Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 48935

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de setembro de 2022 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), convocadas pola Orde do 15 de decembro de 2021.

A Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2022 (DOG núm. 248, do 28 de decembro), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

O artigo 4.3 da Orde do 15 de decembro de 2021 autoriza esta ampliación cando di que o importe fixado na convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, se poderá ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou, en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás a indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 15 de decembro de 2021 (DOG núm. 248, do 28 de decembro) para o exercicio orzamentario de 2022, na cantidade de 1.183.984,75 €, con cargo á aplicación 15.02.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, polo que o crédito orzamentario total desta convocatoria ascende a 20.183.984,75 €.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar