Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 18 de agosto de 2022 Páx. 44337

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2022 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación número 1 do proxecto sectorial de Cee (A Coruña), aprobada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xullo de 2022.

En cumprimento do disposto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de xullo de 2022, da modificación número 1 do proxecto sectorial de Cee (A Coruña), así como das súas disposicións normativas, para a súa entrada en vigor.

Normas urbanísticas.

Engádense os seguintes puntos:

[1] Normas xerais:

1.10. Normas xerais en materia sectorial de estradas e de ruído.

1. Os accesos ás estradas de titularidade autonómica regúlanse nos artigos 127 a 132 do Regulamento xeral de estradas de Galicia e na Orde do 23 de maio de 2019 pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo.

No relativo ás glorietas son de aplicación as recomendacións que ao respecto se recollen na Instrución de accesos nas estradas convencionais de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia aprobada pola OC 3/2007 do 16.7.2007, así como a OC 3/2017, pola que se indica o procedemento para establecer os condicionantes xeométricos, de circulación e de seguridade viaria que son necesarios para a autorización dun novo acceso de actuacións urbanísticas, vías urbanas e camiños públicos, instalacións de servizos e doutras propiedades a unha glorieta dunha estrada de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia.

O acceso á estrada AC-552 planificado no documento deberá adaptarse a esta normativa sectorial.

2. Para a execución de obras e instalacións no contorno das estradas autonómicas, establécese como requisito previo ao otorgamento da licenza municipal a realización dos estudos necesarios para a determinación dos niveis sonoros esperables, así como para o establecemento das limitacións á edificabilidade ou da obrigatoriedade de dispor dos medios de protección acústica necesarios, no caso de superarse os limiares recomendados, segundo o establecido na normativa básica estatal en materia de ruído o na correspondente normativa autonómica de desenvolvemento.

Neste senso cabe citar que a estrada AC-552 (p.q. 80+680-p.q. 91+110), dada a súa IMD, foi incluída na elaboración dos mapas estratéxicos de ruído da segunda fase en aplicación da Directiva comunitaria 2002/49/CEE.

1.11. Normas xerais en materia sectorial de paisaxe.

1. Para o pavimento do camiño existente optarase por materiais non selantes e integrados no contorno, como o xabre ou a gravilla.

2. Procurarase manter o murete de pedra existente na marxe dereita do camiño, sempre e cando se garante un ancho mínimo do camiño de 3 m e unha pendente lonxitudinal do camiño igual ou inferior ao 6 % en todo o seu percorrido.

3. Recoméndase o soterramento dos tendidos eléctricos e da cablaxe das redes de telecomunicación existentes que se atopan na confluencia do camiño tradicional coa estrada AC-552.

1.12. Normas xerais en materia sectorial de protección do patrimonio cultural.

No interior do ámbito atópase o Camiño Tradicional de Toba, que forma parte do conxunto de bens do patrimonio cultural de Galicia coa clave 15023_11536.

Permítese a execución das obras necesarias para a súa adecuación como itinerario peonil accesible. Para iso, o proxecto de acondicionamento do camiño manterá ao máximo posible o carácter do camiño actual e coidará especialmente o enlace co tramo do camiño que continúa fóra do ámbito.

O proxecto que defina as obras que se realicen no camiño necesitará autorización da Consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

[2] Condicións particulares das zonas de ordenanzas:

2.7. Ordenanza CH: camiño histórico.

Será de aplicación nas zonas CH que se definen no plano de zonificación destas normas urbanísticas.

Corresponde a solos destinados a viario peonil, que recollen un camiño existente que se manteña e integre na ordenación, de acordo co determinado no plan sectorial.

O proxecto técnico de urbanización deberá manter a continuidade da súa traza, garantindo o seu tránsito peonil en continuidade cos espazos libres e itinerarios peonís do resto da rede viaria.

Este camiño forma parte do conxunto de bens do patrimonio cultural de Galicia, identificado como Camiño Tradicional de Toba, coa clave 15023_11536.

Permítese a execución das obras necesarias para a súa adecuación como itinerario peonil accesible. Para iso, o proxecto de acondicionamento do camiño manterá ao máximo posible o carácter do camiño actual e coidará especialmente o enlace co tramo do camiño que continúa fóra do ámbito.

O proxecto que defina obras que se realicen no camiño necesitará autorización da Consellería con competencias en materia de patrimonio cultural.

O informe ambiental estratéxico da modificación nº 1 do proxecto sectorial de Cee (A Coruña) foi publicado no DOG do 7 de agosto de 2020, mediante Anuncio do 21 de xullo de 2020, da Dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

A devandita documentación poderá consultarse na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada).

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo