Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Martes, 9 de agosto de 2022 Páx. 43305

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Mos

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para instalacións deportivas do Real Club Celta de Vigo, S.A.D., en Pereiras, concello de Mos.

O Pleno da corporación, en sesión ordinaria con data do 28 de xullo de 2022, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Desestimar, polos motivos técnico-xurídicos expresados no anexo de participación pública e tendo en conta os informes do arquitecto municipal e de acordo co informe do secretario municipal, as seguintes alegacións:

1. Número de rexistro electrónico de entrada 3591, do 16.10.2020, achegada pola Comunidade de Montes en Man Común de Tameiga.

2. Número de rexistro electrónico de entrada 3593, do 16.10.2020, achegada por Ecoloxistas en Acción Galiza.

3. Número de rexistro central de entrada 9539, do 20.10.2020, achegada pola Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións para instalacións deportivas do Real Club Celta de Vigo, S.A.D., en Pereiras, concello de Mos, e co documento que incorpora o estudo da paisaxe elaborado de acordo co sinalado no artigo 35 do Regulamento da Lei 7/2008 (anexo 3.8 da memoria xustificativa).

Terceiro. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da dita lei. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

O documento que contén a normativa e as ordenanzas publicarase no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, de acordo co establecido no artigo 82.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 199.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, así como no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.

Igualmente, xunto coa publicación deste acordo, publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público (número 11 do documento ambiental estratéxico).

Cuarto. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 209 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, achegando un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Quinto. Notificarlles individualmente a aprobación definitiva do plan especial aos interesados, xunto co informado sobre a desestimación das alegacións, e a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles notificou a súa aprobación inicial, de conformidade co artigo 186.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Para os efectos do disposto nos puntos segundo e terceiro da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada definitivamente estará á disposición dos interesados na ligazón https://www.mos.es

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que se aproba unha disposición administrativa de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei do solo de Galicia e artigo 201.1 do seu regulamento), no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme a dereito.

Mos, 2 de agosto de 2022

Nidia María Arévalo Gómez
Alcaldesa