Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 20 de xullo de 2022 Páx. 40725

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de xullo de 2022 pola que se concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida Terras do Navia.

Mediante a Orde do 28 de maio de 2021, a Consellería do Medio Rural adoptou unha resolución favorable en relación coa solicitude de recoñecemento da indicación xeográfica protexida Terras do Navia. Esta orde publicouse no Diario Oficial de Galicia do día 11 de xuño de 2021.

A dita resolución, xunto co resto do expediente, remitiuse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para os efectos da transmisión da solicitude de inscrición á Comisión Europea, de acordo co establecido no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas.

A solicitude de inscrición foi transmitida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á Comisión Europea, que a recibiu o día 23.7.2021, correspondéndolle o código de expediente PGI-ES-02787.

A normativa reguladora desta materia permite que os Estados membros outorguen unha protección transitoria a escala nacional unha vez recibido o expediente pola Comisión e mentres non adopte esta unha decisión definitiva.

Para os efectos de tramitar a devandita protección nacional transitoria, o número 3 do artigo 17 do citado Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, na redacción dada polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo, establece que, para denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas cuxo ámbito territorial non exceda unha comunidade autónoma, a dita concesión corresponde ao órgano competente da comunidade autónoma mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado do acto administrativo polo que se toma a decisión. A publicación debe incluír o enderezo da páxina web onde se atopa o prego de condicións.

De acordo co anterior, tras a proposta da Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e coas competencias atribuídas a esta consellería mediante o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia, que só poderá ser empregada na comercialización dos viños que cumpran as especificacións do prego de condicións transmitido á Comisión Europea, que pode ser consultado no seguinte URL:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Pliego-Condiciones-Terras-do-Navia-mayo_2022.pdf

A dita protección transitoria cesará a partir da data en que a Comisión Europea adopte unha decisión sobre a súa inscrición.

Segundo. Publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado esta resolución.

Terceiro. Informar o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación desta concesión de protección nacional transitoria.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Ambos os prazos contaranse desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural