Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 6 de setembro de 2022 Páx. 47479

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Carballo para a redelimitación de solo de núcleo rural número 2 O Monte.

O Concello de Carballo solicita a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal referida, en virtude do previsto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4 de febreiro de 2016 (DOG do 26 de febreiro).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 19.1.2021, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 78.4.b) da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o día 2.3.2021 (DOG do 16 de marzo), en que se resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU:

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informe do 9.12.2020.

• O Instituto de Estudos do Territorio, informe do 15.2.2021, con observacións.

4. O xefe da Área de Urbanismo e o técnico-xurídico de Urbanismo emitiron informe técnico e xurídico o 16.9.2021.

5. O Pleno do Concello de Carballo aprobou inicialmente a modificación o 27.9.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego e La Voz de Galicia do 13.10.2021, Boletín Oficial del Estado do 26.10.2021 e Diario Oficial de Galicia do 24.11.2021), e notificada aos titulares catastrais coñecidos, sen se presentar ningunha alegación, segundo certificación do secretario xeral municipal do 16.2.2022.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

• Subdirección Xeral de Patrimonio (Ministerio de Defensa) do 5.11.2021.

• Secretaría de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do 25.10.2021.

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual (Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) do 2.11.2021, favorable.

• Área de Fomento (Delegación do Goberno en Galicia) do 13.1.2022.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 28.1.2022.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

• Servizo de Enerxía e Minas (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación) do 25.10.2021.

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 28.10.2021.

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en materia de solos contaminados, do 15.11.2021.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 13.1.2022, favorable.

• Augas de Galicia do 14.2.2022, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio, en materia de paisaxe, do 19.1.2022 (desfavorable) e do 19.4.2022, sen obxeccións.

8. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Tordoia, Ponteceso, Malpica, A Laracha, Coristanco e Cerceda.

9. O xefe da Área de Urbanismo e o técnico-xurídico de Urbanismo emitiron informe técnico e xurídico, previos á aprobación provisional, o 16.5.2022.

10. O Pleno do Concello de Carballo aprobou provisionalmente a modificación o 30.5.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual é redelimitar o solo de núcleo rural común do Monte, para incluír nel un ámbito lindeiro ao oeste do extremo sur do núcleo, parcialmente edificado, co fin de posibilitar a mellora das condicións urbanísticas da zona (execución de urbanización e servizos ás vivendas habitadas existentes nesta).

A modificación supón un incremento de 10 parcelas edificadas e 8 edificables na delimitación de solo de núcleo rural común (Ordenanza zonal 2, grao 1, segundo o artigo 337 da normativa do PXOM).

III. Análise e consideracións.

Non se encontran obxeccións a esta modificación, que se axusta no seu contido e tramitación ao informe emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 19.1.2021.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello de Carballo para a redelimitación do solo de núcleo rural número 2 O Monte.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo