Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 22 de xullo de 2022 Páx. 41084

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Durante o mes de xullo de 2022 unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio da nosa comunidade autónoma, especialmente en zonas das provincias de Lugo e Ourense, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, unha seca prolongada e un episodio meteorolóxico extraordinario denominado sistema convectivo de mesoscala. Esta vaga de incendios causou graves danos en diversos bens de titularidade pública e privada, incluíndo a destrución e afectación a vivendas da contorna dalgúns dos incendios forestais.

Os acontecementos rexistrados determinan unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron. Isto fai necesario articular mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas, en concreto, mediante o establecemento dun sistema de axudas que palíen os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade en que se poidan encontrar os veciños e persoas directamente afectados, e mesmo contribúan á restauración comunitaria e urbanística da zona damnificada para que poida volver á normalidade, así como a manter a actividade económica desas zonas danadas.

O artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, prevé a actuación das administracións públicas, dentro das súas respectivas competencias, para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade afectada pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas deste tipo de situacións.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 31 de marzo de 2010, adoptou o acordo polo que se establecen as directrices básicas de actuación coa finalidade de restablecer os servizos esenciais afectados como consecuencia dunha catástrofe ou calamidade, así como de protexer a integridade das persoas e bens de titularidade pública ou privada e mais os danos provocados por estas situacións.

Deste xeito, establécese un protocolo de actuación que deberá ser seguido nestas situacións de modo que, mediante decreto, se acorde a oportunidade de outorgar axudas destinadas á reparación dos danos e perdas causados.

Logo de informe da Axencia Galega de Emerxencias do 20 de xullo de 2022, declárase como de emerxencia de natureza excepcional a situación producida polo episodio dos incendios que asolaron o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante o mes de xullo de 2022.

Na súa virtude, por proposta conxunta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, e das consellerías de Facenda e Administración Pública; de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; de Infraestruturas e Mobilidade; de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e do Medio Rural, e co referendo do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo do informe da Axencia Galega de Emerxencias do 20 de xullo de 2022, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos orixinados polos incendios acontecidos durante o mes de xullo de 2022 no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos e nas contías máximas que se establezan nel, así como nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa que o apliquen.

Artigo 2. Natureza das axudas

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou, de ser o caso, da contía ou porcentaxe deste establecidas neste decreto ou que se fixe nas correspondentes convocatorias ou resolucións de concesión directa.

En todo caso, o beneficiario da axuda cederalle á Administración autonómica todas as accións de que dispoña para a reclamación das cantidades achegadas por esta ás persoas causantes do sinistro, sen prexuízo do dereito dos beneficiarios a reclamar polos danos e perdas sufridos que non sexan obxecto da axuda ou que excedan desta.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. As axudas outorgaranse de forma directa por mor do interese público, social e humanitario derivado das circunstancias excepcionais que concorren neste caso, e concederanse nos termos e nas condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.

3. Tendo en conta a natureza destas axudas, que se conceden por razón da existencia dunha emerxencia excepcional e por razóns de interese público, social e humanitario, as convocatorias e resolucións de concesión directa que apliquen este decreto poderán exceptuar as persoas beneficiarias das axudas do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Do mesmo xeito, e pola natureza destas axudas, en virtude do disposto no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os anticipos ou pagamentos á conta que prevexan as convocatorias ou resolucións de concesión directa que se diten en aplicación deste decreto, e que poderán alcanzar ata o 100 %, quedarán exentos da obriga de constituír garantías.

5. En virtude deste decreto, e para os efectos do disposto nos artigos 50 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, e 40.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia autoriza o outorgamento de axudas por contía que supere as previstas nos indicados artigos, tendo en conta a situación de emerxencia dos beneficiarios e a natureza das axudas.

6. Así mesmo, e para os efectos do disposto no artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, autorízase a adquisición de compromisos plurianuais de gastos de transferencias correntes nas convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa derivados do presente decreto.

Artigo 4. Réxime de contratación

1. De acordo co previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, os órganos de contratación da Administración autonómica e do seu sector público poderán acordar a tramitación de emerxencia das obras, servizos, adquisicións ou subministracións precisos para a execución do que sexa necesario para remediar o acontecemento producido mediante o restablecemento, reparación ou reposición das infraestruturas, equipamentos ou bens afectados polos incendios.

2. Para estes efectos, inclúense entre as infraestruturas as estradas, as de transportes, as eléctricas, as hidráulicas e as forestais, de ser o caso.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán solicitar as axudas, nos termos que se establezan neste decreto e nas convocatorias que se aproben, os seguintes beneficiarios:

a) As persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval doméstico.

b) Os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente dos incendios.

c) Os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

d) As entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal por esta causa.

e) Os titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecor) de Galicia, regulados no artigo 13 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, afectados polos incendios.

f) Os titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e Reservas da biosfera afectados polos incendios forestais.

2. Os prazos para presentar as solicitudes determinaranse nas disposicións que se diten en aplicación deste decreto.

Artigo 6. Axudas por danos persoais

Coa finalidade de paliar os danos persoais que teñan a súa causa nos incendios a que se refire este decreto, concederanse axudas por falecemento, por incapacidade permanente absoluta e por lesións que motiven a hospitalización da persoa ferida.

O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de ata 75.000 euros, e de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización, sen que en ningún caso se poidan superar as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro, conforme a reforma do sistema de valoración introducido pola Lei 35/2015, do 22 de setembro, de reforma do sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación.

Artigo 7. Axudas por danos causados en vivendas e enxoval doméstico

1. Serán obxecto de axuda os danos causados polos incendios na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 85 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral de 120 m2 de superficie útil en zona 2, é dicir, 122.400 €.

Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe correspondente ata cubrir como máximo o 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 85 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral de 120 m2 de superficie útil na zona 2, é dicir, 122.400 €.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas residenciais que non sexan permanentes e habituais e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida tanto polas axudas que aproben outras administracións públicas como por calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

Para o caso de que os danos ocasionados determinen a ruína da vivenda, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de reposición, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 50 % do 85 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral, de 120 m2 de superficie útil na zona 2, o que ascende a 61.200 €.

Nos casos de rehabilitación ou reparación do inmoble danado, a axuda concederase polo importe do 100 % do valor de rehabilitación ou reparación, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 50 % do 85 % do prezo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral, de 120 m2 de superficie útil na zona 2, o que ascende a 61.200 €. As vivendas deberanse dedicar, polo menos, a vivenda ocasional, e quedan excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que estean en abandono manifesto.

3. As axudas concedidas para o caso de ruína da vivenda entenderanse concedidas en atención á situación, produto da circunstancia de emerxencia excepcional, na cal se encontra o beneficiario. Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da titularidade ou usufruto do inmoble previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que se establezan para verificar esta cuestión.

Nos demais supostos, observarase o disposto nas correspondentes convocatorias de axuda ou resolucións de concesión directa.

4. Para os efectos deste artigo, entenderanse incluídas dentro da vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar, tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc., sempre e cando estean situados no mesmo predio da vivenda. No mesmo sentido, entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio en que está a vivenda.

5. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade das vivendas danadas cando non estean incluídos nas axudas que para o mesmo efecto poidan aprobar outras administracións.

No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores, o importe da axuda será o 100 % dos gastos de reposición, co límite de 15.000 €.

No caso do enxoval incluído nas vivendas ruinosas que non sexan permanentes e habituais, o importe da axuda será o 50 % dos gastos de reposición, co límite de 5.000 €.

Nos demais supostos, o importe da axuda será de ata o 100 % dos gastos, co límite de 7.000 €, ou do 50 % dos gastos de reparación ou reposición do enxoval, co límite de 3.000 €, en función de que o enxoval sexa o da vivenda habitual e permanente ou o da vivenda ocasional, respectivamente.

6. Entenderase por vivendas ruinosas, para os efectos deste artigo, aquelas que se encontren nos supostos establecidos no artigo 141 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Artigo 8. Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías depositadas nelas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 9. Axudas por danos sufridos en terreos cinexéticos ordenados (tecor)

1. Serán obxecto de axuda as actuacións nos terreos cinexeticamente ordenados coa finalidade de recuperación dos hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polos lumes, así como a recuperación das infraestruturas e instalacións destruídas polos incendios (refuxios, fontes, comedeiros, bebedoiros, tobeiras, cercas, infraestruturas de aclimatación, elementos de sinalización, etc.).

2. As condicións e requisitos aplicables serán os que se determinen na correspondente convocatoria de axudas.

Artigo 10. Axudas por danos nas infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e Reservas da biosfera

1. Serán obxecto de axuda as actuacións de reposición en espazos protexidos e reservas da biosfera de infraestruturas, tales como pasarelas, sinalizacións, miradoiros, valos de seguridade e outros equipamentos de áreas recreativas e de interpretación do medio natural, destruídas polos incendios, coa finalidade da súa recuperación e reconstrución.

2. As condicións e requisitos aplicables serán os que se determinen na correspondente convocatoria de axudas.

Artigo 11. Axudas por danos nas explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras

Respectando os criterios establecidos pola Unión Europea nas directrices comunitarias vixentes sobre axudas estatais nos sectores agrícola, gandeiro e forestal e nas zonas rurais, os titulares de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que sufrisen danos e perdas por mor dos incendios poderán ser beneficiarios de axudas nas condicións e requisitos que se determinen nas correspondentes convocatorias de axudas ou resolucións de concesión directa.

Artigo 12. Axudas ás entidades locais

1. Serán obxecto de axudas os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios.

Estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.

2. Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 13. Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia propiciará a subscrición, co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras, dos convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto con vistas ao cofinanciamento das actuacións.

Artigo 14. Financiamento

1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos, realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Disposición adicional primeira. Aloxamento provisional

1. Facúltase a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para que, dentro do ámbito das súas competencias, poida contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional, incluídos os gastos de transporte de persoas e mudanza de bens, daquelas persoas que, como consecuencia dos incendios, teñan que abandonar definitiva ou temporalmente as súas vivendas e, se é o caso, mentres efectúen as obras de rehabilitación ou reparación. Para estes efectos, poderá subscribir convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas no auxilio ou asistencia a damnificados en situacións de sinistro ou calamidade pública.

2. Debido á declaración como de emerxencia de natureza excepcional da situación, poderánselles conceder a aquelas persoas que, como consecuencia dos incendios, teñan que abandonar temporalmente as súas vivendas, mentres efectúen as obras de rehabilitación, reparación ou reposición, as axudas do programa do bono de alugueiro social, de acordo co disposto no número dous do ordinal quinto das bases reguladoras do programa, aprobadas pola Resolución do 1 de xullo de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento de crédito (código de procedemento VI482F). Para estes efectos, as persoas beneficiarias unicamente deberán cumprir o requisito de que a vivenda que tiveron que abandonar temporalmente era o seu domicilio habitual e permanente. Para iso deberán achegar un informe municipal que acredite este requisito, así como que o estado da vivenda, debido aos danos causados polo incendio, motiva que non poidan seguir vivindo nela, así como que carecen doutra vivenda na localidade da súa propiedade que estea dispoñible e en condicións de ser habitada.

Disposición adicional segunda. Restitución do medio

1. Facúltase a Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, poida realizar directamente actuacións de reparación, restauración ou mitigacións dos danos e efectos causados polos incendios forestais, en montes veciñais, montes de varas ou montes xestionados por agrupacións de xestión conxunta.

As ditas actuacións, entre outras, poderanse referir á mellora de pistas e outras infraestruturas forestais de transporte, captacións de auga e evacuación de augas de escoamento. Así mesmo, en actuacións de reparación e reposición de peches gandeiros e as súas instalacións complementarias danadas por incendios, así como a realización daqueles peches alternativos para soster o gando afectado, e a subministración de pacas de palla para o mantemento deste.

Son tamén actuacións elixibles aquelas orientadas á restauración do potencial forestal, incluíndo as sementeiras rexenerativas, accións de consolidacións de solos queimados, eliminación de madeira queimada non comercial ou novas plantacións substitutorias.

2. Facúltase a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para que, no ámbito das súas competencias, poida realizar directamente actuacións de restauración da biodiversidade dos hábitats naturais e infraestruturas ambientais en zonas afectadas polos incendios forestais na Rede galega de espazos protexidos e Reservas da biosfera.

3. As actuacións indicadas nos puntos anteriores tamén se poderán realizar en terreos particulares cando a súa eficacia exceda os límites das parcelas.

Disposición derradeira primeira

Facúltanse os distintos titulares das consellerías e das entidades do sector público para que, de ser o caso e no ámbito das súas competencias, aproben as convocatorias e diten os actos e as medidas necesarias para a aplicación deste decreto.

Para os ditos efectos, entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes consellerías:

– Axudas por danos persoais: a Consellería de Facenda e Administración Pública.

– Axudas por danos causados en vivendas, enxoval doméstico e instalacións complementarias existentes no mesmo predio da vivenda, e aloxamento provisional: o Instituto Galego da Vivenda e Solo.

– Axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas: a Consellería do Medio Rural.

– Axudas por danos en terreos cinexeticamente ordenados e nas infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e Reservas da biosfera: a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial: a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

– Axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens: a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación; a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a Consellería do Medio Rural, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a Consellería de Facenda e Administración Pública para adoptar as medidas financeiras e orzamentarias consecuentes para facer fronte ás situacións de carácter extraordinario que estableza a Xunta de Galicia para reparar os danos causados.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes