Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43217

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI440D).

BDNS (Identif.): 642850.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primero. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido na correspondente convocatoria, dentro do prazo indicado nela.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiario/a doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS). Código de procedemento VI440D.

As persoas ás que se lle conceda a bolsa recibirán a súa formación de acordo a un plan formativo elaborado especificamente para cada convocatoria pola Dirección Xeral do IGVS. Este plan de formación versará sobre materias relacionadas coas función propias do citado organismo e indicará as actividades prácticas que se van realizar.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2022, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI440D).

Cuarto. Crédito orzamentario

O custo total destas actividades de formación é de 48.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2022 e á correspondente no orzamento de 2023, coa seguinte distribución de anualidades: 4.000 euros en 2022 e 44.000 euros en 2023.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 3.000,00 euros (300 euros en 2022 e 2.700,00 euros en 2023), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2022 e 2023, en pago das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 08.81.451A.224 primas de seguros.

Quinto. Contía das axudas

O importe de cada bolsa será de mil euros brutos ao mes, que se farán efectivos na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que lle correspondan. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Sexto. Duración das axudas

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación das/dos bolseiras/os na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/da titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo