de adhesión

1. As solicitudes de adhesión (código de procedemento IF319A) serán presentadas pola entidade colaboradora obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en a que fose realizada a emenda.

2. No formulario, que figura como anexo I desta orde, o solicitante declarará o seguinte:

a) Que coñece o contido das bases e do convenio e que cumpre cos requisitos establecidos neles.

b) Que ten o domicilio social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 8.3 da orde.

d) Que consente na utilización de medios electrónicos na comunicación entre a entidade colaboradora e a Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar exenta do pagamento do imposto de actividades económicas, de acordo co artigo 82 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, así como de non darse de baixa no citado imposto. E en caso contrario, achegará a documentación correspondente ao pagamento do imposto.

i) Estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

k) Que se compromete a:

1º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recolleitos nos documentos achegados.

2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e pagamento, incorporando os datos á aplicación informática habilitada.

3º. Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

4º. Aplicar os descontos correspondentes á subvención na factura da actuación de modo que o beneficiario non chegue a realizar o desembolso.

5º. Facilitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade canta información e documentación precise para verificar.

6º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

l) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde e finalizará o 31 de agosto de 2022.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberan presentar coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite a representación con que se actúa.

b) Convenio de colaboración (anexo V) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

c) Outra documentación adicional que o interesado considere conveniente.

Unha vez asinado o convenio pola Dirección Xeral de Mobilidade, a entidade colaboradora poderá acceder a este a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable de procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 12. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada e opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigacións tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.

g) Certificación de alta no imposto de actividades económicas.

h) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

Artigo 14. Instrución e resolución do procedemento de adhesión

1. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, a Dirección Xeral de Mobilidade comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase á entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento efectuarase por parte da Dirección Xeral de Mobilidade no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda.

2. Aquelas persoas cuxas solicitudes reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridas a este programa. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes de adhesión e notificarase seguindo a súa orde de presentación, salvo que fose obxecto de emenda. Nese caso terase en conta a data de presentación da emenda.

3. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestrututuras e Mobilidade ditar as resolucións deste procedemento.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de 10 días hábiles desde a presentación da solicitude. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de adhesión.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter a súa dirección electrónica habilitada única a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa deber de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas

1. A Dirección Xeral de Mobilidade publicará na páxina web (https://ebici.xunta.gal.) a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o procedemento de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras solicitantes que, tras o requirimento de emenda, completen a documentación necesaria para formalizar a adhesión.

2. As entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade nin poderán tramitar solicitudes de axuda ata que completen o proceso de adhesión.

CAPÍTULO III

Concesión de axudas

Artigo 17. Persoas beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de final do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 18. Obrigacións dos beneficiarios

1. Son obrigacións das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora, cando cumpra, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Acreditar, cando se opoñan á consulta ou non presten o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 22 de comprobación de datos, ante a Dirección Xeral de Mobilidade a través da entidade colaboradora, no momento de presentar a solicitude da axuda, que está ao corrente nos seus deberes tributarios estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. A Dirección Xeral de Mobilidade podería comprobar o cumprimento destes deberes polo beneficiario.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que estas deban presentarse ante a Dirección Xeral de Mobilidade. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 25 desta orde.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de agosto de 2022, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

Artigo 20. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal

2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. No formulario, que figura como anexo II desta orde, o solicitante declarará o seguinte:

a) Se en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, solicitou ou se lle concedeu algunha outra axuda para este mesmo proxecto ou conceptos para os que se solicita esta subvención.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

c) Que está empadroado/a nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia e que a actuación se realizará no prazo de 30 días naturais desde a reserva dos fondos.

d) Que non adquire ningunha outra bicicleta nova con pedaleo asistido.

e) Que coñece as bases da presente convocatoria de axudas para a adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Estar ao día no pagamento de deberes por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Que a persoa física ou entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obrigación de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

j) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de dous (2) anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación.

k) Respectar o destino do investimento polo menos os dous (2) anos posteriores á data da resolución de pagamento final.

l) Realizar o pago das facturas antes da data en que deban presentarse ante a Dirección Xeral de Mobilidade.

m) Declarar que se atopa ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e da Seguridade Social e non teñen débedas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria, e xerará a solicitude do beneficiario. Cada entidade colaboradora só poderá ter unha única sesión aberta.

3. A solicitude (anexo II) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

A entidade colaboradora presentará telematicamente a solicitude de axuda en representación do beneficiario, a través da aplicación habilitada para o efecto.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo III, que deberá ser asinado polo beneficiario, dixitalizado e achegarse coa solicitude da axuda presentada pola entidade colaboradora na súa representación.

4. Os fondos solicitados e os vixentes poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática habilitada para o efecto. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Por tanto, a axuda máxima que se vai conceder ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles as seguintes solicitudes presentadas, incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen na listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7. Unha vez presentada a solicitude, reservaranse os fondos asociados á axuda durante o prazo de execución previsto no artigo 32. Se neste prazo non se presenta a solicitude de pago indicada no artigo 25 entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e perderá o dereito á reserva de fondos, reasignándose os fondos ás solicitudes que eventualmente se atopen na listaxe de espera, segundo a orde de prelación que corresponda.

Artigo 21. Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación pola entidade colaboradora (anexo III) asinada pola persoa solicitante da axuda.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades colaboradoras presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades colaboradoras responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 22. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigacións tributarias coa AEAT.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigacións tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: título de familia numerosa.

2. No caso de que as persoas interesadas opóñanse á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderánselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 23. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

Artigo 24. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa autorización para a representación se esta dispón de fondos reservados, poderase entender como preconcedida, e a partir dese momento poderá presentar a documentación xustificativa que se sinala no artigo 25 destas bases reguladoras e solicitar o pagamento mediante a presentación do anexo IV desta orde.

Se no prazo de execución e xustificación establecido no artigo 32 non se presenta a solicitude de pagamento indicada no artigo 25 entenderase que o solicitante desiste da súa solicitude e perderá o dereito á reserva de fondos, reasignándose os fondos ás solicitudes que eventualmente se atopen na listaxe de espera segundo a orde de prelación que corresponda.

2. As entidades colaboradoras deberán presentar a solicitude de pagamento do anexo IV, que deberá cubrirse accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), ou, directamente, na URL: https://ebici.xunta.gal

As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade do solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A aplicación informática non permitirá a presentación de solicitudes de pagamento que non acheguen a documentación xustificativa complementaria indicada no artigo 25.

3. As solicitudes de axuda con reserva de fondos que presenten solicitudes de pago serán revisadas pola Dirección Xeral de Mobilidade conxuntamente coa documentación xustificativa que debe acompañar a esta.

4. Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achega os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente. Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada da verificación dos datos comprendidos nas letras a), b), c) d), e) f) e g) do artigo 22.1 desta orde, tendo nestes casos a entidade colaboradora que achegar os correspondentes documentos.

5. Poderán liberarse os fondos e pasarán a formar parte do crédito dispoñible, se existe constancia da posta ao dispor da notificación da corrección, e transcorresen dez (10) días naturais sen que se acceda ao seu contido.

6. Poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

7. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará que a solicitude reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. Aqueles expedientes que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento e solicitude de pagamento

1. O prazo para presentar os documentos de xustificación finaliza no prazo indicado no artigo 32, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para a cobranza polo solicitante da subvención, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo IV a esta orde:

Factura xustificativa da actuación. A factura deberá estar asinada e selada pola entidade colaboradora e polo beneficiario da axuda, coa lenda «pagado» para que quede constancia deste feito.

Na factura indicarase claramente: data de emisión, nome e NIF do beneficiario, marca, modelo, número de bastidor da bicicleta, número de serie da batería e do motor e os requisitos exixidos na convocatoria (se na factura non aparecen é necesario que a entidade colaboradora expida un certificado ou unha ficha técnica onde se recolla que o modelo comprado ten as características exixidas).

Así mesmo, deberá comprender os seguintes conceptos: base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE, desconto axuda para a adquisición de bicicletas de pedais nova con pedaleo asistido e total que ten que pagar o cliente.

Cando o importe para pagar sexa superior a 1.000,00 euros, terase que xustificar o pagamento de acordo coas seguintes regras:

Un. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico por importe superior a 1.000,00 euros nin os obtidos a través de internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade.

Dous. Considéranse documentos xustificativos do pagagamento das facturas: transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

i. Destinatario último: debe quedar acreditado que o pagador é o destinatario final da axuda. Xa sexa mediante un pagamento directo ou mediante un contrato de financiamento.

ii. Receptor do pagamento (entidade colaboradora).

iii. Número de factura obxecto do pagamento. No caso de financiamento da actuación e que o pagamento se realice directamente desde a entidade de crédito a entidade colaboradora, deberá achegarse copia do contrato de financiamento.

Tres. Non será obrigado que a factura veña asinada polo comprador.

3. A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigacións de facturación.

4. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

5. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos contemplados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Todos os pagamentos que realice o comprador deben efectuarse durante a vixencia da presente convocatoria de axudas.

Artigo 26. Resolución de concesión e pagamento

1. Unha vez avaliada a solicitude inicial e a solicitude de pagamento, a resolución elevarase ao órgano competente para resolver. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo dun (1) mes contados desde a data de presentación da solicitude e, se é o caso, da súa emenda e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución. Eventualmente para o recoñecemento dos compromisos adquiridos coa reserva de fondos poderase ditar resolución de concesión provisional.

2. A resolución de concesión e pagamento comprenderá a identificación do beneficiario, o investimento e a contía da subvención. Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As resolucións ditadas neste procedemento poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 27. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado únicamente a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica. gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa deber de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Pagamentos das axudas

1. Os órganos competentes da Dirección Xeral de Mobilidade poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade colaboradora os presentase, poderase entender que desiste da solicitude de subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e pagamento, a Dirección Xeral de Mobilidade aboará á entidade colaboradora adherida o importe correspondente na conta bancaria facilitada para ese efecto na solicitude de adhesión.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento aos deberes de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigacións previstas no título I da citada lei.

Artigo 30. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a resolución de concesión e pagamento da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 31. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Mobilidade, a través da entidade colaboradora. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 27 destas bases reguladoras.

Artigo 32. Prazo de execución e xustificación da actuación

A data límite para executar a adquisición da bicicleta con pedaleo asistido e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa do investimento é de 30 días naturais contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude coa data límite do 15 de novembro de 2022.

Artigo 33. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. A Dirección Xeral de Mobilidade reservase para si o dereito para realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control que se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice a Dirección Xeral de Mobilidade para o seguimento dos proxectos aprobados, así como as de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectou que as persoas beneficiarias da subvencións ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se é o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 34. Normativa de aplicación

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.

4. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

7. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

8. Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas na que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

9. Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

10. Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delegase na persoa na titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das facultades para resolver sobre as solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras, así como sobre as solicitudes de concesión e pagamento das subvencións previstas nesta orde.

Igualmente, deléganse as facultades para autorizar, dispoñer, recoñecer a obrigación e propoñer os correspondentes pagamentos, e para conceder anticipos, de ser o caso, así como resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Tamén se delega na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade a competencia para formalizar os convenios de colaboración coas entidades colaboradoras.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional terceira. Impugnación da convocatoria

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestrututuras e Mobilidade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade colaboradora ... para a xestión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2022

Dunha parte, o director xeral de Mobilidade, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle outorga a disposición adicional primeira da Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convoca para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B)

Da outra parte..., con NIF ..., actuando en nome e representación da entidade ... con NIF/CIF ..., debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que a Orde do 12 de xullo de 2022 establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convoca para a anualidade 2022.

II. Que a Dirección Xeral de Mobilidade acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido; estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre a Dirección Xeral de Mobilidade e os beneficiarios das axudas que se convoquen para fomentar outras formas de mobilidade persoal e facilitar os desprazamentos activos urbanos e interurbanos.

III. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade ... para xestionar as axudas convocadas na Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

A colaboración establécese para xestionar as actuacións «Axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido.»

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ... é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 8 das bases reguladoras para a concesión de subvencións. Esta entidade acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas nas devanditas bases reguladoras.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 30 de decembro de 2022.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 9 da Orde que establece as bases reguladoras, e sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante a Dirección Xeral de Mobilidade das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións, tal e como se recolle na orde que establece as bases reguladoras.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

– Comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoa física no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos e as normas que o desenvolvan.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Encontrarse ao día no pagamento das obrigacións coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

– Coñecer o Plan específico de prevención de riscos e medidas antifraude da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobado o 3 de marzo de 2022 e aplicar aquelas medidas antifraude que sexan eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 10.2.l) das bases reguladoras das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Ter o domicilio social ou algún establecemento comercial aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Posuir a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 8.3 das bases reguladoras das axudas.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e a Dirección Xeral de Movilidad, segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non se encontra incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará á Dirección Xeral de Moblidade calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor das axudas para que solicite a información necesaria en relación ao NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións da Dirección Xeral de Mobilidade

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web da Dirección Xeral de Movilidad (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/mobilidade-sostible) dunha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida nas bases reguladoras das axudas, así como a comprobar esta e a gardar a mencionada documentación durante un período de dous anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará ao dispor da Dirección Xeral de Mobilidade e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican na orde que establece as bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nas bases reguladoras das axudas.

Décimo primeira.Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre a Dirección Xeral de Mobilidade e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado da resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará a Dirección Xeral de Mobilidade se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa, quedando fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que puidesen presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

Pola Dirección Xeral de Mobilidade

Pola entidade colaboradora