Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 18 de agosto de 2022 Páx. 44293

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de agosto de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A).

O día 13 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT819A).

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto regular as bases do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarios para conseguir obxectivos ambientais, é dicir, investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou da rendibilidade das explotacións agrícolas ou que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000 pertencentes aos parques naturais.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2022 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento MT819A).

A orde establece no seu artigo 8 un prazo de presentación de solicitudes dun mes contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, comezando o dito prazo o día 14 de xaneiro de 2022 e finaliza o día 14 febreiro de 2022.

O artigo 22.7 establece que a notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberán xustificarse con data límite do 1 de setembro de 2022 para a anualidade do ano 2022 e do 31 de marzo de 2023 para a anualidade do ano 2023. Asemade, a orde recolle que estes prazos serán, en todo caso, improrrogables.

O 22 de xullo de 2022 publicouse o Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, no cal se establece a posibilidade de outorgar axudas aos titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios forestais, tendo a concesión destas axudas carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

Nesta situación de emerxencia resultou de vital importancia a publicación da Orde do 28 de xullo de 2022 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 130/2022, do 21 de xullo, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022, destinadas a titulares de infraestruturas de uso público do medio natural dentro da Rede galega de espazos protexidos e reservas da biosfera afectados polos incendios forestais no ámbito da competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (código de procedemento MT100B).

No mesmo sentido, o alto número de proxectos presentados dificulta o cumprimento dos prazos establecidos na resolución para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que moitas destas solicitudes se concentran en ámbitos territoriais pequenos onde a man de obra especializada para atender a realización das obras é escasa. Están a ser atendidos moitos solicitantes que consultan sobre a posibilidade de ampliación do prazo de xustificación debido á dificultade de atopar persoal técnico para facer as obras ao longo do mes de agosto e primeira quincena de setembro.

A todo isto hai que sumar a conxuntura económica e situación de crise que conduce á necesidade de garantir e mellorar a eficiencia na xestión destas axudas co fin de mobilizar o maior investimento posible. Este cúmulo de situacións provoca a necesidade de establecer un novo prazo de execución e xustificación das axudas.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros, así como a obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previamente á proposta de resolución de concesión das axudas, xeraron unha demora na resolución da convocatoria que dificulta o cumprimento por parte das persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación das axudas.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 21.7 da Orde do 21 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

1. Modificase o artigo 21.7 que queda redactado como segue: «A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberán xustificarse con data límite do 30 de setembro de 2022 para a anualidade do ano 2022 e do 31 de marzo de 2023 para a anualidade do ano 2023. Estes prazos serán en todo caso improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda