Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 19 de xullo de 2022 Páx. 40534

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de concurso específico, dun posto de traballo vacante na Fiscalía de Área de Santiago de Compostela.

Por medio do Decreto da Xunta de Galicia 124/2014, do 11 de setembro, determinouse a estrutura e a organización da oficina fiscal en Galicia e da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior; pola súa banda, as respectivas relacións de postos de traballo das distintas oficinas fiscais foron aprobadas pola Orde JUS/660/2015, do 25 de marzo, do Ministerio de Xustiza, e publicadas pola Resolución da Dirección Xeral de Xustiza do 26 de marzo de 2015 (DOG núm. 72, do 17 de abril).

Visto que se produciu a vacante dun posto singularizado na Fiscalía de Área de Santiago de Compostela, e de conformidade co establecido nos artigos 532 e 533 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (en diante, LOPX), así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, procede a convocatoria dun concurso específico para a súa cobertura.

En consecuencia, e no exercicio das competencias previstas no artigo 23 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

1. Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución, así como os méritos do anexo III.

2. Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión do posto de traballo singularizado vacante que se detalla no anexo II.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, todo isto de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2022

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Requisitos e condicións de participación

1. De acordo co disposto nos artigos 532 e 533 da LOPX, así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, poderá participar o persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de xestión procesual e administrativa, calquera que sexa o ámbito territorial en que estea destinado, que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación e os manteñan ata a resolución definitiva do concurso.

2. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario que se atope na situación de excedencia voluntaria por interese particular, durante o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; ou o suspenso en firme, mentres dure a suspensión; nin o que se encontre sancionado con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lle impuxo a sanción, ata que transcorran un ou tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

3. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 do dito regulamento.

Segunda. Posto de traballo ofertado

O posto que se oferta figura no anexo II desta resolución. Neste anexo constan os datos referentes ao posto de traballo e a súa descrición, con inclusión das especificacións derivadas da natureza da función encomendada ao dito posto e coa relación das principais tarefas. Así mesmo, indícase o complemento xeral do posto, o complemento específico e o corpo a que está adscrito.

Terceira. Presentación de solicitudes e documentación

1. As persoas que concursen deberán presentar a súa solicitude utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.

2. O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e mais no Boletín Oficial del Estado. En caso de que a publicación desta convocatoria non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, terase en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co que dispón o artigo 49.5 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

3. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, rúa Madrid, 2-4, 2º andar, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, e deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante o modelo de solicitude xenérica co código PR004A.

4. Xunto coa solicitude deberá fornecerse a documentación que acredite os requisitos exixidos e os méritos alegados, que se deberán relacionar no modelo de solicitude (anexo IV) da presente convocatoria.

Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.

5. A Subdirección Xeral de Persoal da Dirección Xeral de Xustiza emitirá de oficio a certificación correspondente á antigüidade no corpo, así como a puntuación correspondente.

6. Os méritos serán avaliados con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 2 desta base terceira.

7. Non se admitirán anulacións nin modificacións do contido das solicitudes unha vez finalizado o período de presentación destas.

Cuarta. Fases do concurso e puntuación

1. O concurso rexerase polo baremo e puntuacións establecidos no anexo III desta resolución.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Primeira fase: de comprobación e valoración dos méritos xerais.

b) Segunda fase: de valoración de aptitudes concretas a través de coñecementos, experiencia, titulacións académicas e aqueloutros elementos que garantan a adecuación da persoa aspirante para o desempeño do posto, excluídos os valorados na primeira fase. A valoración dos méritos específicos deberase efectuar mediante a puntuación obtida tras aplicar a media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, debendo desbotarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas ou, se for o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

Quinta. Comisión de Valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha Comisión de Valoración que será nomeada polo director xeral de Xustiza.

2. A comisión estará integrada por:

a) Catro funcionarios/as da Administración convocante, dos cales un exercerá a presidencia e outro a secretaría, mentres que os outros dous actuarán como vogais. Ao menos un destes catro membros será funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

b) Un/unha representante das organizacións sindicais máis representativas, que actuará como vogal.

A persoa que represente as organizacións sindicais designarase baixo proposta destas. Advertirase expresamente que, unha vez que a Administración solicite a proposta de designación, se esta non se leva a efecto no prazo de dez (10) días hábiles entenderase decaída a referida opción.

Unha vez recibida a proposta das organizacións sindicais, publicarase na intranet de Xustiza e mais na web da consellería a resolución do director xeral de Xustiza en que se nomean os membros da comisión.

3. A Comisión de Valoración suplente terá a mesma composición ca a titular, e os seus membros actuarán, con voz e voto, en ausencia xustificada dos seus correspondentes titulares.

4. Os membros titulares e os suplentes deberán pertencer a corpos para cuxo ingreso se exixa unha titulación igual ou superior á requirida para os postos convocados.

5. A Comisión de Valoración poderalle solicitar por escrito á autoridade convocante a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto. Fóra deste suposto, non poderán participar na comisión outros representantes distintos dos membros indicados no punto 2.

6. A Comisión de Valoración poderá solicitar das persoas candidatas as aclaracións ou, se for o caso, a documentación adicional, que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

7. A Comisión de Valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará suxeita ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, as persoas que a integren estarán sometidas ás causas de abstención e recusación previstas na citada Lei 40/2015, do 1 de outubro.

Sexta. Procedemento

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Valoración proporá para o posto de traballo ofertado a persoa candidata que obtivese maior puntuación sumando os resultados das dúas fases do concurso e, no caso de empate, a quen teña maior antigüidade no corpo.

2. A proposta da Comisión de Valoración conterá as puntuacións obtidas en cada fase e publicarase na intranet de Xustiza e mais na web da consellería.

3. As persoas interesadas poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da publicación na intranet de Xustiza e na web da consellería.

4. A Comisión de Valoración resolverá sobre as alegacións e xustificacións presentadas e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen pronunciará a resolución definitiva.

Sétima. Resolución do concurso

1. O presente concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao de finalización da presentación de solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 51.3 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza; e a resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e mais no Boletín Oficial del Estado, motivarase de acordo co previsto no artigo 51.4 do citado regulamento.

2. O posto de traballo incluído na presente convocatoria non se poderá declarar deserto cando haxa concursantes que o solicitasen, agás no suposto en que, como consecuencia dunha reestruturación ou modificación da correspondente relación de postos de traballo, sexa amortizado ou modificado nas súas características funcionais, orgánicas ou retributivas.

3. A resolución deberá expresar o posto de orixe da persoa interesada a quen se lle adxudique destino.

Oitava. Carácter do destino adxudicado

1. O destino adxudicado como consecuencia da resolución do presente concurso terá a consideración de voluntario, polo que non xerará dereito ao aboamento de indemnización por concepto ningún.

2. O destino adxudicado será irrenunciable. No entanto, e na medida en que se trata dun posto de traballo obtido por concurso específico, quen o obteña poderá renunciar a el se antes de finalizar o prazo de toma de posesión obtén outro destino mediante convocatoria pública, e neste caso ten a obriga de llo comunicar ao órgano convocante. De incumprir esta obriga de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados.

3. Cando se produza unha desocupación do posto singularizado obxecto deste concurso que non dea lugar a vacante, a súa cobertura temporal, que se realizará polo procedemento establecido nos puntos segundo e terceiro do artigo sétimo da Resolución do 18 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, terá en conta, en primeiro lugar, o criterio de preferencia previsto no artigo 74.4 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e en segundo lugar, o baremo de puntuación establecido no anexo III da presente convocatoria.

Será requisito indispensable estar en activo no corpo a que figura adscrita a praza na correspondente relación de postos de traballo.

Novena. Toma de posesión

1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de localidade do/da funcionario/a, de oito días hábiles se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma e de vinte días se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma das Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun mes. Cando o/a adxudicatario/a da praza obteña coa súa toma de posesión o reingreso no servizo activo, o prazo será de vinte días.

2. O prazo para a toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia e mais no Boletín Oficial del Estado, ou no primeiro deles en caso de que a publicación non sexa simultánea en ambos.

Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

3. O cómputo dos prazos posesorios comezará cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lle foran concedidos á persoa a quen se lle adxudique o posto.

4. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, bardante dos supostos de reingreso ao servizo activo.

5. Cando, por calquera causa, o/a funcionario/a adxudicatario/a da praza non chegue a tomar posesión, poderase adxudicar o destino ao/á funcionario/a que obtivese a seguinte mellor puntuación.

ANEXO II

1. Posto de coordinador/a da oficina fiscal.

Código do posto

Denominación

Centro de destino

Localidade

Corpo

CXP

CE

XG9257804015770601.06

Coordinador/a da Oficina de Fiscalía II

Fiscalía de Área

Santiago de Compostela

Xestión procesual e administrativa

326,67 €/mes

860,95 €/mes

CXP: complemento xeral do posto 2022.

CE: complemento específico 2022.

2. Funcións principais do posto de coordinador/a.

Colaboración co/coa fiscal xefe, así como tamén a planificación, organización, xestión e control das tarefas e do persoal das distintas áreas funcionais da oficina fiscal, supervisando o cumprimento das directrices e criterios establecidos polo/a fiscal xefe; todas elas sen prexuízo das que lle corresponden por razón do seu corpo de pertenza.

ANEXO III

Méritos e capacidades. Valoración

Posto de coordinador/a da oficina fiscal.

A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.

1. Antigüidade.

Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos, computándose proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días. Para estes efectos os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0055556 puntos.

A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.

2. Coñecementos da lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou pola Dirección Xeral de Xustiza, ou mediante certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior alcanzado:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.

Os coñecementos e experiencia profesional deberán ser acreditados e baremaranse do seguinte xeito:

a) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 4 puntos por cada ano completo de servizos prestados nos 5 anos inmediatamente anteriores á presente convocatoria. Para estes efectos computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0111111 puntos.

b) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta non baremables de conformidade coa epígrafe anterior, outorgarase 1 punto por cada ano completo de servizos, ata un máximo de 20 puntos. Para estes efectos computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, de ser o caso, por días; os meses consideraranse de 30 días e a puntuación correspondente por día será de 0,0027778 puntos.

2. Formación específica e titulación: 3 puntos.

Valorarase a formación específica e titulación incluídas na relación de postos de traballo.

missing image file