Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 2 de setembro de 2022 Páx. 47048

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo para a redelimitación de solo de núcleo rural número 1 A Ponte Rosende.

O Concello de Carballo solicita a aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal referida, en virtude do previsto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4 de febreiro de 2016 (DOG do 26 de febreiro).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 27.11.2020 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 78.4.b) da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o día 14.1.2021 (DOG do 2 de febreiro), en que se resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU.

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 28.10.2020.

• A Axencia Galega de Infraestruturas, informe do 19.11.2020.

• O Instituto de Estudos do Territorio, informe do 18.12.2020.

4. O xefe da área de urbanismo e o técnico xurídico de urbanismo emitiron informe técnico e xurídico o 16.7.2021.

5. O Pleno do Concello de Carballo aprobou inicialmente a modificación o 26.7.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 29.7.2021 e La Voz de Galicia do 30.7.2021, Diario Oficial de Galicia do 30.8.2021 e Boletín Oficial del Estado do 9.8.2022), e notificada aos titulares catastrais coñecidos, sen se presentar ningunha alegación, segundo certificación do secretario xeral municipal do 15.12.2021.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

• Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, do 23.9.2021.

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital), do 29.9.2021, favorable.

• Área de Fomento (Delegación do Goberno en Galicia), do 22.10.2021.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico), do 21.9.2021.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en materia de solos contaminados, do 5.8.2021.

• Instituto de Estudos do Territorio, en materia de paisaxe, do 15.9.2021.

• Servizo de Enerxía e Minas (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación), do 28.9.2021.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 8.10.2021, favorable con condicións.

• Augas de Galicia, do 17.2.2022, favorable.

• Axencia Galega de Infraestruturas, desfavorable (21.10.2021) e favorable (15.3.2022).

Foron solicitados informes á Dirección Xeral de Defensa do Monte e á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior o 28.7.2021, sen que conste a recepción destes informes.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Tordoia, Ponteceso, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Cerceda.

9. O xefe da área de urbanismo e o técnico xurídico de urbanismo emitiron informe técnico e xurídico o 12.4.2022.

10. O Pleno do Concello de Carballo aprobou provisionalmente a modificación o 25.4.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual.

A modificación ten como finalidades:

a) Redelimitar o solo de núcleo rural común de Ponte Rosende para incluír nel un ámbito lindeiro parcialmente edificado co fin de posibilitar a mellora das condicións urbanísticas da zona (execución de urbanización e servizos que incrementen a seguridade viaria relativa ás vivendas habitadas existentes nela). Este ámbito acolle as parcelas con fronte á vía que exerce actualmente de límite sur do núcleo, unha delas edificada, que se encontran entre dous ámbitos incluídos actualmente na delimitación, de maneira que exista unha continuidade nesta zona ao sur da vía. A modificación supón un incremento dunha parcela edificada e tres edificables na delimitación do solo de núcleo rural común.

b) Incorporar na ordenación do núcleo as afeccións derivadas da futura vía de titularidade autonómica Variante de Carballo, de acordo co informe emitido pola Axencia Galega de Infraestruturas.

III. Análise e consideracións.

A modificación axústase no seu contido e tramitación ao informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 27.11.2020.

A ficha do catálogo correspondente ao muíño de Ponte Rosende (CP-0711) debe incluír todas as determinacións establecidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 8.10.2021.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello de Carballo, para a redelimitación do núcleo rural nº 1 Ponte Rosende, coa condición sinalada no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto nos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo