Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Xoves, 1 de setembro de 2022 Páx. 46848

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 12 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas na madeira, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento IN500C e IN500D).

BDNS (Identif.): 645473.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

1.1. Para a liña 1-ecoinnovación (código de procedemento IN500C):

a) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

b) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.

c) Organismos intermedios: organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que, de forma habitual, presten servizos de apoio á innovación e modernización ás pemes e que dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos, e que desenvolvan a súa actividade principal en Galicia.

1.1.2. As empresas poderán presentarse de forma individual ou agrupadas.

1.1.3. Os proxectos de agrupacións (presentados por organismos intermedios ou por unha agrupación de empresas) deberán contar cun mínimo de 3 pemes.

1.1.4. No caso de solicitudes presentadas por organismos intermedios ou por unha agrupación de empresas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento dos deberes que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.1.5. Ademais, no caso de proxectos de agrupacións, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir os deberes que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación, e co que a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.

1.2. Para a liña 2-dixitalización (código de procedemento IN500D):

a) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

Para alcanzar a condición de beneficiarias, deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dadas de alta nalgún código CNAE ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención antes da presentación da solicitude.

b) Asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

2. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa).

A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

3. Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

En todo caso, a persoa solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

4. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes da presentación da solicitude de axudas.

5. Empresas que teñan un centro de traballo radicado en Galicia.

6. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

b) Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar a modernización e a dixitalización do sector forestal-madeira e impulsar o ecodiseño e a economía circular.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que cumpran cos requisitos recollidos no artigo 5 das bases e que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de maio de 2023.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Actuacións obxecto de apoio e gasto mínimo subvencionable:

1. Ao abeiro destas bases reguladoras, as convocatorias anuais recollerán as seguintes liñas de apoio:

1.1. Liña 1-ecoinnovación (código de procedemento IN500C): dirixida a apoiar proxectos vinculados ao ámbito de traballo das empresas beneficiarias especificadas no artigo 2.1.1 que comprendan, polo menos, algunha das seguintes actuacións:

a) Ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores. As actuacións de ecodeseño previstas poderán referirse a unha ou varias das seguintes áreas:

i. Deseño máis eficiente do produto, que permita reducir o uso de materiais.

ii. Incorporación de materiais con menor impacto ambiental.

iii. Aumento da vida útil do produto desde o punto de vista técnico.

iv. Aplicación de novos tratamentos industriais da madeira libres de substancias contaminantes (utilización de vernices con baixo contido en COV, utilización de colas alternativas PVAc, etc.).

v. Optimización do deseño para facilitar o desmonte ao final da vida útil do produto, facilitando a identificación e separación dos distintos materiais que o compoñen.

vi. Procesos de certificación da integración da variable ambiental no deseño, exclusivamente para os produtos ecodeseñados no contexto desta convocatoria. Por exemplo:

• Impacto ambiental na produción dos produtos feitos con madeira, de acordo coa norma ISO 14006 «Xestión ambiental-Directrices para a incorporación do ecodeseño».

• Etiquetaxe ecolóxica (ecoetiquetas), de acordo coa norma UNE-EN ISO 14020 «Etiquetas ecolóxicas e declaracións ambientais. Principios xerais».

• Certificación da cadea de custodia (FSC-Forest Stewardship Council, PEFC-Certificación Forestal Paneuropea).

b) Implantar solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias definidas no artigo 2. As actuacións previstas poderán referirse a unha ou varias das seguintes áreas:

i. Creación de novos modelos de negocio orientados á servitización dos produtos feitos en madeira ou produtos derivados.

ii. Optimización do consumo de recursos, a través da aplicación de mellores técnicas de produción ou a redución das etapas do proceso de fabricación dos produtos feitos en madeira.

iii. Desenvolvemento e implementación de procesos de posvenda, orientados a ofrecer servizos de mantemento, reparación e recambios por un período de tempo prolongado.

iv. Incorporación de procesos de recuperación e revalorización de produtos e subprodutos de madeira (produción de biomasa, compostaxe, novos produtos, etc.).

v. Mellora da eficiencia nos procesos de distribución, a través da redución do volume e peso das embalaxes, uso de transportes máis eficientes ou o uso de envases e embalaxes reutilizables.

Quedan excluídas as actuacións referidas a eficiencia enerxética.

c) Introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira. As ferramentas previstas poderán incluír as seguintes:

i. Lista de comprobación (checklist).

ii. Valoración estratéxica ambiental (VEA).

iii. Input material por unidade de servizo (MIPS).

iv. Matriz de materiais, enerxía e emisións tóxicas (MET).

v. Ecoindicadores.

vi. Análise do ciclo de vida (ACV).

1.2. Liña 2-dixitalización (código de procedemento IN500D): dirixida a apoiar proxectos de dixitalización das persoas beneficiarias recollidas no artigo 2.1.2, vinculados aos procesos que utilicen madeira ou os seus derivados e que comprendan, polo menos, algunha das seguintes actuacións:

a) Implantar sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con Administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvolvidos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade.

b) Pór en marcha sistemas para a xestión do ciclo de vida de produtos feitos en madeira. Solucións tales como PDM, PLM ou DMF que recollan a información do produto desde a concepción deste, ata a súa eliminación ou posta á venda, incluíndo o deseño e a fabricación.

c) Implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos, por exemplo sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo.

d) Dixitalizar procesos que poidan levar asociada a impresión 3D ou fabricación aditiva de produtos feitos con madeira no proceso produtivo da empresa.

e) Despregar sistemas de planificación, control dos recursos empresariais e/ou loxística, tanto interna como externa.

f) Automatizar e/ou sensorizar produtos ou servizos para o seu control e rastrexabilidade.

g) Implementar sistemas de interconexión de elementos físicos e virtuais, procesamento de datos capturados (big data) e ciberseguridade.

h) Desenvolver e pór en marcha sistemas de analítica avanzada, intelixencia artificial, aprendizaxe automática e/ou toma de decisións autónoma (intelixencia empresarial) en relación coa industria das empresas beneficiarias.

i) Desenvolver ou adoptar unha interface dixital para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.

j) Implantar e/ou desenvolver sistemas de integración da cadea de valor, tanto a nivel organizativo en sentido horizontal como a nivel de colaboración en sentido vertical.

2. O gasto mínimo subvencionable para as dúas liñas de axudas será de 7.000 euros.

Terceiro. Financiamento

1. As subvencións obxecto desta resolución serán financiadas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cun crédito total de 2.500.000 €, que se distribuirá entre as anualidades 2022 e 2023 de acordo co seguinte detalle:

Concepto

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Importe total

REACT Ecoinnovación forestal

06.A4.741A.770.0

2021 00006

450.000 €

650.000 €

1.100.000 €

06.A4.741A.780.1

50.000 €

100.000 €

150.000 €

REACT Rastrexabilidade dixital

06.A4.741A.771.0

2021 00007

450.000 €

650.000 €

1.100.000 €

06.A4.741A.781.0

50.000 €

100.000 €

150.000 €

Total

2.500.000 €

Todo isto, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación do crédito a través dos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo dos prazos para resolver.

Esta distribución do crédito poderá ser modificada conforme evolucione o desenvolvemento da tramitación, sempre sen incrementar o crédito total.

2. Estas axudas están financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020:

Eixe prioritario: EP20 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía».

Obxectivo temático: OT13. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Obxectivos específicos:

• OE 20.1.2-OE REACT-UE 2. Apoio aos investimentos que contribúan á transición cara a unha economía dixital. Actuación 20.1.2.10: apoio á dixitalización de pequenas e medianas empresas no sector forestal.

• OE 20.1.4-OE REACT UE 4. Apoio aos investimentos que contribúan á transición cara a unha economía verde. Actuación 20.1.4.2: Impulso á innovación no sector forestal:

Así mesmo, os indicadores de produtividade son:

• CO01-Número de empresas que reciben axudas (empresas).

• CO02-Número de empresas que reciben subvencións (empresas).

• CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda (empresas).

Compatibilidade das axudas:

1. Ao estar este réxime de subvencións suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, deberase garantir que, no caso de recibiren as persoas beneficiarias outras subvencións baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 3 do citado regulamento.

2. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación desta resolución ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esa data.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal