Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 18 de xullo de 2022 Páx. 40309

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a selección de centros que participarán na Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP no curso 2022/23 e se ditan instrucións para o seu funcionamento no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, da ordenación e integración profesional, establece no seu artigo 6 que se promoverá a necesaria colaboración coas distintas administracións públicas e a iniciativa privada. Esta participación desenvolverase, entre outros, nos ámbitos da formación do persoal docente, a formación do alumnado nos centros de traballo e a relación doutras prácticas profesionais, así como na orientación profesional e na participación de profesionais cualificados do sistema produtivo no sistema formativo. Estableceranse procedementos de colaboración e consulta cos diferentes sectores produtivos e cos interlocutores sociais.

Esta mesma Lei orgánica 3/2022 establece que a acreditación de competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral ou outras vías non formais ou informais se debe desenvolver seguindo criterios que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, e que terá como referente o Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, desenvolve o establecido no artigo 8.4 da Lei orgánica 5/2002, e establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os seus efectos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece como un dos seus principios a concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolve ao longo de toda a vida, promovéndose a articulación e a complementariedade da educación formal e non formal.

Co fin de dar cumprimento ao establecido no Real decreto 1224/2009, e no Real decreto 143/2021, do 9 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 1224/2009, esta consellería regulou o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral na Orde do 4 de xuño de 2021 pola que se regula, no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A disposición adicional segunda do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina que a consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e entidades empresariais e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén promovendo unha participación máis activa da empresa no proceso formativo do alumnado de ensinanzas de formación profesional. Así, no curso 2019/20 púxose en marcha a Rede galega de dinamización da FP dual, o que posibilitou que a modalidade de FP dual experimentase un importante crecemento nos últimos anos.

Mediante a Resolución do 27 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se crea a Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP e se ditan instrucións para o seu funcionamento, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en marcha a Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP, que veu ampliar e reforzar o traballo realizado ata o momento pola Rede galega de dinamización da FP dual.

Á Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP incorporou os centros que formaban parte da Rede de centros dinamizadores da FP dual, e os centros integrados de formación profesional incluídos no Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas. Esta rede traballa no maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoal cualificado dos diferentes sectores produtivos e se favoreza a mellora da competitividade e o desenvolvemento do noso tecido produtivo, e a Industria 4.0.

A Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP pode ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, e pola Unión Europea, NextGenerationEU.

Cómpre, por tanto, realizar a convocatoria da selección de centros que formarán parte da Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP no curso 2022/23 e ditar as instrucións para o funcionamento da devandita rede, e en virtude do anterior, esta Dirección Xeral de Formación Profesional

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta resolución é convocar e establecer as bases para a selección de centros educativos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que participen na Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP durante o curso 2022/23 e establecer os criterios do funcionamento da Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP.

2. Será de aplicación nos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en que se impartan ensinanzas da formación profesional do sistema educativo.

Artigo 2. Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP

1. A Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP actuará baixo a dirección e a coordinación da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo.

2. A rede estará constituída por todos os centros integrados de formación profesional (CIFP) dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e os institutos de educación secundaria (IES) que resulten seleccionados na presente convocatoria.

3. Cada centro incluído na Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP contará cunha persoa responsable da dinamización da relación con empresas, que actuará de xeito coordinado co resto de persoas dinamizadoras da rede, baixo a dirección, coordinación, planificación e supervisión da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo.

4. Esta rede actuará como punto de atención ao empresariado e establecerá unha canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas.

Artigo 3. Responsable da dinamización da relación con empresas

1. A dirección de cada centro educativo proporalle á Dirección Xeral de Formación Profesional unha persoa de entre o profesorado do centro que, con carácter xeral, teña destino definitivo, para o desenvolvemento das funcións de responsable da dinamización da relación con empresas.

2. A persoa responsable da dinamización da relación con empresas terá dedicación completa e exclusiva para o desenvolvemento das súas funcións.

3. Cada nomeamento da persoa responsable da dinamización da relación con empresas determinará os períodos de desenvolvemento das súas funcións.

4. A persoa responsable de dinamización actuará no marco da zona, dos sectores e dos ámbitos asignados pola Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, en coordinación co resto de dinamizadores da rede, en especial os da mesma zona, e baixo a coordinación, a planificación e a supervisión da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo.

5. A Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo determinará as zonas de dinamización en que actúa cada persoa responsable da dinamización da relación con empresas.

Artigo 4. Funcións da persoa responsable da dinamización da relación con empresas

1. As funcións da persoa responsable da dinamización da relación con empresas son as seguintes:

a) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición para desenvolver na súa empresa procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais sobre as súas persoas empregadas.

b) Determinación de profesionais que desempeñan a actividade en empresas con capacidades e competencias para participaren nos procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais.

c) Determinación de empresas e centros de traballo na zona de actuación para disposición de participar, xunto con centros educativos, na implantación de oferta de FP na modalidade dual.

d) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición para participar, xunto con centros educativos, no desenvolvemento do módulo de Formación en centros de traballo.

e) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición para participar en estadías de formación de profesorado na empresa.

f) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición para desenvolver actuacións de formación, con base tanto nos elementos curriculares formativos existentes como nos elementos do Catálogo nacional de cualificacións ou de programas específicos axustados ás necesidades de formación que precisan as empresas.

g) Participación en feiras e eventos sectoriais de difusión da formación profesional, baixo a coordinación da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo.

h) Difundir no tecido empresarial do ámbito de actuación da súa dinamización, así como no ecosistema educativo e na cidadanía, os procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, a FP dual e calquera outra acción que impulse unha maior relación das empresas e dos centros de traballo cos centros educativos.

i) Divulgar a FP entre o alumnado doutros niveis educativos, para o que contarán coa colaboración dos centros en que se impartan estas ensinanzas, especialmente cos departamentos de orientación, co fin de favorecer a orientación vocacional e profesional.

2. Co obxecto de favorecer o correcto desenvolvemento das súas funcións, as persoas responsables da dinamización da relación con empresas deberán participar nas actividades de formación que se determinen desde a Dirección Xeral de Formación Profesional.

3. Nos CIFP a persoa responsable da dinamización da relación con empresas coordinarase co Departamento de Relación con Empresas e co Departamento de Acreditación e Probas do seu centro, nas funcións que poidan ser complementarias, impulsando o traballo destes departamentos e colaborando nos obxectivos comúns.

Artigo 5. Centros destinatarios da convocatoria

Poderán participar no procedemento de selección desta convocatoria os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que impartan no curso 2022/23 ensinanzas de formación profesional.

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

Os centros docentes, xunto á solicitude asinada pola persoa encargada da dirección do centro, achegarán a seguinte documentación, ordenada e organizada segundo o seguinte esquema:

a) Curriculum vitae da persoa proposta como responsable da dinamización da relación con empresas.

b) Información da relación con empresas no desenvolvemento de FP dual (detalle dos proxectos de FP dual desenvolvidos nos últimos cinco cursos académicos, e das empresas participantes neles).

c) Información da relación con empresas no desenvolvemento de procedemento de ARA (detalle do desenvolvemento do procedemento de acreditación de competencias profesional nos últimos cinco cursos académicos, por parte tanto do centro como de profesorado do centro, e das empresas participantes neles).

d) Información da relación con empresas no desenvolvemento de proxectos de innovación (detalle do desenvolvemento de proxectos de innovación nos últimos cinco cursos académicos, por parte tanto do centro como de profesorado do centro, e das empresas participantes neles).

A relación de documentación presentada virá asinada polo/a director/a do centro educativo.

Artigo 7. Proceso de solicitude e prazo de presentación

1. Cada centro deberá enviar unha única solicitude asinada pola persoa encargada da dirección do centro, dirixida ao director xeral de Formación Profesional. Xunto coa solicitude deberá presentarse a documentación indicada no punto anterior.

As solicitudes e a documentación indicada no punto anterior presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, a través do formulario correspondente ao procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A). Ademais, remitirase copia da solicitude e da documentación ao correo electrónico sopre@edu.xunta.gal, segundo os prazos establecidos.

2. Logo de recibida a solicitude de participación, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá solicitar un informe á Inspección Educativa.

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución e rematará o día 29 de xullo de 2022.

Artigo 8. Selección dos centros

1. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade seleccionará os centros que se integrarán na rede mediante unha comisión coa seguinte composición:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo

– Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional.

– As persoas titulares das xefaturas de servizo da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, e da Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional.

– As persoas funcionarias da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo, que desempeñarán a función de coordinación da rede.

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Formación Profesional, que desempeñará a función de secretario/a.

A comisión valorará as solicitudes presentadas e elevará unha proposta de centros para incorporar á rede ao director xeral de Formación Profesional.

Artigo 9. Resolución

O director xeral de Formación Profesional ditará unha resolución que conterá a relación de centros que se incorporarán á rede nas páxinas web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades www.edu.xunta.gal e www.edu.xunta.gal/fp, e no Diario Oficial de Galicia, no prazo máximo de cinco meses, contados desde o remate do prazo de solicitude. Transcorrido este prazo sen que se publique a resolución, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2022

José Luis Mira Lema
Director xeral de Formación Profesional