Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 6 de setembro de 2022 Páx. 47483

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2022 pola que se modifican a Resolución do 31 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e a Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se convocan as ditas axudas para o ano 2020.

O 11 de xullo de 2019, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 131 a Resolución do 31 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ao abeiro destas bases, o 11 de maio de 2020 publicábase no Diario Oficial de Galicia número 90 a Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se convocaban as ditas axudas para o ano 2020.

Ambas as resolucións conteñen, en distintas partes do texto, indicacións diferentes sobre o prazo máximo en que as entidades subvencionadas deben presentar os documentos acreditativos do pagamento daqueles gastos cuxos pagamentos se deben efectuar nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación. Este sería o caso dos ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais, liquidables con posterioridade á data de xustificación. É preciso, por tanto, modificar ambas as resolucións para aclarar de xeito coherente o prazo máximo en que as entidades beneficiarias destas axudas deben presentar a xustificación destes gastos.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 31 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

Modifícase o punto 3 do artigo 28.3.g), que queda redactado nos seguintes termos:

«g) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable da entidade beneficiaria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades financiadas, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ás actividades financiadas.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está sendo cofinanciado con fondos Feder.

3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos da entidade beneficiaria cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades financiadas, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades financiadas e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte.

6. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento da actividade financiada. No contrato farase mención expresa ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1), e á presente convocatoria.

8. Declaración responsable da non participación do persoal, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación a esta axuda, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que se publicará como anexo á convocatoria anual e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal».

Artigo 2. Modificación da Resolución do 23 de abril de 2020 pola que se convocan para o ano 2020 as axudas para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea (Horizon 2020), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN607F, IN607G e IN607H)

Modifícase o punto terceiro do artigo 8.4.g), que queda redactado nos seguintes termos:

«g) Para a xustificación do custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable da entidade beneficiaria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades financiadas, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), segundo a dedicación de cada traballador ás actividades financiadas.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos da entidade beneficiaria cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades financiadas, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades financiadas e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte no caso de axudas plurianuais.

6. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento da actividade financiada. No contrato farase mención expresa ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1), e á presente convocatoria. É requisito imprescindible que a contratación do persoal de nova contratación se realice con data posterior á presentación da solicitude e que no momento da contratación non teña nin tivese vinculación laboral coa entidade nos últimos dous anos.

8. Declaración responsable da non participación do persoal, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación a esta axuda, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que aparece como anexo VIII a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal».

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación