Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 19 de agosto de 2022 Páx. 44529

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se realiza a segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades (código de procedemento MR553C).

BDNS (Identif.): 605742.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer a segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras desta convocatoria son as que se recollen na Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (DOG núm. 10, do 17.1.2022), e na Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2022 para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades (código de procedemento MR553C).

Terceiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por teren convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle, ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

f) De visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morresen como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural