Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 18 de agosto de 2022 Páx. 44296

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

CORRECCIÓN DE ERROS. Decreto 144/2022, do 27 de xullo, polo que se autoriza o inicio de actividades da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), a desadscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE) da Universidade de Vigo, a creación da Facultade de Administración de Empresas e Dereito e a Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial, e se aproban as normas de organización e funcionamento.

Advertido erro no citado decreto, publicado no Diario Oficial de Galicia número 152, do 10 de agosto de 2022, é necesario realizar a oportuna corrección no senso que se indica a continuación:

Engadir como anexo ao mesmo o texto das Normas organización e funcionamento da Universidad Intercontinental de la Empresa, ao que se refire o artigo 2 (páxina 43321) da referida norma:

ANEXO

Universidade Intercontinental da Empresa (UIE)

Normas de organización e funcionamento

Introdución

A Fundación Galicia Obra Social (en diante, Afundación), con NIF G70270293, domiciliada no Cantón Grande 8, 15003 A Coruña; declarada de interese galego, que figura inscrita no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Facenda, da Xunta de Galicia, co número 2013/12, é a entidade promotora na Comunidade Autónoma de Galicia dunha universidade privada que se denominará Universidad Intercontinental de la Empresa (en diante, Universidade, ou tamén identificada polas súas siglas UIE) adoptando a forma xurídica de fundación coa denominación de Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (en diante, a Fundación ou FUIE).

En atención ao disposto no artigo 2.1 da Lei orgánica 6/2011, do 21 de decembro, de universidades, esta fundación debe ter un obxecto único e dota de personalidade xurídica propia á Universidade.

A Universidad Intercontinental de la Empresa réxese polas disposicións normativas aplicables ás universidades privadas e polas presentes normas de organización e funcionamento cuxo contido se ampliará e concretará ben mediante a modificación destas, ben mediante o seu desenvolvemento normativo atendendo aos obxectivos e necesidades da Universidade.

TÍTULO I

Natureza, ámbito e fins

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

1. A Universidad Intercontinental de la Empresa (en diante, Universidade, ou tamén identificada polas súas siglas UIE) é unha universidade privada recoñecida pola Lei 12/2021, do 15 de xullo, do Parlamento de Galicia, ao amparo do artigo 27.6 da Constitución española.

2. A UIE ten personalidade xurídica propia da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (en diante, a Fundación ou FUIE). Constituíuse con carácter indefinido e como tal está oficialmente rexistrada no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

3. A UIE goza do ámbito de autonomía que, de acordo coa Constitución e a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, correspóndelle como universidade privada, e a mesma exercerase con suxeición aos principios constitucionais e con garantía efectiva do principio de liberdade académica que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.

4. A UIE rexerase polas leis, disposicións e normas que, segundo o establecido na lexislación básica estatal e autonómica, afectan as universidades privadas, pola lei do seu recoñecemento, así como polas presentes normas de organización e funcionamento e as normas internas que as desenvolvan.

5. Nos termos establecidos nas leis e acordos internacionais, a UIE poderá promover e crear institucións universitarias noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, así como propoñer a adscrición de centros docentes.

Artigo 2. Obxectivos e fins

1. A UIE está comprometida coa excelencia académica na docencia, a investigación e a extensión universitaria, así como co desenvolvemento dunha actividade académica de máxima calidade vinculada á ciencia, a tecnoloxía, a innovación, o emprendemento, a sustentabilidade e ao ámbito social e humanístico e internacional, así como coa contribución ao progreso da contorna económica e empresarial.

2. A actividade da UIE está orientada a lograr o nivel máis alto de calidade no ensino e na investigación aplicada dentro as súas áreas académicas proporcionando aos seus estudantes, mediante un enfoque innovador, unha formación integral de máximo nivel, personalizada e con experiencia práctica, así como contribuír a xerar no seu estudantado un pensamento crítico que lles permita desenvolverse con garantías nunha realidade global e responder con éxito a retos presentes e futuros da sociedade e do mundo profesional.

3. A UIE promove e impulsa a formación continua e científica dos seus profesores nas súas áreas de coñecemento, no compromiso social da Universidade e centrando toda a súa actividade no estudante e no desenvolvemento profesional da súa disciplina e interdisciplinas que lle son propias.

Artigo 3. Sede

A Universidad Intercontinental de la Empresa establécese na Comunidade Autónoma de Galicia: a súa sede está en Santiago de Compostela e os seus campus académicos na Coruña e Vigo.

TÍTULO II

Estrutura e organización académica

Artigo 4. Estrutura da Universidade

1. A UIE, para o desenvolvemento das súas actividades académicas, poderá organizarse en facultades, escolas, departamentos, institutos universitarios de investigación, centros integrados e adscritos e por aqueles outros centros ou estruturas que considere necesarias para o desempeño das súas funcións.

2. As facultades e escolas son os centros docentes encargados da organización das ensinanzas e os procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos de grao. Así mesmo, poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos de máster e títulos propios e levar a cabo outras funcións que se determinen polo Padroado da FUIE ou Consello Reitor.

3. Os institutos universitarios de investigación son centros dedicados á investigación científica e técnica e innovación que poderán organizar programas e estudos de doutoramento e de posgrao.

4. Dentro do marco establecido pola normativa estatal e autonómica en materia de universidades, a UIE por acordo do Padroado da FUIE, poderá crear centros e unidades docentes e desenvolver a súa estrutura mediante departamentos ou outras unidades que agrupen ensinanzas dunha rama de coñecemento ou de diversas ramas de maneira interdisciplinar.

Artigo 5. Ensinanzas oficiais e títulos propios

As ensinanzas da Universidade estarán dirixidas á obtención de títulos oficiais ou propios. As primeiras serán regradas e impartiranse de acordo cun plan de estudos recoñecido e homologado de conformidade co establecido na lexislación universitaria, en tanto que as segundas serán aprobadas polo Consello Reitor, sempre de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 6. Das áreas académicas

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 4, a actividade académica da Universidade organízase con carácter xeral en áreas académicas de coñecemento e a súa oferta docente estrutúrase en programas.

2. As áreas académicas son unidades estruturais que organizan as ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e títulos propios así como outras ensinanzas de formación permanente e outros estudos que se impartan na universidade, de conformidade coa lexislación vixente.

3. As áreas académicas (unidisciplinares, multidisciplinares e/o interdisciplinares) coordinarán as ensinanzas pertencentes a distintos ámbitos de coñecemento e deseñarán os programas docentes da Universidade.

4. O Consello Reitor, a proposta do Reitor, determinará o número de áreas académicas e poderá nomear un coordinador dunha ou varias áreas académicas, que deberá ter a condición de profesor.

5. O coordinador de área académica deberá velar pola calidade da docencia, o fomento da actividade de investigación e a transferencia de coñecemento da súa área. É responsable de organizar a área académica que lle corresponde atendendo a criterios de rigor científico, interdisciplinariedade, flexibilidade e adaptación e aplicación práctica das ensinanzas impartidas.

6. O profesorado integrarase en áreas académicas favorecendo a existencia de equipos docentes interdisciplinares co obxecto de poder abordar con visión multidisciplinar programas docentes ou de investigación.

7. Cada área académica deberá preparar unha oferta docente estruturada en programas e fomentar a actividade investigadora por medio de programas, proxectos e estudos de posgrao e doutoramento.

Artigo 7. Ensinanzas conxuntas con outras universidades e centros

A Universidade poderá establecer convenios para o desenvolvemento de ensinanzas conxuntas con outras universidades e centros de investigación, nacionais ou estranxeiros.

Artigo 8. Formación continua

A Universidade establecerá un sistema de formación continua que atenderá permanentemente ás necesidades individuais, tanto de estudantes e profesores como de calquera outra persoa que presta servizos á institución.

Artigo 9. Mobilidade de profesores e estudantes

A Universidade fomentará a mobilidade dos seus profesores e estudantes no marco dos programas nacionais ou internacionais que subscriba, con especial interese cara ao continente europeo, americano e asiático.

TÍTULO III

Dos órganos de goberno e representación

CAPÍTULO I

Organización

Artigo 10. Organización

1. De conformidade co artigo 27 da Lei orgánica 6/2001, de universidades, as presentes normas de organización e funcionamento establecen os órganos de goberno e representación, así como os procedementos para a súa designación e remoción, asegurando nos devanditos órganos, mediante unha participación adecuada, a representación dos diferentes sectores da comunidade universitaria e que se propicie unha presenza equilibrada entre mulleres e homes.

2. Garántese, en todo caso, que as decisións de natureza estritamente académica adóptense por órganos nos que o persoal docente e investigador teña unha representación maioritaria e, igualmente, que o persoal docente e investigador sexa oído no nomeamento de reitor.

Artigo 11. Tipos de órganos

1. O goberno da UIE exércese a través de órganos colexiados e unipersoais.

2. Son órganos de goberno colexiados o Padroado, o Consello Reitor e o Comité de Coordinación Académica.

3. Son órganos de goberno unipersoais o reitor, o vicerreitor, se existise, o secretario xeral e o vicesecretario xeral.

CAPÍTULO II

Dos órganos colexiados

Artigo 12. O Padroado

1. A UIE ten personalidade xurídica propia e adopta a forma xurídica dunha fundación.

2. O Padroado é o máximo órgano de goberno, representación e administración da Fundación Universidad Intercontinental da Empresa (FUIE), con todas as facultades necesarias para o logro dos seus fins e sen prexuízo da facultade de delegar funcións noutros órganos ou persoas.

3. O Padroado ten a composición e funcións establecidas na lei e os estatutos da Fundación.

Artigo 13. O Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano de goberno da Universidade.

2. Estará constituído por, alomenos, tres membros que serán designados e cesados polo Padroado.

3. Terán a consideración de membros natos o Reitor, que o presidirá con voto de calidade, o vicerreitor (se existise), o secretario xeral, que actuará como secretario, e o vicesecretario xeral da Universidade.

Artigo 14. Funcións do Consello Reitor

Son funcións do Consello Reitor as seguintes:

a) Velar e promover a consecución dos fins da UIE e propoñer ao Padroado da Fundación o Plan estratéxico e outras cuestións estratéxicas da Universidade.

b) Establecer as liñas xerais, estratéxicas e programáticas da Universidade nos ámbitos docente e investigador.

c) Aprobar os plans de estudo, a programación docente e de investigación, o calendario académico, a proposta de realización de novos estudos e definir as áreas de coñecemento, de acordo co Plan estratéxico.

d) A creación de órganos asesores, tales como o International Business Council e o Consello Empresarial Nacional.

e) A aprobación da memoria da actividade docente e investigadora desenvolvida na Universidade.

f) Aprobar o réxime de prezos e tarifas dos servizos universitarios e de plan de actuación da UIE.

g) Determinar a política de axudas, bolsas, subvencións e premios e os criterios para a súa respectiva concesión.

h) Fixar a estrutura xeral do capital humano da Universidade, e os criterios de selección, promoción e retribución de todo o persoal.

i) Dirimir as cuestións de competencia que poidan suscitarse entre os órganos da Universidade, unipersoais ou colexiados.

j) Aprobar os criterios básicos en materia de admisión e réxime de permanencia do estudantado.

k) Aprobar e liquidar os orzamentos da Universidade, que formarán parte dos orzamentos xerais da FUIE.

l) Propoñer ao Padroado a aprobación, modificación, e derrogación das normas de organización e funcionamento da Universidade. Esta facultade establécese con carácter indelegable.

m) Aprobar os regulamentos que desenvolvan as presentes normas de organización e funcionamento.

n) Aprobar as liñas xerais das relacións da UIE coas administracións públicas e con outras universidades e institucións.

o) Aprobar a creación, modificación, transmisión e supresión de facultades, escolas, institutos universitarios e doutros centros ou estruturas convenientes para o desempeño das funcións propias da Universidade.

p) Aprobar a integración, adscrición ou separación de centros ou institutos universitarios, con determinación da data de comezo ou cesamento das súas respectivas actividades.

q) Aprobar a creación, modificación e supresión de unidades académicas.

r) Aprobar a creación e supresión de titulacións e a súa correspondente adscrición académica aos centros e estruturas da Universidade.

Artigo 15. O Comité de Coordinación Académica

1. O Comité de Coordinación Académica é o órgano encargado de coordinar a actividade dos centros.

2. O Comité de Coordinación Académica está integrado polos membros do Consello Reitor, o coordinador xeral de Desenvolvemento Académico, todos os decanos de facultade, coordinadores de áreas académicas e centros.

3. O Comité de Coordinación Académica reunirase en sesión ordinaria, polo menos bimestralmente, e en sesión extraordinaria cando o decida o reitor ou a solicitude de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.

Artigo 16. Funcións do Comité de Coordinación Académica

Son funcións do Comité de Coordinación Académica:

a) Actuar como canle de comunicación entre o Consello Reitor e todos os centros e institutos.

b) Participar activamente no desenvolvemento do Plan estratéxico.

c) Executar e seguir todas aquelas directrices que emanen do Consello Reitor.

d) Propoñer ao Consello Reitor a aprobación da memoria da actividade docente e investigadora desenvolvida na Universidade.

e) Propoñer ao Consello Reitor a implantación de estudos oficiais.

f) Participar activamente no deseño, implantación e seguimento de todas as titulacións da Universidade que afecten o seu ámbito de responsabilidade.

g) Nomear as comisións redactoras de memorias de verificación de títulos, e de documentos descritivos de programas, para estudos oficiais e non oficiais.

h) Aprobar as memorias de verificación de títulos, e de documentos descritivos de programas.

i) Propoñer ao Consello Reitor o Plan de ordenación docente (POD) e o calendario académico anual.

j) Propoñer ao Consello Reitor a aprobación de convenios de natureza académica.

k) Coordinar entre centros e institutos todas aquelas actividades que teñan carácter transversal.

l) Impoñer sancións disciplinarias ao alumnado por faltas graves e moi graves, e resolver as reclamacións formuladas contra sancións menos graves.

m) Todas aquelas outras que o Consello Reitor delegue ou solicite.

CAPÍTULO III

Dos órganos unipersoais

Artigo 17. O reitor

1. O reitor da Universidade, que para efectos internos da UIE denominarase reitor presidente cando coincida a condición de presidente do Padroado coa de reitor, é a máxima autoridade académica da Universidade e correspóndelle a dirección, goberno e xestión ordinaria da mesma, de conformidade coas presentes normas de organización e funcionamento, ademais de todas as outras funcións que, no seu caso, lle poidan corresponder como presidente do Padroado ou do Consello Reitor.

Preside o Consello Reitor e calquera órgano colexiado ao que asista excepto do Padroado nos casos en que non ostente a súa presidencia.

Así mesmo, ostenta a representación da Universidade e preside todos os seus actos académicos.

2. O reitor é nomeado polo Padroado da Fundación, unha vez oído o persoal docente ou investigador conforme ao artigo 27 da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e o seu mandato será por un período de cinco anos renovable.

Para ser nomeado requírese, como condición indispensable, ter o título de doutor.

3. Son competencias do reitor, ademais de todas as outras funcións que, no seu caso, lle poidan corresponder como presidente do Padroado ou do Consello Reitor:

a) Informar o Padroado do funcionamento da Universidade.

b) Desempeñar as funcións de representación legal e institucional da Universidade que sexan necesarias para asegurar a súa dirección e xestión ordinaria.

c) Exercer a máxima representación da Universidade nos actos e procedementos de orde académica.

d) Propoñer ao Consello Reitor cantas cuestións sexan da súa competencia.

e) Velar pola calidade das actividades da Universidade.

f) Nomear e remover aos profesores e outorgar a venia docendi sempre que o profesorado proposto cumpra as condicións esixidas pola lexislación vixente e a normativa propia da Universidade.

g) Nomear e remover ao vicesecretario xeral da Universidade, por proposta do secretario xeral.

h) Supervisar a coordinación xeral de desenvolvemento académico.

i) Expedir os títulos e diplomas outorgados pola Universidade.

j) Subscribir e denunciar acordos e convenios con outras universidades, administracións, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.

k) Exercer a facultade disciplinaria de carácter académico sobre profesores, investigadores e estudantes, e demais persoal da Universidade.

l) Recoñecer grupos de investigación nos termos que se establezan regulamentariamente.

m) Exercer as demais competencias que non estean expresamente asignadas a outros órganos e aquelas outras funcións que o Padroado lle atribúa por delegación.

Artigo 18. O vicerreitor

1. O Consello Reitor, por proposta do reitor, poderá propoñer ao Padroado a designación dun vicerreitor.

2. O vicerreitor dirixe e coordina os ámbitos de xestión que lle sexan asignados, así como aquelas outras funcións que o reitor lle atribúa por delegación.

3. A duración do cargo será a mesma que a do mandato do reitor quen, non obstante, poderá propoñer o seu cesamento.

Artigo 19. O secretario xeral

1. O Padroado designará un secretario xeral da UIE, que actuará como fedatario dos actos e acordos adoptados polos órganos da Universidade dos que forme parte e asumirá as funcións propias da xerencia da Universidade.

2. Son competencias do secretario xeral, na súa condición de secretario:

a) Asistir ao reitor nas tarefas de organización da Universidade.

b) Levantar e custodiar actas das sesións dos órganos colexiados.

c) Velar polo cumprimento da normativa da Universidade.

d) Dirixir os rexistros e o arquivo da Universidade.

e) Expedir as certificacións que correspondan.

f) Organizar e velar polo bo fin dos procesos electorais.

g) Coordinar a xestión académico-administrativa nas facultades, escolas e demais centros.

h) Organizar e supervisar o proceso de admisión dos estudantes.

i) Elaborar a memoria anual.

j) Asinar os títulos xunto co reitor.

k) Calquera outra competencia que lle sexa delegada polo Consello Reitor e polo reitor ou que lle sexa atribuída nestas normas de organización e funcionamento e pola normativa interna de desenvolvemento.

3. Son competencias do secretario xeral, propias da xerencia:

a) Administrar e xestionar o patrimonio e o orzamento da Universidade.

b) Dirixir os servizos económicos e administrativos.

c) Elaborar os orzamentos.

d) Executar os acordos dos órganos de goberno da UIE no ámbito das súas competencias administrativas e económicas.

e) Exercer a dirección orgánica do persoal de administración e servizos.

f) Remitir anualmente ao Consello Reitor, para a súa aprobación, o programa de actuación e a memoria de actividades da Administración, e informar periodicamente ao devandito órgano da situación e actividades da Administración.

g) Manter actualizado o inventario dos bens e dereitos que integran o patrimonio da UIE.

h) Calquera outra competencia que lle sexa atribuída nas normas de desenvolvemento destas normas de organización e funcionamento ou lle encomende ou delegue o reitor.

Artigo 20. O vicesecretario xeral da Universidade

1. O reitor, a proposta do secretario xeral, nomeará un vicesecretario xeral que asistirá a este na xerencia da Universidade e desempeñará calquera outras funcións que lle encomende. Así mesmo, substituirá ao secretario xeral no caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación.

2. Son competencias do vicesecretario xeral:

a) Levar a xestión administrativa nas facultades, escolas e demais centros, así como na Universidade.

b) Asistir ao secretario xeral en todas as súas funcións.

c) Substituír ao secretario xeral en caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación.

d) Calquera outra competencia que lle sexa delegada polo Consello Reitor, polo reitor ou o secretario xeral que lle sexa atribuída nas normas de organización e funcionamento e pola normativa interna de desenvolvemento.

TÍTULO IV

Do defensor universitario

Artigo 21. O defensor universitario

1. O defensor universitario velará polo respecto dos dereitos de todos os membros da Universidade de acordo coas normas de organización e funcionamento e a lexislación vixente.

2. O defensor universitario será nomeado polo Padroado a proposta do Consello Reitor por un período dun ano, podendo ser reelixido e será un cargo non remunerado e incompatible con calquera outro na Universidade.

3. Renderá un informe anual ao Consello Reitor, que o comunicará ao Padroado.

4. O réxime de funcionamento e actuación do defensor universitario determinarase na correspondente normativa regulamentaria.

TÍTULO V

Da comunidade universitaria

CAPÍTULO I

Do persoal docente e investigador

Artigo 22. Do profesorado

1. O persoal docente e investigador da Universidade constituirá un colectivo académico único estruturado segundo a súa adscrición a unha área ou unidade académica de coñecemento e sen estar vinculado exclusivamente a un centro ou a un único programa docente ou de investigación.

2. O profesorado da UIE estará comprometido coa aprendizaxe dos estudantes promovendo a metodoloxía educativa propia da Universidade e desenvolverá a súa actividade académica coa máxima calidade e rigor científico.

3. O persoal docente da Universidade contará coa titulación académica e acreditacións esixidas pola lexislación vixente e a súa selección efectuarase mediante un proceso técnico e académico rigoroso.

4. O profesorado terá liberdade de cátedra e de investigación nos termos establecidos na lexislación vixente, sen máis límites que os establecidos na Constitución, na lexislación universitaria, así como os que se deriven da organización dos ensinanzas na Universidade e dos contratos subscritos.

Artigo 23. Dereitos do persoal docente e investigador

Son dereitos do persoal docente e investigador os seguintes:

a) Exercer a liberdade de cátedra e investigación, con respecto á Constitución, ás leis, aos contratos subscritos e ás presentes normas.

b) Participar nos órganos de goberno da Universidade, conforme ao desenvolvemento regulamentario correspondente.

c) Dispoñer dos medios necesarios para o cumprimento das súas funcións, segundo os recursos da Universidade.

d) Ser avaliado e coñecer os resultados da avaliación da súa actividade.

e) Ser informados dos acordos adoptados polos órganos de goberno da Universidade, que lle afecten como profesor/a.

f) Acudir ás autoridades da Universidade e ao defensor universitario.

g) Á promoción profesional.

h) Os demais recoñecidos na lexislación vixente.

Artigo 24. Deberes do persoal docente e investigador

O persoal docente e investigador da UIE ten os seguintes deberes:

a) Cumprir as tarefas docentes, investigadoras, de titoría e de xestión administrativa e servizo á comunidade universitaria e extrauniversitaria que lle sexan encomendadas.

b) Velar pola súa propia formación científica e pola actualización dos métodos e procesos de ensinanza e aprendizaxe; así como estar ao día na súa propia disciplina e demostralo.

c) Subscribir cos seus estudantes e coa Universidade un contrato que se denominará, par os efectos internos, como «contrato de aprendizaxe», para cada unha das materias e programas de acordo con as normas establecidas polo Consello Reitor.

d) Procurar a consecución dos fins da Universidade, fomentar a vida comunitaria da mesma e asistir aos seus actos académicos.

e) Coñecer, cumprir e facer cumprir a normativa que regula o funcionamento da Universidade.

f) Velar polos intereses da Universidade.

g) Todos aqueles que se deriven da súa condición laboral e profesional.

Artigo 25. Os coordinadores de programas

1. O persoal docente e investigador da UIE poderá ter atribuída a función de coordinador dun programa docente ou de investigación.

2. Os coordinadores exercen as seguintes funcións en relación cos programas que se lle asignen polo Consello Reitor.

a) Dirixir e supervisar a docencia, a investigación e demais actividades incluídas no correspondente programa.

b) Validar os estudos dos estudantes que así o soliciten.

c) Velar polo cumprimento das normas académicas e a calidade e rigor científico dos ensinanzas impartidas no programa.

d) Fomentar a investigación nos ámbitos académicos a que se refira o programa.

e) Todas aquelas que lle sexan asignadas polo Comité de Coordinación Académica da UIE.

CAPÍTULO II

Dos estudantes

Artigo 26. Condición de estudante

1. Son estudantes da UIE quen estea matriculados en calquera dos ensinos que se impartan na mesma.

2. Perderase a condición de estudante:

a) Por baixa voluntaria.

b) Por observar unha conduta que lesione gravemente a orde académica, tras a apertura, instrución e resolución do oportuno expediente no que quede garantida a audiencia do estudante.

c) Por incumprimento das normas administrativas e de matriculación ou por incumprimento das súas obrigacións económicas ou académicas asumidas nos contratos de aprendizaxe subscritos.

d) Por outras causas previstas nas presentes normas de organización e funcionamento e demais normas de desenvolvemento e acordos que regulen o réxime de permanencia do estudante.

3. A UIE aprobará un regulamento interno que recolla o estatuto do estudante onde se regularán os aspectos académicos e de participación dos estudantes na Universidade, o réxime de dereitos e obrigacións, a disciplina académica e os aspectos relacionados coa permanencia na UIE. No devandito regulamento preverase a existencia de «contratos de aprendizaxe» que manifesten o compromiso do estudante, do profesor e tamén da UIE en lograr o máximo nivel de excelencia académica.

Artigo 27. Dereitos dos estudantes

Os estudantes da UIE teñen recoñecidos os seguintes dereitos:

a) Recibir un ensinanza cualificada, actualizada e da máxima calidade.

b) Á igualdade de oportunidades e a non ser discriminados por circunstancias persoais e sociais.

c) A ser valorados no seu rendemento académico, preferentemente de maneira continuada, conforme a criterios e procedementos obxectivos que serán coñecidos previamente.

d) Exixir o cumprimento dos compromisos asumidos polo profesor e a Universidade no contrato de aprendizaxe subscrito para cada unha das materias e programas.

e) Solicitar e obter dos profesores xustificación das cualificacións recibidas e, no seu caso, solicitar a revisión destas nos termos que regulamentariamente se establezan.

f) Ser asistidos e orientados nos seus estudos académicos polos profesores, os titores e os mentores.

g) Recibir información sobre os plans de estudo das súas titulacións e calendarios académicos.

h) Participar nos órganos de goberno e representación da Universidade na forma que regulamentariamente se determine.

i) Gozar das bolsas e axudas ao estudo que lles sexan outorgadas pola propia Universidade, por calquera Administración ou por empresas e institucións privadas.

j) Acudir ante as autoridades universitarias e, no seu caso, ante o defensor universitario.

k) Participar a través dos órganos de goberno da Universidade no bo funcionamento da mesma.

l) Promover e participar en asociacións de estudantes e de antigos estudantes.

m) Contar cos servizos académicos, psicopedagóxicos e de atención, orientación e información que a Universidade promova para conseguir unha formación integral.

n) Os demais dereitos recoñecidos pola normativa.

Artigo 28. Deberes dos estudantes

Son deberes dos estudantes os seguintes:

a) Cumprir coas súas obrigacións económicas e académicas de acordo con as normas da Universidade e os compromisos dos contratos de aprendizaxe.

b) Subscribir co seu profesor e coa Universidade, un contrato de aprendizaxe para cada unha das materias que recolla as súas obrigacións e dereitos.

c) Observar as normas de organización e funcionamento e demais disposicións regulamentarias que as desenvolvan.

d) Respectar as instalacións da Universidade e o seu patrimonio, así como facer un adecuado uso dos seus bens e recursos.

e) O trato considerado, respectuoso e de cooperación cara a toda a comunidade universitaria.

f) Participar na avaliación do profesorado e dos servizos universitarios de acordo con a metodoloxía establecida.

g) Os demais deberes recoñecidos pola normativa vixente

CAPÍTULO III

Do persoal de administración e servizos

Artigo 29. Funcións e selección

1. Corresponden ao persoal de administración e servizos as funcións de xestión técnica, económica e administrativa, así como as de apoio e asistencia que resulten necesarias para a adecuada prestación de todos os servizos universitarios.

2. A súa selección, promoción e remoción profesional efectuarase atendendo a criterios obxectivos de formación, capacidade e idoneidade para o posto de traballo.

Artigo 30. Normativa aplicable

O persoal de administración e servizos da UIE rexerase pola lexislación laboral, os convenios colectivos de aplicación, así como polas normas de organización e funcionamento e as súas normas de desenvolvemento.

CAPÍTULO IV

Da Comisión de Participación Universitaria

Artigo 31. A Comisión de Participación Universitaria

1. A Comisión de Participación Universitaria é un órgano de representación da comunidade universitaria. Articúlase en subcomisións de estudantes, persoal de administración e servizos e profesorado.

2. Está formada polos membros do Consello Reitor, ou en quen estes deleguen, e por tantos membros como requira a representación proporcional de todos os integrantes da comunidade universitaria.

3. O Consello Reitor aprobará un regulamento de participación no que se fixarán os módulos de representación, garantíndose a presenza dos distintos sectores da comunidade universitaria conforme se establece no artigo 27 da Lei orgánica de universidades.

Artigo 32. Funcións da Comisión de Participación Universitaria

1. Son funcións da Comisión de Participación Universitaria e das súas subcomisións as seguintes:

a) Canalizar cara aos órganos de goberno da UIE propostas e suxestións de mellora sobre o funcionamento da Universidade.

b) Informar sobre cuestións académicas ou propostas de normas e procedementos cando así se lle requira por outros órganos da Universidade.

c) As demais que lle atribúa a lexislación vixente e as presentes normas de organización e funcionamento.

2. A Comisión de Participación Universitaria reunirase, polo menos, unha vez ao ano.

TÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 33. Autonomía económica

1. A UIE dispón de autonomía económica e financeira de acordo con o disposto na lexislación vixente e nestas normas de organización e funcionamento.

2. A Universidade levará a cabo unha planificación económica que aprobará o Padroado da FUIE e procurará a súa autofinanciamento e terá a súa expresión contable no orzamento anual e, no seu caso, nos plans e programas plurianuais que se establezan.

3. Antes do final de cada exercicio, o Consello Reitor aprobará unha proposta de orzamento anual para a súa aprobación polo Padroado da FUIE de conformidade coa normativa aplicable.

Artigo 34. Formación do patrimonio

1. Constitúe o patrimonio da Universidade o conxunto dos seus bens, dereitos, accións e obrigacións.

2. Incorporaranse ao patrimonio da Universidade as doazóns que reciba, así como calquera outro ingreso que poida percibir validamente en dereito.

3. A Universidade comprométese a velar polo coidado e mantemento de todo o seu patrimonio.

4. Os órganos de goberno da UIE, nos seus respectivos ámbitos de actuación, establecerán a política de uso, mantemento e adecuación permanente do patrimonio da Universidade aos seus fins e obxectivos fundamentais.

TÍTULO VII

Dos servizos universitarios

Artigo 35. Natureza e réxime

1. A UIE poderá contar con outros servizos complementarios para o desenvolvemento dos seus fins como os de biblioteca, extensión universitaria, relacións internacionais, servizo de atención ao estudante e demais servizos que decida dotarse en cada momento.

2. A Universidade, por acordo do Padroado, por proposta do Consello Reitor, poderá crear e suprimir cantos servizos universitarios considere necesarios para o mellor desenvolvemento das súas actividades.

3. Todos os servizos universitarios terán o seu propio desenvolvemento normativo.

4. En cada servizo universitario poderá haber un coordinador responsable da súa xestión e funcionamento.

TÍTULO VIII

Dos distintivos, honras e distincións

Artigo 36. Distintivos da Universidade

1. O escudo da Universidade será representativo de Galicia e componse dun círculo concéntrico exterior co nome completo da Universidade e un segundo círculo concéntrico interior que inclúe os símbolos da rosa dos ventos, un libro aberto, as siglas da UIE e o ano 1987 entre dúas ramas de loureiro, así como a visión da UIE representada por tres palabras latinas: cognitio, innovatio, ductus.

2. A bandeira da Universidade será de cor azul co escudo en negro.

3. A medalla e o selo da Universidade reproducirán o escudo segundo o descrito no punto primeiro.

Artigo 37. Honras e distincións

1. O doutoramento Honoris Causa terá a consideración de máxima dignidade académica conferida pola Universidade Intercontinental da Empresa a persoas físicas que se distinguiran pola súa decisiva contribución no ámbito científico, cultural, artístico e técnico, así como polas súas sobresalientes achegas á sociedade. O outorgamento desta distinción corresponde ao Consello Reitor, a proposta do Comité de Coordinación Académica, previa recomendación do claustro docente.

2. A designación como profesor honorario corresponde ao Consello Reitor e será outorgada a persoas físicas cuxos méritos académicos así fosen considerados polo Comité de Coordinación Académica.

3. A Medalla da Universidade ten a consideración de máxima distinción institucional outorgada a persoas físicas e xurídicas en virtude dos seus relevantes e extraordinarios méritos nos ámbitos social, académico, cultural, artístico, científico e técnico. O outorgamento desta distinción corresponde ao Consello Reitor.

TÍTULO IX

Desenvolvemento, interpretación e reforma das presentes normas de organización e funcionamento

Artigo 38. Desenvolvemento, interpretación e reforma

1. As presentes normas de organización e funcionamento serán desenvolvidas e complementadas pola normativa que se decida aprobar polo Consello Reitor.

2. En caso de dúbida sobre o sentido dalgunha das disposicións, o Padroado decidirá a interpretación aplicable por maioría dos seus membros.

3. Calquera reforma das normas de organización e funcionamento deberá ser acordada polo Padroado da FUIE e sometida á aprobación das autoridades administrativas competentes, segundo o establecido na lexislación básica estatal e autonómica en materia de Universidades.

Disposición adicional primeira

A UIE está comprometida coa igualdade de oportunidades con independencia de raza, xénero, idade, crenzas ou condición social. Por iso, todas as denominacións reflectidas nas presentes normas de organización e funcionamento, particularmente as referidas a cargos unipersoais, estudantado e persoal que sexan susceptibles de uso feminino e masculino, se se atopan expresadas en masculino, haberán de entenderse e interpretarse en acepción neutra sendo unha política activa da UIE fomentar a igualdade de trato e oportunidades.

Disposición adicional segunda

Co fin de favorecer o entendemento, a convivencia pacífica e o pleno respecto dos valores democráticos, os dereitos fundamentais e as liberdades públicas no ámbito universitario, a UIE aprobará as súas Normas de convivencia, que serán de obrigado cumprimento para todos os membros da comunidade universitaria, tanto respecto das súas actuacións individuais como colectivas, con base nos principios e directrices de convivencia que para o ámbito universitario establece a Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria.

Disposición derradeira primeira

O desenvolvemento normativo previsto nesta normativa debe ser aprobado no prazo dun ano a partir da súa entrada en vigor.

Disposición derradeira segunda

As presentes normas de organización e funcionamento entrarán en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.