Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 4 de agosto de 2022 Páx. 42685

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2022 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

No Diario Oficial de Galicia núm. 66, do 5 de abril de 2022, publicouse a Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Mediante a Resolución do 7 de xullo de 2022 ampliáronse os prazos de solicitude e de execución e xustificación dos investimentos establecidos na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme).

O artigo 4.1 das bases reguladoras destas axudas establece «1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2022 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.000.000 de euros». O artigo 4.2 das bases reguladoras prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 31.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases reguladoras. Conforme o establecido no artigo 4.3, de producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos, maximizando o impulso de proxectos de mellora enerxética de autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar en 1.000.000 de euros o crédito dispoñible para as subvencións para mellora enerxética (programa Bono enerxía peme) modificando o artigo 4.1 da Resolución do 1 de abril do 2022, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2022 e imputaranse á aplicación orzamentaria 06.A3.733A.774.0. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.000.000,00 de euros».

Segundo. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia