Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 15 de xullo de 2022 Páx. 40119

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convoca para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

BDNS (Identif.): 638893.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de final do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto:

1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A) e convocalas para a anualidade 2022.

2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2022 que que figuran como anexos a esta orde:

– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.

– Anexo II. Solicitude de axuda.

– Anexo III. Autorización para a representación.

– Anexo IV. Solicitude de pagamento.

3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos da Dirección Xeral de Mobilidade para o exercicio 2022 e imputaranse a aplicación orzamentaria 09.02.512A.780.0.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a cincocentos mil euros (500.000,00 €).

2. O importe dos fondos previstos poderá ampliarse como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal.), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Quinto. Contía

Na seguinte táboa establece a axuda máxima por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido.

Bicicletas subvencionables

Subvención máxima (€/bicicleta)

Beneficiario/a xeral

Beneficiario/a integrante dunha familia numerosa

Beneficiario/a integrante familia numerosa con categoría especial

Bicicleta con pedaleo asistido que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde

500

600

700

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da bicicleta con pedaleo asistido para un beneficiario/a xeral, do 60 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa e do 70 % para beneficiarios/as integrantes dunha familia numerosa con categoría especial.

Para os efectos desta convocatoria considéranse beneficiarios/as integrantes de familia numerosa, aqueles que cumpran os requisitos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. A tramitación do procedemento de solicitude de axuda (Código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal.

2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), ou, directamente, na url: https://ebici.xunta.gal.

3. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de agosto de 2022, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2022

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade