Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 10 de agosto de 2022 Páx. 43393

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2022 pola que se ordena a publicación da modificación do Regulamento de xestión orzamentaria.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 22 de xullo de 2022, aprobou a modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, ratificada polo Consello Social na súa sesión do 28 de xullo de 2022.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 22 de xullo de 2022 e ratificada polo Consello Social na súa sesión do 28 de xullo de 2022.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade
de Santiago de Compostela
(aprobada polo Consello de Goberno o 22 de xullo de 2022)
(ratificada polo Consello Social o 28 de xullo de 2022)

Artigo único. Modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela

Introdúcense no Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes modificacións:

Un. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 13, e incorpórase un novo número 4, redactados como segue:

[...]

«2. O contido das liñas xerais do orzamento virá determinado polos obxectivos institucionais da Universidade relacionados coa actividade económico-financeira no seu conxunto e pola situación e análise dos ingresos e gastos derivados dela.

Coa finalidade de establecer o obxecto e alcance dos orzamentos, as liñas xerais reflectirán:

O estado de cumprimento dos obxectivos programados nos orzamentos en curso.

As principais magnitudes do escenario económico xeral e dos condicionantes externos e internos que afecten a xestión administrativa e orzamentaria da Universidade. En canto aos condicionantes internos, as liñas farán mención, de ser o caso, aos compromisos adquiridos e ás actuacións xa iniciadas en exercicios anteriores.

As accións estratéxicas e instrumentais para o novo exercicio, que definirán os obxectivos principais que se deberán acadar, as necesidades que haberá que atender e as políticas, do goberno e da institución, que se van executar. Estas accións poderán traducirse en proxectos, plans, programas ou actuacións concretas.

A vinculación das liñas estratéxicas e instrumentais coa programación plurianual ou coa súa actualización.

Un resumo xeral da previsión dos estados de ingresos e de gastos dos orzamentos a nivel de capítulo, segundo a súa clasificación económica en termos numéricos, reflectindo unha previsión duns e doutros o máis axustada á realidade.

Unha comparativa das previsións de ingresos e gastos dos novos orzamentos en termos numéricos a nivel de capítulo respecto, cando menos, do exercicio inmediato anterior. Nela reflectiranse os incrementos ou diminucións en termos porcentuais.

As principais novidades que incorporan, con indicación dos ingresos e gastos máis salientables a nivel de capítulo.

Calquera outra cuestión que poida resultar determinante para a elaboración dos orzamentos ou que veña imposta pola normativa aplicable.

3. As liñas xerais do orzamento serán elaboradas pola Xerencia e presentadas polo reitor ou reitora perante o Claustro para a súa aprobación.

Poderán presentarse propostas de emenda ás liñas xerais do orzamento perante o Claustro Universitario.

A Mesa do Claustro fixará no acordo da convocatoria da sesión correspondente a forma de presentación das emendas, o prazo para a súa formulación e o número mínimo de asinantes. Correspóndelle tamén á Mesa decidir sobre a admisión, a ordenación, a distribución, o procedemento de defensa das emendas admitidas e a súa remisión aos/ás claustrais con carácter previo á realización da sesión.

As emendas ás liñas xerais poderán ser á totalidade ou parciais, e deberán ir en todo caso acompañadas da correspondente motivación.

Serán emendas á totalidade as que versen sobre a oportunidade, principios ou espírito das liñas xerais e postulen a súa devolución, ou as que propoñan un texto completo alternativo.

As emendas parciais poderán ser de aclaración, supresión, modificación ou engadido. Nos dous últimos casos, a emenda deberá conter o texto completo que se propoña.

No suposto de que as emendas presentadas supoñan un incremento substancial do gasto nalgún dos capítulos orzamentarios, deberán acompañarse da correspondente minoración co fin de garantir o cumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e de sustentabilidade financeira.

En canto ao desenvolvemento do debate e votación das emendas, observarase o disposto pola Mesa do Claustro e o seu regulamento de réxime interno.

4. O acordo do Claustro polo que se aproben as liñas xerais vinculará os restantes órganos da Universidade no exercicio das súas competencias».

O resto do artigo mantén a mesma redacción.

Dous. Modifícase a redacción do artigo 14, que queda coa seguinte redacción:

«Para cada exercicio económico o Claustro aprobará, con carácter previo á aprobación das liñas xerais do orzamento, un límite de gasto non financeiro do orzamento que se deberá axustar ao obxectivo de estabilidade orzamentaria fixado para a Comunidade Autónoma de Galicia no período que corresponda, así como a regra de gasto, de acordo co disposto na normativa en vigor sobre disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira».

Tres. Engádese un novo parágrafo ao artigo 15, coa seguinte redacción:

[...]

«5. En canto ás emendas que se presenten ao proxecto de orzamento, observarase o disposto no presente regulamento para as emendas formuladas ás liñas xerais, sen prexuízo das particularidades derivadas do funcionamento do Consello de Goberno e de acordo co disposto no seu regulamento de réxime interno. As emendas que se presenten deberán respectar, en todo caso, o contido das liñas xerais aprobadas polo Claustro Universitario que serviron de base para a elaboración do proxecto de orzamento».

O resto do artigo mantén a mesma redacción.

Catro. Modifícase a letra d) do artigo 10, coa seguinte redacción:

[...]

«d) A xestión do fondo de continxencia e outros imprevistos, xunto coa declaración de non dispoñibilidade de créditos que figuren no orzamento, ou como consecuencia da súa prórroga, dando conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social».

O resto do artigo mantén a mesma redacción.

Cinco. Modifícase o artigo 12, coa seguinte redacción:

«Correspóndelles aos directores e directoras de departamento propoñer ao Consello de departamento a distribución do orzamento que teñan asignado, así como presentar a liquidación correspondente ao remate do exercicio e asinar os documentos contables».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A modificación do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.