Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 3 de agosto de 2022 Páx. 42492

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da Rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e mais o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garantan un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia, articulada a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar das familias galegas mediante diferentes actuacións que se estruturan en tres eixes principais: axudas, servizos e recursos de conciliación.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á universalización do primeiro ciclo de educación infantil, mellorando a accesibilidade deste recurso e constituíndo unha rede galega de centros de educación infantil 0-3 sostidos con fondos públicos articulada e de calidade, como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas.

Na procura deste obxectivo enmárcase a modificación operada a través da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que engadiu no seu artigo 23.Seis unha disposición adicional novena á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se recollen as actuacións previstas para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos. No número 2 estableceu que as escolas infantís de 0-3 anos dependentes das entidades locais que implantasen para a atención educativa un sistema de copagamento en contía equivalente á derivada do réxime de prezos establecido pola Xunta de Galicia nas escolas infantís de titularidade autonómica, no caso de que as indicadas entidades opten voluntariamente polo establecemento e aplicación, a partir da matriculación nelas do segundo fillo ou filla da unidade familiar, estes incluídos, da bonificación do 100 % establecida no número anterior, e así o xustifiquen, serán compensadas pola consellería competente en materia de servizos sociais nesa contía mediante a súa inclusión no sistema de cofinanciamento de servizos sociais.

Con esta base, no ano 2020 púxose en marcha unha nova liña de fomento, atendendo a razóns de impulso demográfico e de conciliación, así como de apoio ás familias galegas, para favorecer o acceso á atención educativa 0-3 en condicións de equidade, promovendo que todas elas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar.

Continuando coa consecución dos ditos obxectivos, para o ano 2022 e a través do disposto no artigo 29.Dous da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas de Galicia, engádese un novo número 7 á disposición adicional novena da Lei 13/2008, do 3 de decembro, que establece que, co fin de consolidar o obxectivo de interese público, por razóns de impulso demográfico e conciliación, de acadar a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos, con efectos económicos a partir do comezo do curso escolar 2022/23, se estenderá o réxime establecido nesta disposición á matriculación do primeiro fillo ou filla da unidade familiar, de acordo coa regulación nela establecida para os distintos supostos que recolle.

A realización da compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa, así como a relativa aos gastos de mantemento dos centros, levarase a cabo a través dunha convocatoria anual de subvencións co fin de axilizar a concesión destas axudas que garantan a calidade na continuidade dun servizo fundamental prestado ás familias polas escolas infantís 0-3 de titularidade municipal.

En consonancia co anterior, esta orde de convocatoria quere dar continuidade ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos/as fillos/as e sucesivos nas escolas infantís 0-3 e estendelo a todos/as os/as fillos/as, con independencia do número de orde que ocupen na descendencia da unidade familiar.

Así, esta orde de axudas diríxese, por unha banda, a materializar a contribución da Administración galega ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes de titularidade municipal e a fomentar a mellora da súa calidade e, por outra, a compensarlles aos ditos centros o custo que supón a bonificación do 100 % das cantidades correspondentes á atención educativa.

Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como ao disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Téñense en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).

Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.

O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de agosto de 2023.

O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2022 polas prazas ocupadas por segundos fillos/as e sucesivos e entre o 1 de setembro de 2022 ao 31 de agosto de 2023 pola totalidade do alumnado para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.

2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estadía na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola que opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

3. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde, os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 10.591.031 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.460.01, coa seguinte desagregación:

Aplicación

Código de proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

13.02.312B.460.01

2017.00127

3.100.000,00 €

1.972.728,00 €

5.072.728,00 €

13.02.312B.460.01

2020.00052

2.582.503,00 €

2.935.800,00 €

5.518.303,00 €

Total

5.682.503,00 €

4.908.528,00 €

10.591.031,00 €

2. De conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que dispoña de permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

b) Que a escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade autónoma de Galicia.

c) Que a escola infantil para a cal se solicitan as axudas estea aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

2. Que a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Que a entidade local estea ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Tipos de axuda e contías

1. A convocatoria comprende unha liña 1, destinada a axudas para gastos de mantemento, e unha liña 2, destinada á compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa.

2. A liña 1, referida a axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade contribuír a compensar gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de agosto de 2023 en gastos de persoal, alimentación e outros gastos xerais do centro.

A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3/punto de atención á infancia autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes, segundo os seguintes módulos:

Axuda anual segundo o número de unidades en funcionamento da escola ou escolas infantís

Puntos de atención á infancia

De 2 a 6 unidades

De 7 a 14 unidades

De máis de 14 unidades

Contía total por unidade en funcionamento

9.212 €

7.000 €

6.000 €

4.600 €

No caso de aumentar ou diminuír o número de unidades en funcionamento no curso 2022/23, o importe da axuda regularizarase no momento da xustificación.

De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo no que non se prestou o servizo.

3. No caso de escolas infantís cun horario de apertura de 14 horas ou superior, a axuda por módulo incrementarase nun 25 %.

4. A liña 2, destinada a compensar estes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da matrícula, de ser o caso, dos nenos/as que asisten á escola infantil.

As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, e durante un máximo de 11 mensualidades.

As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da matrícula será o equivalente ao recollido na correspondente ordenanza fiscal aplicable para o curso 2021/22, sen que en ningún caso poida superar os 100 euros.

Para os efectos do previsto nos parágrafos anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregaralles ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar, coa lenda de prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.

5. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do neno ou da nena usuario/a para a inclusión no programa da gratuidade na obtención da bonificación da liña 2.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción das axudas para gastos de mantemento é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. A percepción das axudas pola bonificación do prezo establecido é incompatible con calquera outra subvención, axuda e ingreso ou recurso para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

5. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variaren as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realice a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que a escola infantil indicada dispón de proxecto educativo e proposta pedagóxica, de acordo co currículo de educación infantil de Galicia, e que se encontra á disposición da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para calquera comprobación que sexa precisa.

c) Que dispón da documentación acreditativa do cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación dos nenos e nenas que asisten á escola infantil e do requisito de residencia en Galicia respecto dos que acceden á bonificación.

d) Que a escola infantil está aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

f) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

g) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

3. O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 30 de setembro. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso, pero finalizará, en todo caso, o 30 de novembro de 2022.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación específica para a liña 2. Compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa:

a) Certificación en que se indique o número de nenos segundos irmáns e sucesivos que asistiron á escola infantil 0-3/punto de atención á infancia desde o 1 de xaneiro ao 31 de agosto de 2022 e o importe que lle correspondería aboar en concepto de atención educativa.

b) Certificación en que se indique o número de nenos matriculados na escola infantil 0-3/punto de atención á infancia para o curso 2022/23 e o importe que lle correspondería aboar en concepto de atención educativa e matrícula, de ser o caso.

As entidades solicitantes da axuda deberán cubrir, con data límite do último día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, a relación nominal de todo o alumnado que asiste á escola ou escolas infantís/punto de atención á infancia, na aplicación informática Escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb. Estes datos deberán estar actualizados en todo momento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Permiso de inicio de actividades do centro para o cal se solicita a subvención.

d) Tarifa de prezos, adaptada ao disposto na letra c) do artigo 3.

e) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección con competencias en materia de demografía e conciliación, que realizará as correspondentes propostas de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe ao Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar de estar ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

6. As solicitudes que recollan os datos e a documentación necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que a proposta de concesión lla formulará ao órgano concedente directamente o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

7. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de catro meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión. Igualmente, procederá a modificación da resolución cando se dean as circunstancias previstas no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o/a beneficiario/a poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actividade.

3. Nas axudas da liña 1, destinada a financiar gastos de mantemento, poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de unidades en funcionamento durante o período de aplicación desta convocatoria. No suposto de diminución ou aumento do número de unidades en funcionamento, ditarase a resolución complementaria ou revogatoria que corresponda con respecto á resolución inicial.

4. Nas axudas da liña 2, compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa, poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de prazas ocupadas durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida, ou se inicialmente non houbese prazas ocupadas que desen dereito á bonificación pero si posteriormente, poderán ditarse resolucións complementarias pola contía que corresponda nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía total calculada pola certificación final de ocupación resultase inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

c) As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda por bonificación da atención educativa se calcula mensualmente, excluído o mes de vacacións do/da neno/a.

d) As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente e á solicitude da entidade de modificación da resolución de concesión coa cal achegará o certificado de ocupación actualizado.

Artigo 15. Xustificación das axudas

1. As entidades beneficiarias, con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e mais no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, deberán achegar coa solicitude final de pagamento e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 14.3.a) (anexo II), e con data límite do 5 de setembro de 2023, a seguinte documentación:

a) Xustificación anual da liña 1. Axudas para gastos de mantemento:

1º. Certificación do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

2º. Certificación do número de unidades en funcionamento durante o curso 2022/23, no caso de haber variación respecto das declaradas na solicitude.

b) Xustificación anual da liña 2. Compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso:

1º. Solicitude de pagamento (anexo II) e de concesión complementaria nos supostos recollidos no artigo 14.3.a).

2º. Relación nominal dos/das nenos/as que asistan á escola infantil 0-3/puntos de atención á infancia –con indicación das horas diarias, os meses de asistencia e o importe que se vai bonificar– desde o 1 de setembro de 2022 ao 31 de agosto de 2023, que deberán cubrir na aplicación informática Escinf, no enderezo seguinte: https://escinf.xunta.es/escinfextweb

2. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá comprobar os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, e poderá requirirlle á entidade beneficiaria a entrega dos xustificantes non achegados inicialmente e mais a documentación xustificativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación, emitidos nos termos establecidos nesta orde.

Artigo 16. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán un pagamento anticipado do 100 % das cantidades correspondentes á primeira anualidade da liña 1 e da liña 2, se procede, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. Este importe deberá xustificarse en todo caso con gastos realizados na mesma anualidade.

2. Na anualidade 2023 librarase un pagamento anticipado de ata o 90 % da subvención que corresponda á dita anualidade da liña 1 e da liña 2, se procede, segundo o establecido na resolución de concesión.

O importe restante librarase unha vez xustificados os gastos e/ou o número de prazas ocupadas polos nenos/as matriculados para os cales se concedeu a axuda nos termos establecidos no artigo 15.

3. A percepción destes pagamentos en concepto de anticipo queda exonerada da constitución de garantías.

Artigo 17. Prezos

As entidades solicitantes da axuda prevista para a liña 2 acreditarán estar aplicando un réxime de prezos equivalente ao regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, coas actualizacións publicadas da variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos seguintes termos:

1. Atención educativa: establecerase o importe do prezo máximo que se vai aboar en función da renda e das circunstancias da unidade familiar, ao cal se deberán aplicar as reducións, descontos e exencións que se recollen no dito decreto.

2. Servizo de comedor: poderán percibir das persoas usuarias o importe do prezo máximo unitario equivalente ao establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

3. Matrícula: poderán percibir das persoas usuarias o importe do prezo da matrícula que estea recollido na ordenanza fiscal correspondente ao curso 2021/22, cun límite máximo de 100 euros.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

Manter actualizados no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais todos os datos exixidos pola normativa de aplicación e, concretamente, os seguintes: relación nominal de traballadores/as, rexistro de persoas usuarias, tarifa de prezos e prazas vacantes.

Asegurar o cumprimento do proxecto educativo na/s escola/s subvencionada/s.

Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude.

Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude respecto dos centros subvencionados. Estes órganos comprobarán especialmente o cumprimento da asistencia dentro do horario reflectido na relación nominal de nenos/as indicada no último parágrafo do número 1.a) do artigo 7.

Ter á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa de que todos os nenos e nenas matriculados na escola infantil 0-3 cumpren o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Asegurar na prestación do servizo de comedor que se proporciona unha dieta equilibrada e axeitada á idade dos nenos e nenas e pór á disposición dos pais e das nais a relación semanal de menús.

Cumprir cos contidos exixidos para o proxecto lingüístico, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Cubrir na aplicación informática Escinf, o enderezo https://escinf.xunta/escinfextweb, a relación do alumnado que asiste á escola infantil/punto de atención á infancia.

Aplicar a bonificación do 100 % do custo por atención educativa a todos os segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar residentes en Galicia ata o 31 de agosto de 2022, e a partir do 1 de setembro de 2022 aplicala a todos os nenos que asistan á escola infantil 0-3, así como a matrícula, de ser o caso, e conservar á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á dita bonificación e mais da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento, emitidos nos termos establecidos no número 3 do artigo 4.

Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención.

d) Cando se incumpra a obriga de conservación da documentación acreditativa da entrega ás familias dos xustificantes mensuais de pagamento onde conste a bonificación do 100 % do prezo da atención educativa.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

Nos supostos en que a actividade presencial se vexa afectada por indicación da autoridade sanitaria por tempo superior a un mes, procederá o reintegro do 2 % da contía da axuda percibida en proporción ao período de tempo que corresponda.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 18, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 18, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño; á súa normativa de desenvolvemento e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS420D, poderase obter documentación normalizada ou información no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, ou no portal da Consellería de Política Social e Xuventude, https://www.xunta.gal/politica-social, no teléfono 012 ou no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins e respectando, en todo caso, a realización das actuacións subvencionables dentro do exercicio económico correspondente, de conformidade co establecido no artigo 1.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file