Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43199

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI440D).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ao que corresponde a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do citado organismo, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da Constitución española.

Coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionados cos ámbitos de actuación do citado organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, o Instituto Galego da Vivienda e Solo quere darlles a posibilidade de que se formen nas materias relacionadas coas funcións que lle son propias, como son, segundo dispón o artigo 4 da súa lei de creación, entre outras, as relacionadas coa promoción e construción de vivenda pública, a tramitación do planeamento sectorial do solo e a redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos.

Para a consecución deste obxectivo tramítase esta resolución, que contén unhas novas bases reguladoras das bolsas de formación, as cales ven a substituír as establecidas mediante Resolución do 20 de setembro de 2019, co fin de incorporar no texto melloras normativas e de xestión. Así mesmo, en virtude desta resolución procédese a realizar a súa convocatoria para a anualidade 2022.

Esta resolución axústase á Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) (código de procedemento VI440D).

As persoas ás que se lle conceda a bolsa recibirán a súa formación de acordo a un plan formativo elaborado especificamente para cada convocatoria pola Dirección Xeral do IGVS. Este plan de formación tratará sobre materias relacionadas coas función propias do citado organismo e indicará as actividades prácticas que se van realizar.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2022, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Natureza xurídica da relación entre as persoas bolseiras e o IGVS

1. Durante o tempo de duración da bolsa, as persoas beneficiarias quedarán asimilados aos traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, nos termos establecidos polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro. A cota patronal satisfarase con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.484.0 dos gastos do IGVS.

2. A concesión da bolsa non suporá ningún tipo de relación laboral ou profesional entre as persoas bolseiras e o IGVS.

Terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter documentación normalizada ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do IGVS, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou a través da páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/portada e no teléfono 012 do Servizo de Atención e Información á cidadanía.

Quinto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Sexto. Información básica sobre protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitudes dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Sétimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas ou entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Oitavo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

II. Bases reguladoras

Noveno. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

− Ter rematado o grao exixido na correspondente convocatoria, dentro do prazo indicado nela.

− Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

− Non ter sido con anterioridade beneficiario/a doutra bolsa de formación do IGVS.

− Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

− Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo. Duración e contía das axudas

A duración e a contía das axudas será a que se determine en cada resolución de convocatoria.

Décimo primeiro. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será o que se determine na correspondente resolución de convocatoria.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación das bases reguladoras.

6. En virtude do establecido nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a presentación electrónica de solicitudes tendo en conta que as persoas solicitantes dispoñen da capacidade técnica necesaria para acceder aos medios electrónicos precisos.

Décimo segundo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Xustificación do pagamento dos dereitos para a expedición do título do grao exixido na correspondente resolución de convocatoria, só no caso de que aínda non se atopase expedido.

c) Certificación académica na que conste a nota media do expediente, calculada consonte o establecido na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos (DOG nº 188, do 30 de setembro). Só serán admitidas as certificacións académicas nas que conste a nota media do expediente calculada conforme o prescrito.

d) Currículo da persoa solicitante, con exposición dos méritos académicos, de acordo co modelo que se inclúe nesta resolución como anexo II.

e) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

f) Certificado oficial acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, só no caso de que a persoa interesada conte con un que non fose expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial na forma indicada no ordinal anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identificación do estranxeiro da persoa solicitante e, se é o caso, da súa persoa representante.

b) Título do grao exixido na correspondente resolución de convocatoria.

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día do pagamento das obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Documento acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

g) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo cuarto. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo quinto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica do IGVS que determine a resolución de convocatoria.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo sexto. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda publicaranse na páxina web do IGVS e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

4. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, avaliará as solicitudes presentadas en prazo e que estean completas. Posteriormente, emitirá un informe coas puntuacións provisionais, con indicación da puntuación alcanzada por cada solicitude, conforme cos seguintes criterios de baremación:

− Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos. Utilizarase para a súa valoración a nota media calculada consonte o establecido na citada Resolución do 15 de setembro de 2011.

− Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos: cursos e máster relacionados co obxecto da bolsa, organizados por administracións públicas, universidades e colexios profesionais, neste último caso ademais do título, deberán ter o certificado de aproveitamento.

a) Pola realización de cada máster: 4 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 8 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

6. O informe coa puntuación provisional publicarase no portal web do IGVS: http://igvs.xunta.gal/portada. As persoas solicitantes terán un prazo de 10 días para presentar as reclamacións oportunas.

7. Logo de resolver as reclamacións presentadas ao informe de puntuacións provisionais, o órgano instrutor emitirá o informe coa puntuación definitiva, que se publicará no portal web do IGVS: http://igvs.xunta.gal/portada

8. O órgano instrutor, se así o estima conveniente polo número de solicitudes presentadas e/ou polas puntuación recollidas no seu informe, poderá remitir o expediente a unha comisión de valoración, para que realice una entrevista ás persoas cuxas solicitudes fosen admitidas. A puntuación máxima que se pode obter na entrevista será de 5 puntos.

9. A Comisión de Valoración terá a composición que determine a correspondente resolución de convocatoria e será presidida, en todo caso, pola persoa titular da secretaría xeral do IGVS. O seu funcionamento rexerase polo disposto no artigo 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico de sector público.

10. A Comisión de Valoración, de ser o caso, emitirá un informe no que se recolla as puntuacións das entrevistas realizadas. O citado informe deberá ser remitido ao órgano instrutor quen, á vista das puntuacións do seu propio informe e do da citada comisión, emitirá un informe coa puntuación total de cada persoa solicitante. Este informe publicarase no portal web do IGVS: http://igvs.xunta.gal/portada

11. O órgano instrutor, a vista do antedito informe elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo sétimo. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da concesión da bolsa. A dita resolución será publicada na web http://igvs.xunta.gal e notificada ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria no DOG. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas ou entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación, transcorrido o cal, sen que se produciuse manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada. Se algunha das persoas propostas non aceptase a bolsa ou, posteriormente renunciase a ela, concederase a bolsa o/a seguinte candidato/a, segundo a orde de puntuación resultante do indicado no resolvo décimo sexto.

5. Se non houbese solicitantes nalgunha titulación haberá que aterse ao disposto na convocatoria para os efectos de poder cubrir as vacantes con solicitantes doutra titulación.

Décimo oitavo. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir co plan de formación establecido para a correspondente convocatoria.

b) Colaborar nas acción formativas que lle indiquen as persoas que asuman a titoría da formación.

c) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine o titor. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

d) Presentar ante a Dirección Xeral do IGVS, durante o último mes do desfrute bolsa, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas, cos xuros de demora correspondentes, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

Décimo noveno. Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A persoa titular da dirección xeral do IGVS, logo de proposta motivada do titor do bolseiro, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

Vixésimo. Compatibilidade e incompatibilidades

A bolsa será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos, así como coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, con todo, as percepcións esporádicas por tarefas docentes e/ou investigadoras.

III. Convocatoria da anualidade 2022, con carácter plurianual

Convocatoria con financiamento no ano 2023

Vixésimo primeiro. Obxecto

1. Mediante a presente resolución convócase catro bolsas de formación coa finalidade de que as persoas coa titulación relacionada cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica.

2. Os/as solicitantes deben ter rematados os seus estudos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019.

3. As prazas que se convocan son as seguintes:

– Unha bolsa para persoas con grao en Enxeñería de Camiños, canais e portos.

– Unha bolsa para persoas con grao en Enxeñería Industrial.

– Dúas bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.

4. Se non houbera solicitantes nalgunha das bolsa poderán cubrirse as vacantes con solicitantes de outra bolsa por resolución motivada do director do IGVS.

5. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de mañá, de luns a venres nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

− Dous graduadas/os en Arquitectura ou en Arquitectura con máster habilitante nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

− Un graduada/o en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

− Un graduada/o en Enxeñería Industrial nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

Vixésimo segundo. Prazo de presentación

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Vixésimo terceiro. Duración e dotación

1. As actividades de formación iniciaranse coa incorporación das/dos bolseiras/os na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/da titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

2. O importe de cada bolsa será de mil euros brutos ao mes, que se farán efectivos na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Vixésimo cuarto. Órgano instrutor

A Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das bolsas.

Vixésimo quinto. A Comisión de Valoración

A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da secretaría xeral do IGVS ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres xefes/as de servizo do IGVS designados/as polo director xeral do IGVS, actuando unha desas persoas como secretario/a.

Os/as suplentes serán designados polo director xeral do IGVS entre funcionarios do IGVS.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

A composición da Comisión farase pública no portal web do IGVS: http://igvs.xunta.gal

Vixésimo sexto. Orzamento

1. O custo total destas actividades de formación é de 48.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2022 e á correspondente no orzamento de 2023, coa seguinte distribución de anualidades: 4.000 euros en 2022 e 44.000 euros en 2023.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 3.000,00 euros (300 euros en 2022 e 2.700,00 euros en 2023), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2022 e 2023, en pago das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 08.81.451A.224 primas de seguros.

Vixésimo sétimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file