Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 3 de agosto de 2022 Páx. 42519

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).

BDNS (Identif.): 641529.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha ou varias escolas infantís 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que dispoña de permiso de inicio de actividades para a prestación do servizo outorgado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

b) Que a escola infantil 0-3 ou punto de atención á infancia polo cal solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación e teñen a súa residencia na Comunidade autónoma de Galicia.

c) Que a escola infantil para a cal se solicitan as axudas estea aplicando un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

2. Que a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Que a entidade local estea ao día no pagamento das liquidacións derivadas do réxime de cofinanciamento regulado no artigo 69 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos e puntos de atención á infancia de titularidade municipal (código de procedemento BS420D).

Estas axudas van dirixidas ao sostemento dos referidos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e constan de dúas liñas: a liña 1, que financiará gastos de mantemento, e a liña 2, que compensará a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e matrícula, de ser o caso, das prazas ocupadas polo alumnado de 0-3 anos.

O período subvencionable na liña 1 é o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de agosto de 2023.

O período subvencionable na liña 2 é o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto de 2022 polas prazas ocupadas por segundos fillos/as e sucesivos e entre o 1 de setembro de 2022 ao 31 de agosto de 2023 pola totalidade do alumnado para aqueles concellos que apliquen a dita bonificación.

2. Para os efectos da aplicación da bonificación do 100 % do prezo, entenderase por atención educativa o conxunto de atencións e coidados profesionais de carácter integral, prestados baixo unha perspectiva educativa, aos nenos e ás nenas durante a súa estadía na escola infantil, segundo a modalidade de xornada pola cal opten. A opción elixida implica a asistencia regular á escola infantil durante un máximo de 8 e un mínimo de 3 horas diarias, respectivamente.

Exceptúase da actuación subvencionable o custo do servizo de comedor e as actividades extra á atención educativa que supoñan un custo adicional cuantificable para a escola infantil.

3. Para ter dereito ás axudas reguladas nesta orde, os nenos e nenas deben ter a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de xullo de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento e gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para o curso 2022/23, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS420D).

Cuarto. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 10.591.031 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.460.01, coa seguinte desagregación:

Aplicación

Código de proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

13.02.312B.460.01

2017.00127

3.100.000,00 €

1.972.728,00€

5.072.728,00€

13.02.312B.460.01

2020.00052

2.582.503,00 €

2.935.800,00€

5.518.303,00€

Total

5.682.503,00 €

4.908.528,00 €

10.591.031,00€

2. De conformidade co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Tipos de axuda e contía

1. A convocatoria comprende unha liña 1, destinada a axudas para gastos de mantemento e unha liña 2, destinada á compensación da bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa.

2. A liña 1, referida a axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade contribuír a compensar gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de agosto de 2023 en gastos de persoal, alimentación e outros gastos xerais do centro.

A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3/punto de atención á infancia autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes, segundo os seguintes módulos:

Axuda anual segundo o número de unidades en funcionamento da escola ou escolas infantís

Puntos de atención á infancia

De 2 a 6 unidades

De 7 a 14 unidades

De máis de 14 unidades

Contía total por unidade en funcionamento

9.212 €

7.000 €

6.000 €

4.600 €

No caso de aumentar ou diminuír o número de unidades en funcionamento no curso 2022/23, o importe da axuda regularizarase no momento da xustificación.

De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo durante o cal non se prestou o servizo.

3. No caso de escolas infantís cun horario de apertura de 14 horas ou superior, a axuda por módulo incrementarase nun 25 %.

4. A liña 2, destinada a compensar estes centros pola aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa e da matrícula, de ser o caso, dos nenos/as que asisten á escola infantil.

As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa estableceranse en función do número de prazas efectivamente ocupadas e terán unha contía equivalente á do prezo mensual que lle correspondería aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro e durante un máximo de 11 mensualidades.

As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da matrícula será o equivalente ao recollido na correspondente ordenanza fiscal aplicable para o curso 2021/22, sen que en ningún caso poida superar os 100 euros.

Para os efectos do previsto nos parágrafos anteriores, durante todo o período subvencionable a entidade entregaralles ás familias os xustificantes mensuais de pagamento en que conste o número de horas ao día de asistencia e o importe que lles correspondería aboar, coa lenda de prezo bonificado 100 % pola Xunta de Galicia.

5. A inasistencia á escola infantil 0-3 durante un período de 15 días sen xustificar dará lugar á baixa do neno ou da nena usuario/a para a inclusión no programa da gratuidade na obtención da bonificación da liña 2.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 30 de setembro. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividades con posterioridade á publicación desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de notificación do dito permiso, e finalizará en todo caso o 30 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude