Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 5 de agosto de 2022 Páx. 42775

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2022 e 2023, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, puntos 23 e 24, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e en promoción do desenvolvemento comunitario, respectivamente.

En virtude deste título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

Posteriormente, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, avanzando no enfoque da inclusión social activa, deseñou un sistema que integra as prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a proxectos de carácter social e formativo.

Este enfoque da inclusión social activa, anteriormente recollido na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritario para os fondos estruturais. Neste sentido, o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006, no seu artigo 3, establece que o Fondo Social Europeo (en diante, FSE) apoiará, como prioridade de investimento, en relación ao obxectivo temático «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», a inclusión social activa, con vistas a promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego.

Un dos tres piares en que se basea a inclusión social activa é o acceso a uns servizos de calidade, o que implica, no ámbito dos servizos sociais, a complementariedade entre os diversos axentes que operan no territorio e a importancia de complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. Neste senso, a Consellería de Política Social e Xuventude, como órgano que ten asumidas as competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, servizos comunitarios e inmigración, en virtude do Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, considera adecuado fomentar o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade, e aumentar a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social. A este fin responde esta convocatoria, onde se establecen subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios e da inclusión social, incluíndo aqueles específicos en favor da poboación inmigrante, pois estas institucións, ao traballaren directa e continuadamente coas persoas e familias afectadas por factores de exclusión social, coñecen de primeira man as súas necesidades, características e posibilidades, así como os instrumentos máis eficaces para potenciar as súas capacidades e promover a súa participación social e o seu acceso ao mundo laboral.

Baixo esta perspectiva, a orde regula varios tipos de axudas. En primeiro lugar, aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e manutención, as cales constitúen, en moitos casos, un primeiro nivel de atención que lles brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Outras tipoloxías de axudas van dirixidas á promoción de actuacións e á formulación e desenvolvemento de programas dirixidos a complementar, ampliar ou innovar a actuación dos servizos sociais comunitarios, tanto mediante o impulso da especificidade na atención de persoas ou territorios con características singulares, como mediante o complemento da acción que estes levan a cabo.

Así, na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, dáse unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión sociolaboral, tanto a inclusión básica como de transición ao emprego das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral. As actividades financiadas neste caso terán como obxectivo o apoio ou reforzo ás persoas que, polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social ou pola súa condición de inmigrante, precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inclusión social e laboral, e terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas e a formación básica adaptada ás súas necesidades, como a preparación para a avaliación das competencias clave exixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional. Igualmente, serán obxecto de financiamento as actuacións de dinamización en territorios en exclusión severa que teñan como obxectivo o intercambio de experiencias, vivencias, aprendizaxes e problemáticas comúns, e as súas posibles solucións.

A Unión Europea asume como prioridade converterse nunha organización cunha economía intelixente, sustentable e inclusiva que goce de altos niveis de emprego, de produtividade e de cohesión social.

Para lograr a converxencia entre España e a Unión Europea, Galicia deberá aumentar a súa taxa de emprego, mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión.

Por outro lado, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, prevé a posibilidade de que os fondos se poidan executarse ata o final do terceiro ano seguinte á súa asignación ao programa.

Nesta liña, aumentar a participación no mercado laboral e mellorar a calidade e produtividade do traballo, impulsando a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos, son os principais obxectivos do período 2014/2020, do programa operativo do FSE.

A isto súmanse as consecuencias económicas, sociais e sanitarias da pandemia da COVID-19, que agrava a situación das persoas en risco de exclusión social, reducindo a cohesión social, polo que é necesario aplicar medidas de recuperación que fagan fronte a esta situación.

Con base en todo o exposto, a Consellería de Política Social e Xuventude, en virtude das súas competencias en materia de inclusión social, considera de especial interese a posta en marcha de medidas dirixidas a compensar as dificultades que presentan determinados colectivos impulsando o desenvolvemento de actuacións como as que serán obxecto da concesión de subvencións a través da desta orde.

A presente orde pretende impulsar programas baseados principalmente na atención a persoas que atravesan por procesos de enfraquecemento dos seus vínculos persoais e/ou sociais e que precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inserción social e laboral. Dentro deste contexto, os perceptores de rendas mínimas, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana e as persoas inmigrantes, entre outros, consideraranse grupos vulnerables e, polo tanto, susceptibles de seren destinatarios de accións que os acompañen no seu proceso de cambio. Estas tipoloxías de programas serán financiadas parcialmente con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 100 %, a través do obxectivo temático 13, Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; prioridade de investimento 13.1, Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.2, Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza, e na liña de actuación 106, Medidas de apoio á inclusión sociolaboral específicas da Estratexia de inclusión social de Galicia.

Por outra banda, o estudo da situación das persoas sen fogar en Galicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia en colaboración coas entidades sociais no ano 2017, reflicte que un total de 1.263 persoas sofren esta situación en Galicia, e delas o 68 % levan máis de tres anos na rúa. Para reverter esta situación é necesario desenvolver programas de carácter integral que atendan as múltiples necesidades destas persoas, desenvolvendo itinerarios de inclusión específicos, reforzar o acompañamento e realizar accións de promoción do acceso e mantemento da vivenda. É por iso que esta convocatoria recolle un programa específico dirixido a subvencionar prestacións a persoas sen fogar.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Así mesmo, no caso das actuacións financiadas polo FSE (establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º) dáse debido cumprimento á normativa específica aplicable, de conformidade co disposto no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: o Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote da COVID-19; o Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus), e o Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, de 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e ás súas consecuencias sociais, e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018: «As normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013».

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, onde queda fixada a estrutura orgánica superior da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria do réxime de concesión de axudas ás entidades de iniciativa social para a promoción das actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social nos anos 2022 e 2023 que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, se leven a cabo a través da atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e a través do desenvolvemento dos programas e/ou servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

O código deste procedemento administrativo é BS631A.

2. Quedan fóra do obxecto das subvencións reguladas nesta orde as actividades e proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou doutras problemáticas de índole sanitaria, salvo as dirixidas á prevención das discapacidades, especialmente enfermidade celíaca e fenilcetonuria. Estas actividades e proxectos deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na atención ás persoas e familias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

3. Non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde, aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de sete millóns cento noventa mil euros (7.190.000,00 €), distribuído en dúas anualidades, e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

2022

2023

Total

13.03.312A.481.3

1.495.000,00

1.495.000,00

2.990.000,00

13.03.313C.481.6

1.900.000,00

1.900.000,00

3.800.000,00

13.03.312C.481.0

200.000,00

200.000,00

400.000,00

Total

3.595.000,00

3.595.000,00

7.190.000,00

As partidas 13.03.313C.481.6 e 13.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º e serán financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 100 %, a través do obxectivo temático 13, Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; prioridade de investimento 13.1, Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.2, Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza, e liña de actuación 106, Medidas de apoio á inclusión sociolaboral específicas da Estratexia de inclusión social de Galicia.

A partida 13.03.312A.481.3, financiada por fondos propios da Xunta de Galicia, destinarase ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.a), funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e no artigo 4.1.b).1º, actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase excepcionalmente ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda tras o informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1 desta orde.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica, tamén poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica, sempre que poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.

A agrupación deberá facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cada unha das organizacións membros da agrupación deberá estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de Galicia.

3. No suposto de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, ademais do disposto nos números anteriores, a entidade deberá contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

No momento da solicitude será suficiente con presentar unha copia da solicitude do permiso de inicio de actividades en que conste a data no rexistro de entrada. O órgano instrutor verificará que as entidades solicitantes teñen concedido o mencionado permiso con data anterior ao da notificación da resolución da subvención que corresponda.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables dous tipos de servizos e prestacións:

a) Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social. Inclúese neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema galego de servizos sociais neste nivel de atención, os cales se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:

1º. Albergues.

2º. Centros de acollida.

3º. Comedores sociais.

4º. Centros de atención social continuada.

5º. Centros de día e inclusión social.

b) Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, nos termos establecidos no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante:

1º. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos. Inclúense os seguintes servizos, coa seguinte desagregación por programas:

1º.1. Servizos de atención ás necesidades básicas:

1º.1.1. Servizo da cobertura de necesidade de alimento.

1º.1.2. Servizo de provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría, apoio material...).

1º.1.3. Servizo de atención de rúa e/ou servizo de atención urxente.

1º.2. Servizos de prevención e primeira atención, que comprenderá os programas de valoración, orientación e información dirixidos a identificar situacións de risco e factores de vulnerabilidade, así como a informar sobre os recursos e prestacións do Sistema galego de servizos sociais.

2º. Actuacións comprendidas dentro dos servizos de apoio á inclusión sociolaboral, servizo de formación adaptada e servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión:

2º.1. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Dentro deste servizo financiaranse:

2º.1.1. Da sección de inclusión básica. Comprende as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas á mellora da administración da economía familiar; o reforzo socioeducativo para menores; o apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

2º.1.2. Da sección de inclusión e transición ao emprego. Comprenderá as prestacións de diagnose; deseño; seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou sociolaboral; acompañamento social; accións para a adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais, incluídas as dirixidas á mellora da administración da economía familiar; as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral; a mediación laboral; a prospección e intermediación laboral activa; o reforzo socioeducativo para menores; apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

2º.1.3. Prestación de apoio á conciliación prestada no marco do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, tanto na sección de inclusión básica como da sección de inclusión e transición ao emprego, ou cando se trate dunha prestación vinculada directamente a un servizo de formación adaptada.

2º.1.4. Prestacións do servizo de apoio á inclusión residencial. Este servizo inclúe accións de apoio ás persoas en procesos de inclusión sociolaboral que, debido aos seus baixos ingresos e/ou outros factores de discriminación, teñen dificultades de acceso ou mantemento da estabilidade residencial. Subvenciónanse as prestacións obrigatorias da sección de promoción do acceso e mantemento da vivenda: intermediación inmobiliaria, prevención da discriminación no mercado da vivenda e acompañamento nos procesos de transición a recursos residenciais estables e a prestación opcional de mediación e resolución de conflitos relacionados coa vivenda.

2º.2. Prestacións do servizo de formación adaptada. Excepcionalmente, poderanse subvencionar fóra do servizo de apoio á inclusión sociolaboral as accións de formación adaptada cando desenvolvan contidos relacionados coas medidas comprendidas nas prioridades transversais da Estratexia de inclusión social de Galicia, entres as que se inclúe a formación en alfabetizacións e adquisición de coñecementos básicos dixitais e a formación vinculada coa redución da vulnerabilidade das persoas en risco ou situación de exclusión social con baixa cualificación, nelas inclúese a formación en competencias clave, preparación para as probas de adquisición do título de educación secundaria obrigatoria (ESO) e educación secundaria para adultos (ESA).

2º.3. Prestacións do servicio de intervención comunitaria en territorios de exclusión. Comprenderá as prestacións de dinamización social comunitaria. Tratarase de actuacións en territorios en exclusión severa, que aproveiten espazos de dinamización comunitaria ou de interrelación xeracional ou interterritorial e que teñan por finalidade tanto compartir experiencias, vivencias e aprendizaxes como debater problemáticas comúns relativas á análise das potencialidades tanto económicas como sociais do territorio e as súas posibles solucións, sempre que exixan a presenza e dedicación de persoal dinamizador ou experto. Para os efectos desta orde, entenderase que un territorio sofre exclusión severa cando a súa dispersión, recente perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada impidan ou dificulten de xeito importante o desenvolvemento destes espazos de comunicación.

Serán persoas beneficiarias das actuacións que se subvencionen no punto 1.b).2º as perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da Rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social. Neste último suposto a situación de exclusión social acredítase mediante declaración responsable da entidade de que o beneficiario está nesa situación.

Para a consideración destes factores observarase o establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas destinatarias e o seu perfil.

3º. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante. Inclúense as seguintes prestacións:

3º.1. As actuacións que se sinalan no punto 1.b).2º adaptadas ás necesidades específicas destas persoas.

3º.2. Prestacións do servizo de promoción da participación social, como accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida.

3º.3. Prestación do servizo de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría, que consistirá na información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologacións de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e demais cuestións relacionadas coa nacionalidade.

3º.4. Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral. Ademais das incluídas no punto 3º.1 subvenciónase a prestación de mediación social e/ou intercultural, dirixida á integración das persoas inmigrantes. Esta prestación deberá levala a cabo persoal especializado en distintos ámbitos, como sanidade, educación, vivenda ou outros, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas con que se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade o respecto e o fomento de actitudes de tolerancia coa diversidade cultural. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 % do importe da axuda concedida para esta actuación.

Serán persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionados neste punto as persoas inmigrantes que acrediten documentalmente tal condición ou a súa orixe estranxeira e se encontren en risco de exclusión social de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, ou nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de inmigrante; esta situación acreditarase mediante declaración responsable da entidade, xunto coa fotocopia do documento acreditativo da identidade de persoa estranxeira.

Tamén participarán neste programa aquelas persoas solicitantes ou beneficiarias de protección internacional que puidesen chegar á Comunidade Autónoma galega.

Na ficha de descrición da actuación do anexo IV deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas participantes e o seu perfil.

2. Poderá solicitarse un máximo de catro actuacións para cada unha das tipoloxías do punto 1.b), indicando a súa orde de prioridade, agás as que conteñan un contido formativo dos puntos 2º.2 e 3º.2. Esta limitación non será de aplicación á tipoloxía do punto 1.a).

3. Todas as accións comprendidas nos puntos 1.b).2º e 1.b).3º serán deseñadas, desenvolvidas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e que se terán en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres a que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables das actuacións singularizadas establecidas no artigo 4, puntos 1.a) e 1.b), os seguintes:

a) Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e realización de actuacións singularizadas:

1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a continuación se relacionan, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:

1º.1. Gastos de persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda.

1º.2. Gastos de persoas traballadoras por conta propia para a realización de actividades subvencionadas.

1º.3. Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.

1º.4. Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.

1º.5. Bolsas por asistencia a accións formativas.

1º.6. Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.

2º. Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a continuación se relacionan, sempre que non se correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural, pero resulten necesarios para a súa realización:

2º.1. Gastos de persoal.

2º.2. Gastos en material funxible.

2º.3. Gastos de alugamento e mantemento das instalacións, que comprenden os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

En todo caso, as actuacións subvencionadas dirixidas á inclusión social deberán cumprir as normas establecidas nos regulamentos (UE) nº 1303/2013 e 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificados ambos polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; no Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020; no Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020 polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013 e (UE) 508/2014, no relativo ás medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e nos outros sectores de súas economías, en resposta ao brote da COVID-19; no Regulamento (UE) 2020/2221, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE), e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

2. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de xullo de 2022 ao 30 de abril de 2023.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social e Xuventude por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

4. Con respecto ás subvencións establecidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b), non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 15.000 € sen IVE, para o caso de subministracións e servizos, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención, aspecto que terán que acreditar.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. A percepción de axudas para actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. As subvencións para actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º, 4.1.b).3º son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda pública de fondos comunitarios para a mesma actuación.

2. No caso de entidades solicitantes de subvención para accións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Nos casos das subvencións para accións recollidas no artigo 4.1.b). 2º e 3º, nos supostos en que se declare algunha outra axuda ou ingreso para financiar actuacións subvencionadas, o importe da subvención que corresponda logo de aplicar os módulos correspondentes diminuirase na mesma contía que o ingreso percibido.

3. As subvencións para o funcionamento de centros reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia mediante calquera das modalidades de contratación administrativa nin coa existencia dun convenio de colaboración especificamente asinado para o mantemento de centros e subvención de actividades.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. Para todas as solicitudes é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade, para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Memoria da entidade segundo o modelo do anexo II que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) No caso das agrupacións sen personalidade xurídica, deberá xuntar un documento onde consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos seus membros, e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.

2. A documentación específica para as subvencións de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidas no artigo 4.1.a) será a constituída polo anexo III, que inclúe a ficha de identificación do centro para o cal se solicita a subvención, que deberá conter os seguintes aspectos:

1º. Tipo de centro para o cal se solicita a subvención.

2º. Identificación do centro e da persoa responsable. No caso de non contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, deberán achegar a copia da solicitude do permiso de inicio de actividades.

3º. Horario de atención ás persoas usuarias e número de días de apertura, coa desagregación reflectida no anexo III.

4º. Perfil das persoas usuarias e réxime económico aplicado.

5º. Número de prazas autorizadas. Número previsto de persoas usuarias/día.

6º. Outras unidades e recursos: módulo de unidades familiares, de media estadía, recursos extra e existencia doutros recursos similares na zona de influencia.

7º. Recursos humanos dispoñibles.

8º. Descrición das características técnicas do centro.

9º. Declaración dos gastos previstos, que deberá presentarse de xeito separado para as actuacións previstas do 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022, e do 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023.

A información mínima requirida no anexo III poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

3. Documentación específica para as subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante establecidas no artigo 4.1.b), achegando o anexo IV, un por cada actuación solicitada coa ficha descritiva da actuación, que deberá conter como mínimo:

a) Datos da entidade solicitante.

b) Denominación da actuación.

c) Tipo de actuación.

d) Xustificación da necesidade social e localización territorial.

e) Obxectivos e descrición xeral da actuación, que deberá estar adaptada ás persoas destinatarias, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero nos termos definidos no artigo 4.

f) Descrición dos recursos humanos e materiais que se van utilizar para garantir o axeitado desenvolvemento da actuación, especificando a titulación e dedicación horaria do persoal á actuación para a cal se solicita a subvención.

g) Cronograma da/das actuación/s: a/s descrición/s conterá/n o período temporal de desenvolvemento da actuación, con indicación do seu número total de horas e/ou, no caso de que sexa necesario pola súa natureza, días, semanas ou meses de execución efectiva, así como o número previsto de persoas usuarias, coa desagregación reflectida no anexo IV. Esta descrición deberase presentar desagregada, recollendo de xeito separado as actuacións previstas en cada anualidade subvencionable, segundo o establecido no anexo IV. Para as actuacións do artigo 4.1.b).1º será o previsto desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022, e desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023.

Nas actuacións de tipo formativo distinguiranse o número de horas e as unidades didácticas ou módulos en que se divida, con expresión da duración de cada un deles.

h) Perfil e criterios de selección das persoas destinatarias para a actuación e para cada unha das súas fases. Indicarase, de ser o caso, a/s problemática/s específica/s das persoas usuarias. No caso de solicitudes tipo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, esta epígrafe deberá axustarse ao establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

i) Metodoloxía que se vai empregar no desenvolvemento da actuación, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero, describindo os axustes que se introducirán en función dos roles diferentes que asumen homes e mulleres na sociedade e que poden condicionar o acceso e a calidade da súa participación.

j) Avaliación cualitativa prevista.

k) Para as actuacións do artigo 4.1.b).1º, unha declaración de gastos previstos, que deberá presentarse de xeito separado para as actuacións previstas desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022, e desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023.

De ser o caso, declaración responsable prevista no artigo 4.1.b).2º de que a persoa beneficiaria está en situación de exclusión social.

A información mínima requirida no anexo IV poderá ser ampliada, á discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderánselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou número de identidade estranxeiro da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Grupo de cotización dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados á execución dos programas subvencionados.

g) Situación de alta na Seguridade Social dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados aos programas subvencionados durante o período de execución da actuación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo do anexo I de solicitude e/ou no anexo IX de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, segundo o caso, e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos correspóndelle á subdirección xeral competente en materia de programas de inclusión. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aquelas actuacións que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo 13.

As solicitudes ou actuacións que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución desestimatoria ou de non admisión, que deberá ser motivada. A resolución será notificada nos termos establecidos no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No exercicio das súas funcións, o órgano instrutor poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais, e tamén informes dos servizos técnicos pertinentes, tanto a nivel central como territorial, os cales non terán carácter preceptivo nin vinculante. Así mesmo, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 12. Procedementos de concesión e criterios de valoración

1. Para as actuacións do artigo 4.1.a), dada a súa natureza e finalidade, ao abeiro do artigo 19.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións será baixo o réxime de concorrencia non competitiva, polo que o órgano competente procederá ao rateo, entre as entidades beneficiarias da subvención, da cantidade de 2.840.000 €, coas seguinte distribución: 1.420.000 € en 2022 e 1.420.000 en 2023. O crédito sobrante distribuirase para as actuacións da tipoloxía do artigo 4.1.b).1º.

Para as actuación da tipoloxía do artigo 4.1.b).1, asignarase un mínimo de 150.000 €, coa seguinte distribución: 75.000 € en 2022 e 75.000 € en 2023. En todo caso, na tipoloxía 4.1.b).1º atenderase en primeiro lugar ás solicitudes para cubrir as necesidades básicas e, unha vez atendidas estas, continuarase coas solicitudes para as actividades informativas.

O crédito sobrante distribuirase para as actuación da tipoloxía do artigo 4.1.a). No caso de sobrante de crédito nestas tipoloxías, asignarase ás actuacións da tipoloxia do artigo 4.1.b).2º e b).3º.

Para as actuacións da tipoloxía do artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º asignarase unha cantidade de 4.200.000 €, dos cales corresponderán 2.100.000 € a 2022 e 2.100.000 € a 2023. Esta contía distribuirase entre elas de xeito proporcional ao importe das actuacións admitidas de cada tipoloxía susceptibles de seren baremadas, reservando un mínimo de 250.000 € para aqueles programas que teñan por destinatarias a persoas sen fogar ou en exclusión severa, concretamente para o desenvolvemento das medidas recollidas no eixe 4 (enfoque inclusivo da vivenda) do Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia 2019-2023.

2. O procedemento de concesión das subvencións para actuacións singularizadas do artigo 4.1.b) que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos e para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquelas dirixidas de xeito exclusivo á poboación inmigrante, atenderá a un réxime de concorrencia competitiva.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de actuación, poderá ser utilizado no resto das tipoloxías previstas neste punto, sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

3. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que se desestiman por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido nos artigos 30.2 e 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas, as cales respectarán a orde de prelación previamente realizada.

4. Os criterios de valoración das actuacións previstas no artigo 4.1.b).1º, 2º e 3º serán os seguintes, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Calidade técnica do programa: ata 65 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Necesidade social do programa, ata 10 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: o proxecto non explicita a necesidade social, 0 puntos; o proxecto refire a necesidade social de forma xenérica, sen explicitar como o programa vai facer de maneira concreta fronte á necesidade social, 4 puntos; define claramente a necesidade social, na zona en que vai intervir e do colectivo con que se traballa, número de persoas destinatarias do programa, pero non indica medidas detalladas de como o programa vai facer fronte a ela, 7; define claramente a necesidade social, na zona en que vai intervir e do colectivo con que se traballa, número de persoas destinatarias do programa e indica medidas detalladas de como o programa vai facer fronte a ela, 10 puntos.

2º. Definición clara dos obxectivos que se pretenden acadar, descrición detallada das actuacións que se van desenvolver no programa e calendarización delas, ata 20 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: non establece obxectivos, 0 puntos; establece obxectivos xenéricos, sen definir accións especificas para levalos a cabo e sen asignar un cronograma de realización, 2 puntos; establece obxectivos con asignación de accións especificas, pero desvinculados a un cronograma de execución, 5 puntos; establece obxectivos estratéxicos, asígnalles obxectivos específicos e accións concretas para levalos a cabo, asignando un cronograma para a execución, 10 puntos; establece obxectivos estratéxicos, asígnalles obxectivos específicos e accións concretas para levalos a cabo, asignando un cronograma especifico de execución. A execución das accións está vinculada a indicadores precisos de control e sistemas de avaliación, 20 puntos.

3º. Adecuación dos recursos humanos, materiais e técnicos para o desenvolvemento do programa: ata 5 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: non indica os recursos asinados, 0 puntos; indica recursos da entidade, pero non precisa que vaian ser destinados ao programa, 2 puntos; indica recursos destinados ao programa, pero considéranse insuficientes ou imprecisos, 3 puntos; precisa os recursos humanos e materiais que van ser destinados ao programa, 5 puntos.

4º. Os participantes derivados dos servizos sociais comunitarios, ata 15 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: todas as persoas atendidas son derivadas dos servizos sociais comunitarios, 15 puntos; máis do 70 % das persoas atendidas son derivadas dos servizos sociais comunitarios, 12 puntos; máis do 50 % das persoas atendidas son derivadas dos servizos sociais comunitarios, 8 puntos; máis do 30 % das persoas atendidas son derivadas dos servizos sociais comunitarios, 5 puntos.

5º. Contido innovador na metodoloxía empregada ou sistemas de organización ou xestión que acheguen valor ao proxecto, ata 5 puntos. A puntuación asígnase conforme os seguintes criterios: o programa non menciona innovacións, 0 puntos; a proposta prevé innovacións da entidade, pero non están vinculadas ao desenvolvemento do programa especificamente, ou son innovacións de escasa entidade, 3 puntos; a innovación está pensada explicitamente para o desenvolvemento do programa que se vai desenvolver. Son innovacións importantes e renovadoras, 5 puntos.

6º.1. Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º, presentación dun compromiso de contratación ou de realización de prácticas non laborais asinado por unha empresa, ou de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia: 10 puntos.

6º.2. Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

‒ Necesidades básicas: ata 10 puntos.

‒ Informativas: ata 5 puntos.

b) Experiencia e especialización da entidade na realización de programas de inclusión sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na execución de programas e na memoria da entidade: ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Experiencia da entidade no ámbito da inclusión social, considerada en función do número de anos que desde o actual leva dedicándose ininterrompidamente a este labor: ata 4 puntos, 1 por ano.

2º. Colaboración coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de programas: 2 puntos.

3º. Os catro puntos restantes distribuiranse como se indica a continuación:

3º.1. Para as actuacións de apoio á inclusión sociolaboral baseadas na agricultura social que se desenvolvan en áreas rurais do territorio galego previstas no artigo 4.1.b).2º.1: 4 puntos.

3º.2. Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

Número de socios que contribúan ao financiamento da entidade: 4 puntos.

c) Actuacións integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión sociolaboral, como a educación e formación, inserción laboral, acción social, cobertura de necesidades básicas, orientación e información, vivenda, sanidade: ata 10 puntos, coa seguinte desagregación:

1º. Presentación de actuacións en dous ámbitos: 3 puntos.

2º. Presentación de actuacións en tres ámbitos: 5 puntos.

3º. Presentación de actuacións en catro ámbitos: 7 puntos.

4º. Presentación de actuacións nos cinco ámbitos: 10 puntos.

d) Programas desenvolvidos en zonas de alta concentración de persoas nas cales concorren factores de exclusión, asentamentos de poboación con alto índice de vivenda inadecuada ou territorios en exclusión con alta dispersión da poboación: 10 puntos. Considérase a actuación desenvolvida en concellos situados en territorios de exclusión ou en barrios marxinais de cidades con elevada taxa de exclusión ou asentamentos de poboación con alto índice de vivenda inadecuada indicado polos servizos sociais dos concellos. Nos casos en que os servizos sociais non informen, tomarase en consideración a declaración realizada na solicitude e as fontes de información existentes para considerar a valoración desta epígrafe.

Para actuacións establecidas no artigo 4.1.b).1º:

Coordinación acreditada con outras entidades ou axentes sociais: 10 puntos.

e) Realización de actividades específicas de promoción da igualdade de xénero: ata 5 puntos. A puntuación asignarase conforme os seguintes criterios:

‒ O programa non prevé actividades que promocionen a igualdade de xénero: 0 puntos.

‒ A entidade indica de forma xenérica que leva a cabo de forma transversal a promoción da igualdade de xénero pero sen concretar medidas especificas: 2 puntos.

‒ A entidade establece medidas específicas de igualdade de xénero asignadas ao programa (v. gr. módulos de igualdade, seminarios, obradoiros, formación especifica...): 5 puntos.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para os procedementos de concorrencia competitiva previstos no artigo 12.2 crearase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidente/a: a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de programas de inclusión.

b) Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión, a persoa titular da xefatura do Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes e un/unha funcionario/a adscrito/a á subdirección xeral competente en materia de programas de inclusión.

c) Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia.

En caso de ausencia dalgún membro da Comisión de Valoración, este será substituído pola persoa designada polo/a presidente/a.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

Para o exercicio das súas funcións, esta comisión poderá ter en conta informes dos servizos técnicos pertinentes, que non terán carácter preceptivo nin vinculante.

2. Unha vez avaliados os expedientes e determinado o importe que lle correspondería a cada actuación, a Comisión presentaralle ao órgano instrutor o informe dos resultados da avaliación efectuada.

3. Neste informe figurará de xeito individualizado a avaliación das solicitudes presentadas, especificándose o importe que lle correspondería a cada unha delas.

Artigo 14. Determinación do importe das subvencións

1. Canto ás subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social previstas no artigo 4.1.a), a determinación do importe das subvencións tomará como referencia o número de persoas que cada centro prevé atender, coa limitación do número de prazas para as cales estea autorizado, e un importe unitario máximo de axuda por persoa atendida por día en función da tipoloxía de centro, do xeito seguinte:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 8 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día; establécese un límite máximo de 146.000 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día; establécese un límite máximo de 41.700 € por centro.

c) Albergues: módulo de 7 € por cada persoa que se atenda e día; establécese un límite máximo de 41.700 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día; establécese un límite máximo de 100.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 4 € por cada persoa que se atenda e día; establécese un límite máximo de 41.700 € por centro.

2. Nas subvencións previstas no artigo 4.1.b) para actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, ademais daquelas do servizo de promoción da participación social dirixida, no marco desta orde, de xeito exclusivo á poboación inmigrante, unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme o criterios establecidos, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, o cal se distribuirá do seguinte xeito:

a) Módulo de apoio á inclusión sociolaboral:

1º. Sección de inclusión básica: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, realizado por persoal técnico cunha titulación universitaria, titulación superior de FP complementada cunha dilatada experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á titulación referida.

En todo caso, respectaranse as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal, e o seu encadramento profesional será o grupo profesional I do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social ou equivalente no caso de que a persoa traballadora non estea no seu ámbito de aplicación, cun máximo de 1.433 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa, ou varios profesionais con dedicación parcial. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 33 persoas atendidas, das cales o 60 % deberá ter realizadas polo menos as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión considera obrigatorias para esta sección: diagnose; deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral; acompañamento social; accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

2º. Sección de inclusión e transición ao emprego: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, realizado por persoal técnico coa mesma titulación e grupo profesional que no punto anterior, cun máximo de 1.433 horas para o período subvencionable, que corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa, ou varios profesionais con dedicación parcial. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 33 persoas atendidas, das cales o 60 % deberá ter realizadas polo menos as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión considera obrigatorias para esta sección: diagnose; deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral; acompañamento social; accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais; accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral.

O número de persoas atendidas exixido minorarase proporcionalmente en función da dedicación horaria declarada.

Nas dúas seccións, se as persoas atendidas son persoas sen fogar ou se encontran en situación de exclusión severa, circunstancia que se fará constar no momento da solicitude, exixirase para unha dedicación a xornada completa a atención de 13 persoas, e deberán ter sido realizadas, polo menos, as prestacións obrigatorias elixidas do mesmo xeito que no punto anterior.

As persoas que estean a desenvolver un proceso de inclusión xestionado por unha entidade local ou polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en calquera das dúas seccións do apoio á inclusión sociolaboral, non se computarán para acreditar o número mínimo de persoas atendidas.

b) Módulo de formación adaptada/promoción da participación social: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 1.433 horas para o período subvencionable realizado por persoal técnico coa mesma titulación e grupo profesional que o previsto na letra a).

Os importes establecidos corresponderán cando teña dereito á certificación acreditativa da súa realización un mínimo de cinco participantes que teñan acreditada a asistencia como mínimo ao 60 % do total das horas da acción formativa.

c) Módulo de medidas de apoio á conciliación: 14,89 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 1.433 horas, realizado por persoal técnico con formación académica e/ou profesional de grao medio, ou equivalente, completados cunha experiencia ou titulación profesional necesaria para o desenvolvemento da súa función.

O seu encadramento profesional será o grupo profesional III do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social ou equivalente, no caso de que a persoa traballadora non estea no seu ámbito de aplicación.

d) Módulo de mediación social e/o intercultural: 17,06 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 1.433 horas, realizado por persoal técnico con formación profesional superior de grao medio, ou formación académica equivalente, complementada con coñecementos adquiridos por demostrada experiencia no seu posto de traballo en mediación intercultural. O seu encadramento profesional será o grupo profesional II do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social ou equivalente, no caso de que a persoa traballadora non estea no seu ámbito de aplicación.

e) Módulo de asesoramento técnico especializado no ámbito normativo en materia de estranxeiría: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 1.433 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dunha persoa coa titulación en dereito a xornada completa. O seu encadramento profesional será o grupo profesional I do Convenio colectivo estatal de acción e intervención social ou equivalente, no caso de que a persoa traballadora non estea no seu ámbito de aplicación.

f) Módulo de intervención comunitaria en territorios en exclusión severa, sempre que comporte a presenza de monitor: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 40 % en concepto doutros custos directos ou indirectos, cun máximo de 1.433 horas para a actividade acreditada, e encadramento no mesmo grupo profesional que na letra a). Será necesario xustificar que as persoas atendidas recibiron unha prestación das incluídas no servizo de intervención comuntaria en territorio de exclusión previsto no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro.

g) Módulo de inclusión residencial, dirixido ás persoas sen fogar ou exclusión severa: 19,14 €/hora de traballo efectivo máis o 20 % en concepto doutros custos directos ou indirectos para a actividade acreditada. O encadramento será o grupo profesional previsto na letra a). O número de persoas mínimas que se van atender no período, cun máximo de 1.433 horas, é de 13. Rebaixarase proporcionalmente a contía que se vai pagar no caso de xustificar un número menor de persoas.

h) Módulo de servizos de atención ás necesidades básicas previsto no artigo 4.1.b).1º.1: 12 € por persoa atendida nun período subvencionable de 10 meses.

i) Módulo de servizos de prevención e primeira atención previsto no artigo 4.1.b).1º.2: 5 € por persoa atendida nun período subvencionable de 10 meses. Para estes efectos, establécense dous períodos subvencionables: o primeiro do 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022, e o segundo do 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023. En consecuencia, unha mesma persoa poderá ser computada nos dous períodos, pero só unha vez en cada un deles.

O crédito asignado para cada anualidade de gasto distribuirase en función da puntuación xeral resultante en orde decrecente de tal xeito que, unha vez esgotado o crédito dispoñible para unha das anualidades, continuará asignándose o correspondente ás outras anualidades de maneira independente. A anualidade de 2022 comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022, e a anualidade 2023 ás actuacións realizadas desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023.

A contía máxima de axuda por actuación nas tipoloxías do artigo 4.1.b) establécese nun importe de 39.000 €.

Artigo 15. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, por proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións ás entidades interesadas será de cinco meses, que empezará a contar desde a entrada de cada solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, no caso das subvencións recollidas no artigo 4.1.a), que se tramitan polo procedemento de concorrencia non competitiva, e desde o día seguinte da publicación desta orde, nos demais casos. As resolucións estarán motivadas e indicarán a puntuación acadada no proceso de valoración. Se vence o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada.

3. En todo caso, deberánselle notificar a cada beneficiario as condicións da axuda. En particular, no caso das axudas recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º, na resolución de concesión será informada a entidade beneficiaria de que a axuda está financiada, nunha porcentaxe do 100 %, con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e liña de actuación correspondente. Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarios/as, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica. Igualmente, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación, entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións. No caso das axudas recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º, a súa aceptación implicará a aceptación da súa aparición na lista pública de operacións co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 e polo Regulamento (UE) nº 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

5. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actuacións recollidas no artigo 4.1.b) e o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria para que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que considere pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa polo cal se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Será de aplicación aos beneficiarios e beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Notificacións e publicacións

1. Nos procedementos para a concesión de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social previstos no artigo 4.1.a), as notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sístema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. No procedemento para a concesión de subvencións para realizar actuacións singularizadas, prestacións vinculadas ao desenvolvemento de servizos sociais de inclusión previstos no artigo 4.1.b), publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, de xeito complementario, poderase efectuar a notificación das resolucións da concesión mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), nos termos establecidos no número 1.

Artigo 19. Obrigas das entidades subvencionadas

1. As entidades beneficiarias das subvencións deberán:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente. En todo caso, as actuacións prestaranse de acordo co establecido na Carteira de servizos sociais de inclusión definida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, en todos os aspectos que sexan de aplicación.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados.

c) En todo caso, respecto das axudas financiadas polo FSE, deberán manter unha pista de auditoría suficiente, dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante, polo menos, un período de dous anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída ante a Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. De ser o caso, o comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

d) Os beneficiarios comprométense a asumir a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para facer chegar ao publico información sobre as operacións financiadas. No caso das axudas financiadas polo FSE, deberá darse cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do programa, en cumprimento do disposto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións subvencionadas terá que constar a condición de subvencionadas pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo FSE con fondos REACT-UE, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. En particular, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio recibido dos fondos ao proxecto, e deberá figurar o emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo. Durante a realización do proxecto informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. Na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude estará dispoñible a información, os emblemas da Unión Europea e do órgano concedente, así como un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

e) Informar, de ser o caso, as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Xuventude) e polo FSE con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e deberán figurar os emblemas correspondentes, como mínimo, nos partes de asistencia/participación, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia.

f) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Consellería de Política Social e Xuventude e, se así é requirido, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. En particular, no caso das axudas financiadas polo FSE, deberán adecuar a metodoloxía de recollida e proceso de datos de seguimento e de acreditación da realización da actividade de persoas beneficiarias ás fórmulas requiridas a través da aplicación Participa 1420, realizando as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitados ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

g) Con respecto ás persoas participantes, obterán información sobre os indicadores de execución, produtividade e resultado. Para acreditar deste aspecto, a entidade deberá recadar e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta ante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.

Estes indicadores deberá cubrilos e telos á disposición da Consellería de Política Social e Xuventude cando sexan requiridos.

No caso particular das axudas financiadas polo FSE, para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos do perfil cos indicadores de produtividade e de resultado das persoas participantes na aplicación Participa 1420. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de produtividade e de resultado inmediato de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante, segundo os modelos dispoñibles na aplicación Participa 1420.

h) Comunicar as variacións das datas de inicio e remate das actuacións previstas na solicitude, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude, en especial, os relativos á subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei, e certificado en que se indique o número estimado da poboación beneficiada para a actuación no período subvencionado pola orde de convocatoria.

i) Controlar a asistencia ás accións formativas e expedir certificado de finalización da acción formativa para os participantes que asistisen como mínimo ao 60 % do total das súas horas.

j) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días respecto á data en que se produzan. A autorización considérase outorgada tacitamente unha vez transcorrido o prazo de quince días desde que se recibiu a solicitude.

k) Remitir, no prazo de dez días, os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude.

l) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social e polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

En particular, no caso das axudas financiadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, que incluirán as oportunas visitas sobre o terreo.

Entre a información e a documentación que debe conservarse incluiranse os contratos laborais e os mercantís se se trata de persoal externo; información da situación de alta na Seguridade Social das persoas traballadoras adscritas, das horas dedicadas polos traballadores a cada unha das prestacións e do lugar de impartición. Ademais, deberase conservar a documentación relativa ao control horario, ás verificacións de asistencia e aquela de que dispoñan nos casos en que a titulación exixida poida ser suplida por coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión e complementados con formación específica.

m) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades e os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

n) Realizar o reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

ñ) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Os servizos da Consellería de Política Social e Xuventude poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nel.

3. No que respecta ás obrigas previstas nas letras c) e d) de comunicar e informar a cidadanía de que as actuacións foron subvencionadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, para xustificar o cumprimento dos indicadores de comunicación previstos no programa operativo, a Dirección Xeral de Inclusión Social solicitará proba documental do cumprimento desta obriga, que deberá ser facilitada no prazo de 10 días. O incumprimento desta obriga ou non proporcionar a proba documental nos prazos exixidos poderá supor unha minoración da contía total da axuda na forma prevista no artigo 24.

Artigo 20. Anticipos

1. Nas actuacións da tipoloxía dos artigos 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, unha vez notificada a resolución, aceptada e, se é o caso, feita e aceptada a reformulación requirida, a contía concedida no ano 2022 pagarase ao 100 % do importe en concepto de anticipo.

2. Non se poderán realizar pagamentos anticipados para as actuacións incluídas no artigo 4.1.a), 4.1.b).1º.

Artigo 21. Pagamentos á conta

1. Para as subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), a entidade poderá solicitar pagamentos á conta da liquidación definitiva en función das accións realizadas, cuxo importe total non poderá superar o 80 % da subvención concedida. Para tal fin, establécense os períodos en que se poden solicitar: un pagamento á conta desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022 e un desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023. Con cada solicitude de pagamento á conta deberá enviar a documentación prevista no artigo 23.1.

2. Para as subvencións para a prestación de servizos de atención ás necesidades básicas e de primeira atención previstas no artigo 4.1.b).1º, a entidade poderá solicitar un pagamento á conta desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de novembro de 2022 e un desde o 1 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023, e cuxo importe total non poderá superar o 80 % da subvención concedida. Con cada solicitude de pagamento á conta deberá enviar a documentación prevista no artigo 23.2.

Artigo 22. Modalidades e prazos de xustificación

1. A xustificación dos programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables establecidos no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º realizarase a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d), 68.bis.2, 67.5.d) e 68.ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, de modo independente para cada unha das actuacións subvencionadas.

2. As entidades beneficiarias das actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º deberán xustificar cada anualidade de maneira independente. A primeira comprende as actuacións realizadas entre o 1 de xullo de 2022 e o 30 de novembro de 2022, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 7 de decembro de 2022. A segunda anualidade comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de abril de 2023, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 15 de maio de 2023, incluído.

Para as entidades beneficiarias das actuacións recollidas nos artigos 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, deberán xustificar a execución das actividades subvencionadas finalizadas con data límite do 15 de maio de 2023, incluído. Deberán ter en conta que o importe anticipado no ano 2022 se xustificará con gastos realizados na mesma anualidade.

Artigo 23. Forma de xustificación

1. Para xustificar o funcionamento de centros e inclusión social recollidos no artigo 4.1.a) deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 21:

1º. Solicitude de pagamento da subvención no anexo V.

2º. Declaración responsable no anexo VI.

3º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar no anexo VII.

4º. Listaxe codificada de persoas usuarias por día, á cal se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos no libro de rexistro ou fichas en soporte papel do centro. No caso de comedores, albergues, centros de día e centros de atención social continuada, a listaxe a que se refire este punto substituirase por unha relación do número de persoas que foron atendidas cada día, acompañada da certificación acreditativa.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Memoria de actuación rematada segundo o anexo VIII.

2. Para a xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.b).1º achegarase a documentación que a seguir se relaciona:

a) Xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva do artigo 21:

1º. Solicitude de pagamento: anexo V.

2º. Declaración responsable: anexo VI.

3º. Memoria económica xustificativa e declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretenda xustificar: anexo VII.

4º. Listaxe codificada de persoas usuarias, á cal se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos nos rexistros ou fichas en soporte papel do centro da entidade, salvo que se trate de actuacións informativas que se desenvolvan en centros educativos, suposto en que será suficiente presentar unha certificación expedida pola persoa responsable do centro onde conste o número de persoas asistentes.

b) Xustificación de cada anualidade:

A mesma documentación que a requirida para a xustificación dos pagamentos á conta da liquidación definitiva. Na anualidade en que rematen as actuacións subvencionadas presentarán, ademais, unha memoria segundo o guión establecido no anexo VIII.

3. Documentación que se presentará para xustificar as actuacións previstas no artigo 4.1.b).2º e 3º:

1º. As prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral requirirán a presentación da seguinte documentación:

1º.1. Solicitude de pagamento: anexo V.

1º.2. Declaración responsable: anexo VI.

1º.3. Memoria económica e xustificativa: anexo VII.

1º.4. Anexo IX de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, referido ao grupo de cotización e á situación de alta na Seguridade Social dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados aos programas subvencionados durante o período de execución da actuación.

No caso de que algunha destas persoas traballadoras se opoña á consulta, deberán achegar a documentación acreditativa das ditas circunstancias.

1º.5. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa, asinadas polo/a traballador/a ou traballadores e a persoa responsable da entidade, en que conste un resumo do número total de horas no período subvencionado.

1º.6. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Se as persoas atendidas acadasen todas as prestacións obrigatorias, achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo traballador e o beneficiario da prestación, de que a persoa realizou as prestacións obrigatorias. Para as persoas atendidas que non acaden as prestacións obrigatorias, presentarase declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cubriron para cada unha delas os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

1º.7. Para as actuacións dirixidas á atención de persoas sen fogar ou exclusión severa presentarase certificado emitido por profesional competente acreditativo da situación.

1º.8. Memoria da actuación rematada: anexo VIII.

2º. No caso das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral no marco do servizo de formación adaptada e prestacións do servizo de promoción da participación social, presentarase:

2º.1. Solicitude de pagamento: anexo V.

2º.2. Declaración responsable: anexo VI.

2º.3. Memoria económica xustificativa: anexo VII.

2º.4. Anexo IX de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, referido ao grupo de cotización e á situación de alta na Seguridade Social dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados aos programas subvencionados durante o período de execución da actuación.

No caso de que algunha destas persoas traballadoras se opoña á consulta, deberán achegar a documentación acreditativa das ditas circunstancias.

2º.5. Declaración responsable da entidade de cales foron as persoas e de que se cubriron para cada unha delas os indicadores de produtividade. Esta declaración deberá presentarse no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social.

2º.6. Partes de asistencia das actuacións onde conste o número total de horas de formación asinados pola persoa participante, o/a responsable técnico/a da realización da actuación e a persoa responsable da entidade.

2º.7. No caso de que as actuacións se realizasen por medios telemáticos, follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas á actuación, asinadas pola persoa traballadora e a persoa responsable da entidade, en que conste un resumo do número total de horas do período subvencionado.

Nestes casos é necesario deixar constancia evidente da efectiva impartición da actividade, tales como capturas de pantalla, exercicios enviados e respondidos, mensaxaría instantánea, actividade a través de redes sociais ou calquera outra proba acreditativa da relación a distancia entre a entidade beneficiaria e o destinatario final.

2º.8. Memoria da actuación rematada (anexo VIII).

2º.9. Certificado de finalización da acción formativa.

3º. No caso das actuacións de apoio á conciliación, de mediación intercultural, asesoramento técnico especializado en materia de estranxeiría, prestacións de dinamización comunitaria no marco de desenvolvemento dun servizo de intervención comunitaria en territorios en exclusión e inclusión residencial:

3º.1. Solicitude de pagamento: anexo V.

3º.2. Declaración responsable: anexo VI.

3º.3. Memoria económica e xustificativa: anexo VII.

3º.4. Anexo IX de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, referido ao grupo de cotización e á situación de alta na Seguridade Social dos traballadores da entidade solicitante da subvención asignados aos programas subvencionados durante o período de execución da actuación.

No caso de que algunha destas persoas traballadoras se opoña á consulta, deberán achegar a documentación acreditativa das ditas circunstancias.

3º.5. Acreditación do número total das persoas atendidas durante o período subvencionado. Para iso achegarase declaración responsable da entidade no modelo que determine a Dirección Xeral de Inclusión Social, que deberá estar asinada tamén polo traballador e o beneficiario da prestación, de que a persoa realizou a prestación. No caso da inclusión residencial, para a acreditación de que os beneficiarios son persoas sen fogar ou en exclusión severa, presentarase certificado emitido por profesional competente acreditativo da situación.

3º.6. Resumo do total de horas efectivamente dedicadas ao programa polo persoal dedicado a actuación, asinado polo traballador e a entidade responsable.

3º 7. Memoria da actuación rematada (anexo VIII).

Artigo 24. Pagamento das subvencións

1. No caso das actuacións do artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º, unha vez xustificada cada anualidade da subvención de conformidade co artigo 23, o órgano competente, antes de realizar o seu pagamento, efectuará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

No caso das actuacións do artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, unha vez rematada e xustificada a subvención de conformidade co artigo 23, o órgano competente, antes de realizar o seu pagamento, efectuará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. No caso das subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas por día, multiplicado polo importe unitario de axuda establecido no artigo 14.1.

3. No caso das subvencións para a prestación de servizos de atención ás necesidades básicas e de primeira atención previstas no artigo 4.1.b).1º, o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas no período subvencionable, multiplicado polo importe unitario establecido no artigo 14.2.

4. Con respecto ás subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, previstas no artigo 4.1.b).2º e 3º, farase un pagamento en función das accións xustificadas. Para facer efectivo o pagamento a entidade deberá presentar a documentación establecida no artigo 23 dentro dos prazos establecidos no artigo 22.

5. No caso das subvencións para as prestacións vinculadas ao desenvolvemento de determinados servizos sociais de inclusión de atención integrada e das accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, nos termos de prestación obrigatoria do servizo de formación adaptada, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante, ou na prestación residencial, se non se acredita a atención do número mínimo de persoas establecido en función da dedicación horaria declarada ou non se mantén a porcentaxe de persoas que deben ter realizadas as actuacións obrigatorias, realizarase a unha redución proporcional da subvención concedida en función da porcentaxe do incumprimento.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Particularmente, acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 19.b) e 19.d), relativas a non respectar a obriga de contabilidade separada, así como a omisión de publicidade e información en todos os actos que leve a cabo o beneficiario das axudas en relación coas actuacións subvencionadas e do xeito indicado no artigo 19.d), en canto a mención expresa das axudas recibidas, emblemas e logos conforme a identidade corporativa da Xunta de Galicia, e cartel informativo, por calquera medio de publicidade que utilice a entidade beneficiaria.

O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 19.h) e 19.i) implicará que a correspondente acción formativa se considere non realizada, agás no caso da establecida no artigo 19.j), cando se poida acreditar que a non comunicación en prazo se deba a causas imprevistas debidamente xustificadas e comunicadas no momento en que se produzan.

Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación, estas deberán xustificarse en todo caso para poder realizar o pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

3. No caso particular das axudas financiadas polo FSE, procederá o reintegro do 10 % no caso de incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles. Igualmente, procederá o reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, polo incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles.

Ademais, procederá o reintegro do 5 % no caso de incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, polo incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Inclusión Social da devolución voluntaria realizada.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lles subministrar á Administración, ao organismo ou as entidades das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Control

1. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social e Xuventude realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará a acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Inclusión Social xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

4. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Medida contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, deberá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a traves da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VIII

Guión para a elaboración da memoria de actuación das actividades realizadas

1. Datos relativos á actuación.

a) Denominación da entidade.

b) Denominación da actuación, con indicación do marco en que se desenvolve.

2. Xustificación da actuación.

3. Obxectivos.

a) Obxectivo xeral.

b) Obxectivos específicos.

4. Recursos empregados.

a) Recursos humanos, con especificación da súa titulación e dedicación horaria á actuación.

b) Recursos materiais, con especificación dos que son cedidos e a cooperación con outras entidades, de ser o caso.

5. Actuacións desenvolvidas.

a) Cronograma.

b) Datas de inicio e remate.

c) Número de horas.

d) Modo de selección de participantes.

e) Metodoloxía do programa, incluíndo como se aplicou a perspectiva de xénero no seu desenvolvemento. Referencia ás técnicas e procedementos da intervención, facendo especial fincapé, de ser o caso, naqueles con compoñente innovador.

f) Relación de participantes, con expresión do DNI ou equivalente.

g) Lugar onde se realiza e descrición das instalacións.

h) Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades, etc.) desagregados por sexo.

i) Coordinación con outros dispositivos (equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios, outras entidades, etc).

6. Datos relativos ás persoas participantes (só para actuacións do artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º. Para o resto de actuacións esta información achegarase a través dos cuestionarios que se lles faciliten).

a) Perfil:

1º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

2º. Clasificación segundo idade (por sexo).

3º. Clasificación por nivel de estudos, etc. (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito, etc.) (por sexo).

5º. Clasificación por situación laboral e sexo.

b) Perfil das persoas con inserción laboral:

1º. Número total de insercións laborais.

2º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

3º. Clasificación segundo idade (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito, etc.).

5º. Clasificación por nivel de estudos por sexo, etc.

6º. Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación cualitativa da actuación.

a) Grao de cumprimento de obxectivos.

b) Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

c) Valoración do alumnado/persoas participantes/usuarias.

d) Resultado de indicadores de avaliación.

e) Conclusións. Aspectos que destacaría como boa práctica.

As entidades deberán seguir este guión, e poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das actuacións desenvolvidas.

A entidade deberá presentar unha memoria para cada unha das actuacións subvencionadas.

missing image file
missing image file