No Diario Oficial de Galicia número 10, do 18 de xaneiro de 2021, publicouse a Resolución do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021 (código de procedemento IN417Y).
De acordo co disposto no artigo 26 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de setembro de 2022.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Neste procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por cuestións orzamentarias, de procedementos de contratación das obras e a demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 26 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 17 de outubro de 2022.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022
Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia