Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 6 de setembro de 2022 Páx. 47418

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 19 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN223A).

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, a coordinación e a mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúe un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, nos mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, da horta e da gandaría. É preciso, polo tanto, renovar estes espazos en relación coas necesidades tanto dos/das comerciantes como das persoas consumidoras, desde o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades.

Por outra parte, é fundamental aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vencellándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade, así como mellorar a súa accesibilidade e acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.

En consonancia con isto, mediante a Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia número 13, do 19 de xaneiro de 2017, e o seu outorgamento é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan os nosos mercados e prazas de abastos.

Polo tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para potenciar a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos co obxecto de impulsar a creación dunha rede de mercados excelentes, e as federacións e asociacións das prazas.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación para o impulso da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos (código de procedemento IN223A).

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 870.000,00 €, que será imputado da seguinte forma:

a) Concellos:

Destinarase un crédito total de 600.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

b) Federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados:

Destinarase un crédito total de 270.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, do seguinte xeito:

Federacións de asociacións de prazas de abastos

45.000,00 €

Asociacións de prazas de abastos

225.000,00 €

4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. De existir remanente nunha aplicación orzamentaria, poderase reasignar a contía sobrante na outra aplicación. A reasignación levarase a cabo, logo da modificación orzamentaria pertinente, sen necesidade de facer unha nova publicación do importe dos créditos.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser entidade beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibidas as solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.

Para os efectos da determinación da prelación temporal, a data para ter en conta será a data e hora de presentación da solicitude. No caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida.

No caso de que máis dunha solicitude teña a mesma data de presentación, prevalecerá a solicitude cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela a que o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A proposta de concesión será formulada polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención. Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que melloren as estruturas comerciais e dinamicen e revitalicen os mercados e prazas de abastos para incrementar a competitividade do comercio de proximidade, a incentivación do consumo e a satisfacción das necesidades da poboación, así como a xeración de puntos de atracción comercial nas cidades e vilas galegas.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Na páxina web oficial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. Nos teléfonos das xefaturas territoriais, A Coruña: 981 18 49 02/80, Lugo: 982 29 49 38/670 e Vigo: 986 81 75 57.

4. Nos teléfonos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo: 981 54 54 18 e 981 54 55 97.

5. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

De acordo co establecido no artigo 14.1, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a consolidación da Rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados (código de procedemento IN223A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de mercado excelente ou estean no proceso previo á súa obtención, así como a dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4, 5 e 6 destas bases reguladoras, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 23 destas bases reguladoras.

Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, pagados, operativos e verificado na data límite de xustificación das actuacións.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de 870.000,00 €, que será imputado da seguinte forma:

a) Concellos:

Destinarase un crédito total de 600.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

b) Federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados:

Destinarase un crédito total de 270.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, do seguinte xeito:

Federacións de asociacións de prazas de abastos

45.000,00 €

Asociacións de prazas de abastos

225.000,00 €

2. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas, de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras:

a) Os concellos galegos que conten cun mercado co selo de mercado excelente outorgado de conformidade coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, ou aqueles que estean no proceso para a súa obtención.

Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) As federacións e asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, as federacións e asociacións deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos na data de publicación desta orde e estar ao día na obriga de aprobación das contas anuais pola xunta directiva nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

2. Non poderán acadar a condición de entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 4. Actuacións subvencionables para os concellos

Liña 1. Impulso da Rede de mercados excelentes.

Consideraranse actuacións subvencionables as actuacións en mercados e prazas de abastos de Galicia que teñan concedido o selo de mercado excelente ou estean no proceso previo á súa obtención. En concreto:

1.1. Actuacións subvencionables nas prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente:

Consideraranse actuacións subvencionables os investimentos en mercados e prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente de acordo coa Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, e que constitúan un valor engadido neles, deberán ter prioridade as actuacións que respondan ás observacións realizadas pola auditoría que se realice conforme o artigo 5 da antedita orde.

Estas actuacións, se non estivesen aínda resoltas, deberán ser tidas en conta no conxunto das previstas na solicitude. Do contrario, deberá xustificarse na solicitude.

En todo caso, deberán incluír as accións de mentoring e as actuacións de formación dos/das praceiros/as establecidas na letra h) desta epígrafe.

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables:

a) O acondicionamento das instalacións: mellora da imaxe, instalación de sistemas de climatización, instalación de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos e establecemento de sistemas de recollida de auga.

b) A creación e/ou mellora de servizos para a clientela: servizo de carros da compra, adecuación e/ou creación de zonas de descanso tales como espazos infantís, salas de lactación e outros, creación dun servizo de repartición a domicilio con personal maker e instalación de consigna frigorífica e de servizo de cociñado de produtos.

c) A creación e/ou mellora doutros servizos: instalación de pantallas de información, servizo automático de quendas, planos de situación do edificio «Vostede está aquí» e rede wifi.

d) A loxística e comercialización dos produtos: creación dun packaging sostible propio do mercado adecuado ás características específicas dos produtos, incluídos os sistemas de envasado ao baleiro.

e) A creación ou mellora de aparcadoiros para vehículos e/ou bicicletas, sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos.

f) As actuacións de conservación, mantemento, reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos.

g) A adquisición de equipamento persoal dos/das praceiros/as coa imaxe común e corporativa do mercado, cun investimento máximo subvencionable de 6.000,00 €.

h) As actuacións formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, ao aumento da rendibilidade do punto de venda a través de técnicas de visual merchandising, á colocación do produto e á atención á clientela, cun investimento máximo subvenionable de 5.000,00 €. Estas actuacións deberán recollerse nun proxecto que, en todo caso, concretará o número de horas, os obxectivos e os indicadores para a súa medición.

1.2. Actuacións subvencionables nas prazas de abastos que non dispoñan do selo de mercado excelente:

a) Concellos que teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado:

Consideraranse subvencionables as actuacións de preparación para a obtención do selo de mercado excelente.

Poderán acollerse ás actuacións desta epígrafe os concellos que teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado, co contido e alcance previstos na letra b), e acrediten mediante a presentación da ferramenta de autoavaliación contida no anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017 acadar, polo menos, unha puntuación mínima de 12 puntos no conxunto dos compoñentes relativos ao estado do edificio contidos no capítulo 1 (ferramenta de avaliación da arquitectura).

En concreto, consideraranse actuacións subvencionables a execución de accións e medidas materiais baseadas na proposta de actuacións da diagnose de situación e usos do mercado previamente realizada.

En todo caso, deberán incluír:

• As accións de mentoring e as actuacións de formación dos/das praceiros/as, cun investimento máximo subvencionable de 5.000,00 €. Estas actuacións deberán recollerse nun proxecto que, en todo caso, concretará o número de horas, os obxectivos e os indicadores para a súa medición.

• As actuacións de rehabilitación e reforma construtiva da edificación que sexan necesarias para acadar a puntuación máxima (24 puntos) no antedito capítulo 1 (ferramenta de avaliación da arquitectura), cun investimento máximo para a elaboración da documentación técnica correspondente de 15.000,00 €.

b) Concellos que non teñan realizada a diagnose de situación e usos do mercado:

Considerarase actuación subvencionable a elaboración, por parte dunha empresa de consultoría especializada, da diagnose de situación e usos do mercado.

A diagnose de situación e usos do mercado deberá incluír os seguintes aspectos:

• Un estudo de mercado.

• Un estudo de impacto económico actual e potencial da praza de abastos na súa contorna.

• Unha recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos/das praceiros/as e usuario/as.

• Unha descrición da oferta e da demanda, existentes e futuras, o nivel de ocupación e a diversidade, con inclusión dunha ficha individual dos postos activos do mercado, así como as posibles actuacións de mellora deste.

• Unha estratexia de optimización e redimensionamento de usos, de ser o caso.

• Unha avaliación dos procedementos administrativos relativos á adxudicación dos postos do mercado.

• Unha análise DAFO.

• Unha análise e proposta de actuacións necesarias para a obtención do selo de mercado excelente.

• A consignación, segundo a realidade existente, do anexo II (ferramenta de autoavaliación) da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de mercado excelente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Liña 2. Equipamento comercial.

Consideraranse actuacións subvencionables a adquisición de equipamento comercial para uso dos/das praceiros/as que sexa indispensable para o desenvolvemento da súa actividade comercial. En concreto:

– A adquisición e instalación de equipamentos de frío industrial e outros equipamentos industriais ou tecnolóxicos.

– A adquisición e instalación de mostradores, vitrinas, expositores e armariños refrixerados.

En todo caso, os equipamentos comerciais deberán instalarse fixados ao chan ou paredes –exclúense os de carácter portátil– e deben contar coa máxima eficiencia enerxética dispoñible.

Os gastos subvencionables en adquisición de equipamento comercial requirirán en todo caso a realización da diagnose de situación e usos do mercado, nos termos previstos na liña 1, número 2, letra b).

Liña 3. Eficiencia enerxética.

Consideraranse actuacións subvencionables a implantación de medidas para un consumo mais eficiente dos recursos enerxéticos. En concreto:

– A instalación de sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes.

– A instalación de portas de acceso de apertura e peche automáticos.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados á actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 20 e 21 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (anexo II e memoria) ou dos que non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 10 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

a) Os custos relativos á adquisición ou alugamento de bens inmobles.

b) Os gastos de persoal.

c) Os custos relativos a actuacións do punto 2.a) deste artigo non recollidas na diagnose de situación e usos do mercado.

d) Os custos relativos á execución de accións e medidas derivadas da diagnose de situación e usos do mercado que non inclúan a realización de actuacións de mentoring e de formación e actuacións de rehabilitación e reforma construtiva da edificación que sexan necesarias de acordo co disposto no punto 2.a) deste artigo.

e) Os custos relativos a obras de nova construción de mercados e prazas de abastos.

f) Os agasallos promocionais, premios, trofeos, gastos de representación e a realización de recepcións e actos análogos.

g) As campañas de dinamización e promoción do mercado.

h) A adquisición de equipamentos comerciais portátiles, tales como os tallos e enxoval de traballo, o mobiliario, as máquinas procesadoras de alimentos, as envasadoras individuais facilmente trasladables, balanzas e terminais de punto de venda.

Artigo 5. Actuacións subvencionables para as asociacións de prazas de abastos e mercados

1. Consideraranse subvencionables as actuacións de dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo en que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables:

a) O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 1.250,00 €. Os marketplace deben reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo VII e non estar integrados nunha plataforma conxunta ou compartida con outras entidades. A participación nos marketplace dos/das praceiros/as non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A dinamización comercial a través das seguintes actuacións:

Os gastos subvencionables son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O alugamento de medios técnicos (toldos e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais).

• Os gastos de publicidade e promoción en liña (web e redes sociais) cun investimento máximo subvencionable de 1.250,00 €.

• Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 1.250,00 €. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

c) A fidelización de clientela a través das seguintes actuacións subvencionables:

• A loxística e-commerce: gastos de envío en liña realizados por empresas loxísticas externas desde o mercado ata o domicilio da clientela. Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse, en ningún caso, á clientela.

• Os tíckets de aparcamento, que, en todo caso, deben estar vinculados a unha venda.

• As APP de fidelización (puntos de desconto ou similares).

d) Os equipamentos do mercado e dos/das praceiros/as.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables:

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados a actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 20 e 21 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (anexo II e memoria) ou dos cales non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 10 destas bases reguladoras.

• Os gastos concertados con entidades ou persoas vinculadas ao persoal xestor ou, de ser o caso, aos órganos directivos de acordo co establecido no artigo 22 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

a) Respecto da dinamización comercial e a incentivación do consumo:

• As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teña exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos/das asociados/as.

• Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

• A realización de cócteles e actos análogos.

• As bolsas comerciais e packaging.

• A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

• Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia, nos termos establecidos nos artigos 20 e 21 destas bases reguladoras.

• A publicidade xenérica da asociación ou das campañas dirixidas á captación de asociados.

• Os gastos de persoal.

b) Respecto da fidelización de clientela:

• Os tíckets de aparcamento en aparcadoiros públicos municipais.

c) Respecto dos equipamentos do mercado e prazas de abastos:

• A reforma, a rehabilitación ou o acondicionamento das instalacións do mercado e das prazas de abastos.

Artigo 6. Actuacións subvencionables para as federacións de prazas de abastos e mercados

1. Consideraranse subvencionables as actuacións de dinamización e revitalización das prazas de abastos e mercados desenvolvidas no marco dun proxecto de incentivación da demanda comercial e do consumo en que as persoas comerciantes e consumidoras sexan as destinatarias finais.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables:

a) O mantemento dos marketplace cun investimento máximo subvencionable de 4.000,00 €. Os marketplace deben reunir as características técnicas e as condicións legais previstas no anexo VII e non estar integrados nunha plataforma conxunta ou compartida con outras entidades. A participación nos marketplace dos/das praceiros/as non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A dinamización comercial a través das seguintes actuacións:

• Campañas de promoción comercial en datas ou períodos comerciais.

• Campañas de dinamización comercial na rúa con participación directa dos comercios asociados e das persoas consumidoras.

• Organización de eventos de promoción comercial.

• Calquera outra campaña de dinamización, animación e promoción comercial.

En todo caso, cada actividade deberá amosar a participación directa das asociacións de comerciantes integradas na entidade beneficiaria ou dos/das praceiros/as asociados/as, de ser o caso.

Os gastos subvencionables por campaña son os seguintes:

• Os servizos profesionais externos para o deseño e a posta en marcha da campaña.

• O alugamento de medios técnicos (toldos e análogos, son e imaxe).

• Os seguros de responsabilidade civil derivados da campaña.

• A publicidade nos medios de comunicación (prensa, radio e televisión) directamente vinculada coa campaña.

• O material de promoción e difusión da campaña (cartelaría, folletos, vídeos e outro material promocional en liña e para as redes sociais).

• Os regalos promocionais cun investimento máximo subvencionable de 4.000,00 €. En todo caso, os regalos promocionais deben estar asociados a unha actividade concreta de dinamización e vinculados a unha venda.

2. Gastos e actuacións non subvencionables:

Con carácter xeral, non se considerarán subvencionables :

• Os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda, segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• As actuacións ou, de ser o caso, os gastos asociados á actuacións que non inclúan a publicidade do financiamento do proxecto pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 20 e 21 destas bases reguladoras.

• Aqueles investimentos non incluídos na solicitude (tanto no anexo II como na memoria) ou dos cales non se presente a documentación económica completa de acordo co establecido no artigo 10 destas bases reguladoras.

Así mesmo, non se considerarán subvencionables:

• Os custos de persoal.

• As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teñan exclusivamente por finalidade o patrocinio, a colaboración ou a axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómicas, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa das asociacións de comerciantes e, de ser o caso, comerciantes asociados.

• Os premios resultantes de sorteos ou de calquera outra combinación aleatoria.

• A realización de cócteles e actos análogos.

• As bolsas comerciais e packaging.

• A edición e a publicación de revistas, xornais e medios análogos, en soporte físico ou dixital.

• Os regalos promocionais que non leven incluída a publicidade da Xunta de Galicia nos termos establecidos nos artigos 20 e 21 destas bases reguladoras.

• A publicidade xenérica da federación ou, de ser o caso, asociación, así como das campañas dirixidas á captación de asociados.

Artigo 7. Investimentos máximos subvencionables para os concellos

Liña 1. Impulso da Rede de mercados excelentes.

1. Actuacións en prazas de abastos que teñan concedido o selo de mercado excelente:

A porcentaxe da subvención acadará o 80 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

O investimento máximo subvencionable é de 70.000,00 €.

O investimento solicitado non poderá exceder o investimento máximo establecido. En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras, coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

2. Actuacións en prazas de abastos que non teñan concedido o selo de mercado excelente:

A porcentaxe da subvención acadará o 70 % dos seguintes investimentos máximos subvencionables, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado:

a) Para as actuacións contidas no artigo 4.2.a) destas bases reguladoras, o investimento máximo subvencionable é de 50.000,00 €.

b) Para as actuacións contidas no artigo 4.2.b) destas bases reguladoras, o investimento máximo subvencionable é de 14.000,00 €.

O investimento solicitado non poderá exceder o investimento máximo establecido. En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras, coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

Liña 2. Equipamento comercial.

A porcentaxe da subvención acadará o 70 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

O investimento máximo subvencionable é de 15.000,00 €.

Liña 3. Eficiencia enerxética.

A porcentaxe da subvención acadará o 70 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

O investimento máximo subvencionable é de 15.000,00 €.

Artigo 8. Investimentos máximos subvencionables para as asociacións de prazas de abastos e mercados

A porcentaxe da subvención acadará o 80 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

O investimento máximo subvencionable é de 14.000,00 €.

O investimento solicitado non poderá exceder o investimento máximo establecido. En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras, coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

Artigo 9. Investimentos máximos subvencionables para as federacións de prazas de abastos e mercados

A porcentaxe da subvención acadará o 80 % do investimento máximo subvencionable, sen que en ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poida ser superior ao valor de mercado.

O investimento máximo subvencionable é de 48.000,00 €.

O investimento solicitado non poderá exceder o investimento máximo establecido. En caso de incumprimento, instarase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, reformule a súa solicitude e axuste o investimento solicitado ao establecido nas bases reguladoras, coa advertencia de que, de non facelo, se entenderá que desiste da súa solicitude.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación:

1.1. Concellos:

a) Xustificante de estar ao día na rendición de contas xerais ante o Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Memoria asinada explicativa dos aspectos de interese, oportunidade e necesidade do investimento e o programa de execución, con especificación das datas de inicio e remate previstas, se é o caso, acompañado do orzamento desagregado de gastos para cada un deles.

c) No caso de realización de obras, o proxecto ou a memoria valorada, asinada pola persoa técnica competente, con detalle no nivel de capítulo das actuacións que se pretenden executar, que incluirá unha reportaxe fotográfica.

Orzamento desagregado, con indicación de unidades de obra, medición, prezos unitarios e descompostos.

d) No caso de ter realizada a diagnose de situación e usos do mercado, a documentación xustificativa da súa realización.

e) Anexo IV co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

f.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

f.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola entidade solicitante para realizar o proxecto.

f.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

f.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

f.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

1.2. Federacións e asociacións de prazas de abastos e mercados:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Composición actualizada da xunta directiva da entidade solicitante.

d) Orzamento do exercicio corrente da entidade solicitante.

e) Orzamento liquidado pola entidade solicitante no ano 2021.

f) Contas anuais aprobadas pola xunta directiva da entidade solicitante nos dous últimos exercicios previos a esta orde de convocatoria.

g) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade solicitante que acredite o número total de membros asociados e o número de praceiros/as asociados/as.

h) Copia da acta da sesión en que sexan informados os/as praceiros/as asociados/as do proxecto para o cal se solicita a subvención.

i) Memoria do proxecto presentado, que deberá incluír, polo menos, respecto de cada unha das actuacións para as cales se solicita a subvención:

– A denominación da actividade.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actividade, con indicación dos seus obxectivos xerais e específicos.

– A localización e datas previstas para a súa realización.

– O número e características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías achegados por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento solicitado, coa relación das facturas ou, na súa falta, facturas pro forma dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo IV).

A memoria deberá presentarse asinada.

j) Anexo IV co orzamento detallado dos gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita a subvención e facturas ou, na súa falta, facturas pro forma das actividades ou adquisicións para as cales se solicita a subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

j.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

j.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

j.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

j.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a entidade solicitante.

j.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estará ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Atriga.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presentan dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Pagamento anticipado

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar, no prazo de dez días hábiles desde a notificación da concesión da subvención, o pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando a persoa fiadora preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

A persoa avalista ou aseguradora será considerada parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A garantía deberá constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

3. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de anticipo, anexo VI, a declaración doutras axudas, anexo III, debidamente asinadas, e no caso de que a subvención concedida sexa superior a 18.000,00 €, deberán achegar, ademais, o xustificante orixinal do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a entidades beneficiarias cando solicitasen a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou estean declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou sexan inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 13. Órganos competentes

As xefaturas territoriais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación serán os órganos competentes para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e corresponderalle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Así mesmo, as xefaturas territoriais colaborarán nas funcións de comprobación da adecuada xustificación da subvención, realización da actividade e cumprimento da finalidade.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para tramitar o procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12.1 destas bases reguladoras resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co estado, coa Comunidade Autónoma ou coa seguridade social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que será elevada á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada individualmente ás entidades beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45 da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Todas as resolucións se notificarán de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nas notificacións comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

5. As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 15 destas bases reguladoras, En caso de non recibir notificación da aceptación polo órgano concedente no prazo de dez días, entenderase desestimada a modificación.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade á proposta de resolución de concesión que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da dita lei, e no artigo 21 destas bases reguladoras.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

k) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Obrigas específicas de publicidade

1. As entidades beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración.

No caso dos concellos, unha vez rematado o investimento, deberá instalarse unha placa explicativa, acorde coa tipoloxía e natureza do investimento, que inclúa a imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Así mesmo, no inicio das actuacións de difusión-asesoramento-formación incluídas no proxecto, deberán ser comunicadas con antelación á Dirección Xeral de Comercio e Consumo para garantir, de ser o caso, a presenza dun representante da Xunta de Galicia.

2. O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 22. Subcontratación

1. Enténdese que o beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación do cen por cento das actividades subvencionadas.

2. Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que deberán respectar en todo caso as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública, e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

3. Será de aplicación o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, da documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, e a data límite de xustificación será o 30 de novembro de 2022.

2. Concellos:

a) Memoria explicativa de cada unha das actuacións realizadas, que deberá incluír o orzamento desagregado e detallado do investimento realizado, coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo V).

A memoria deberá presentarse asinada.

b) Xustificantes dos investimentos: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

c) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

d) Anexo III, declaración doutras axudas, debidamente asinado.

e) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

f) Evidencia documental do cumprimento das obrigas en materia de información e publicidade (fotografías de carteis e placas) e da realización das actuacións de dinamización e publicidade e, se é o caso, a súa axeitada difusión a través da páxina web.

g) En caso de investimentos materiais:

– Se é o caso, proxecto técnico ou memoria técnica definitiva asinados, documentos que non poderán variar substancialmente da memoria presentada coa solicitude, todo isto agás que a devandita documentación se achegase con anterioridade.

– Material fotográfico das actuacións realizadas.

h) En caso de diagnose de situación e uso do mercado, copia do documento resultante do traballo.

i) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

j) Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

k) Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

l) Conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos parágrafos seguintes e que incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

A conta xustificativa conterá:

1º. Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) do artigo 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

3º. Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

m) No caso de realización de actividades formativas, contido detallado do programa ou servizo, a súa duración, a relación de poñentes e o número e identificación das persoas participantes.

n) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) Calquera outro documento que se requira na resolución de concesión da axuda.

3. Federacións e asociacións de prazas de abastos:

a) Memoria xustificativa do cumprimento do proxecto de dinamización e incentivación do consumo, que deberá incluír, polo menos, respecto a cada unha das actuacións realizadas:

– A denominación da actuación.

– A descrición individualizada, pormenorizada e detallada da actuación realizada, con indicación da valoración dos resultados obtidos segundo os obxectivos xerais e específicos sinalados na memoria da solicitude.

– A localización e datas da súa realización.

– O número e características dos/das participantes e beneficiarios/as.

– O orzamento total do investimento con indicación das fontes de financiamento e, de ser o caso, a porcentaxe e contías aportadas por cada unha das partes.

– O orzamento desagregado e detallado do investimento realizado, coa relación das facturas dos gastos que se imputan a cada unha das actividades (con identificación do número de orde e concepto segundo o anexo V).

A memoria deberá presentarse asinada.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación das facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde –que deberá coincidir coa da relación enviada xunto coa solicitude– data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo V.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para as actuacións de dinamización e fidelización, material fotográfico que evidencie a realización de cada unha das actividades segundo a descrición da memoria e que amose, de forma clara e inequívoca, o cumprimento das obrigas de publicidade do financiamento do proxecto, de acordo co establecido nos artigos 20.h) e 21 destas bases reguladoras.

No caso de publicidade en medios de comunicación, achegarase un dossier coa dita publicidade nos medios escritos e un certificado das emisións nos medios radiofónicos e audiovisuais asociadas a cada campaña.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a cal foron concedidos.

e) Anexo III coa declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa de calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como a declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Anexo III coa declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Atriga, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Informe da mesa local de comercio sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto da solicitude da subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, a solicitude do dito informe, sempre que esta solicitude se efectúe cunha antelación mínima de 1 mes á data de finalización do prazo de xustificación.

4. As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto da entidade beneficiaria, agás por causa debidamente xustificada non imputable á entidade solicitante.

5. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presente a documentación solicitada, aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 24. Pagamento

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

O libramento da subvención aboarase nun único pagamento mediante transferencia bancaria ao número de conta designado pola entidade beneficiaria.

As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas, observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 26. Control

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

Ademais do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, a entidade beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando o importe das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexa de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file