Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 23 de setembro de 2022 Páx. 49509

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2022 pola que se publica o acordo pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, sobre medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria.

Con data do 29 de xuño de 2022, na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT pactaron, con efectos do 1 de xullo de 2022, o acordo sobre diversas medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Con base na normativa citada, e logo da aprobación do dito acordo polo Consello da Xunta na súa reunión do día oito de setembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Publicar, para xeral coñecemento e efectividade, o acordo sobre medidas retributivas e de mellora no seo do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria, pactadas na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Medidas retributivas e de mellora no ámbito de atención primaria

No momento actual estase a negociar un Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria. As bases da negociación do plan derivan dos documentos de planificación Plan galego de atención primaria e Por unha primaria vertebradora do sistema. Estes documentos prevén unha serie de actuacións para unha óptima utilización dos recursos humanos ante a escaseza contrastada de médicos/as de familia, mediante a adopción de diversas medidas tendentes a lograr a estabilidade do emprego, a identificación dos postos de difícil cobertura, o reforzo da formación sanitaria especializada e a mellora das condicións laborais, dentro da dispoñibilidade orzamentaria.

Concretamente, o Plan galego de atención primaria 2019-2021, aprobado pola Xunta de Galicia recolle na súa liña estratéxica 4, relativa á demanda, un novo modelo de cobertura das ausencias, cun compromiso de revisión das condicións da prestación económica da prolongación de xornada co obxecto de incentivar a súa realización.

Os datos de análise manexados na negociación constatan a necesidade de adoptar unha serie de medidas de mellora das condicións de traballo, con impacto económico, como acordo retributivo dentro do marco de negociación do Plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria, e outras medidas relacionadas.

Tras a negociación en mesa sectorial os días 14 e 29 de xuño, co apoio das organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF e SATSE, propóñense as medidas seguintes:

1. Incremento do prezo da intersubstitución.

A intersubstitución abóase actualmente ás seguintes categorías: médico/a de familia, pediatra de atención primaria, odontólogo/a, fisioterapeuta e enfermeiro/a.

Descrición da mellora: modificar a fórmula de cálculo existente. Actualmente, os profesionais repártense o 70% das retribucións fixas do ausente que substitúen. A mellora tradúcese en aplicar un 100 %.

2. Matronas.

Engadir a intersubstitución na categoría de matrón/a. Repartición do 100 % das retribucións fixas do profesional ausente que substitúen.

3. Acumulación da cota de praza vacante de médico/a de familia.

Cando, por indispoñibilidade de persoal médico de familia, non sexa posible a cobertura dunha praza vacante cun nomeamento interino, poderanse distribuír as cartillas asignadas a esa praza entre o persoal que acepte un incremento de cota.

Para a atención dese incremento, máximo de 300 cartillas, establécese unha prestación adicional de xornada de 4 horas e media á semana e unha retribución anual de 12.000 euros/ano ou parte proporcional.

4. Incremento do prezo da prolongación de xornada.

As prolongacións de xornada por riba do horario ordinario realízanas médicos/as de familia, pediatras de atención primaria e enfermeiros/as.

Descrición das melloras: consisten nun incremento dun 10 % do prezo/hora e na redución do tempo da axenda de 4 horas e media a 4 horas.

Polo tanto, aplicando esta porcentaxe, os/as médicos/as de familia e pediatras de atención primaria, que na actualidade perciben 187,78 € (46,95 €/hora), pasarían a percibir 206,56 € (51,64 €/hora) para unha axenda de 4 horas.

No caso da enfermaría, que na actualidade percibe 122,91 € (30,73 €/hora), pasaría a percibir 135,80 € (33,80 €/hora) para unha axenda de 4 horas.

5. Incremento de retribucións nos postos de difícil cobertura.

Os postos de atención primaria, en función das súas condicións de prestación, teñen asignadas unhas retribucións no concepto de produtividade derivadas de distintos factores non capitativos, entre eles o factor F, que retribúe a prestación de servizos en lugares illados en atención á distancia respecto das cidades ou núcleos de poboación importantes e dos centros hospitalarios correspondentes, e o factor G, relativo á soidade do profesional por inexistencia doutro profesional; considéranse asociados a postos de difícil cobertura.

Descrición da mellora: consiste en establecer un incremento dun 50 % nas contías vixentes:

– O factor F, que actualmente para médicos/as e pediatras é de 163,77 € mensuais, increméntase nun 50 % e pasaría a 245,66 €, e a enfermaría, que actualmente percibe 81,88 €, pasaría a 122,81 € mensuais.

– O factor G, que ten unha contía para médicos/as de 245,66 €, pasaría a 368,48 €, e a enfermaría pasaría de 122,83 € a 184,24 €.

Estes incrementos suporían, no caso de médico/as de familia, un incremento anual de 2.866 €, en pediatras de 1.146 € e en enfermaría de 1.432 €.

Por outra parte, suprimiríase o requisito de residir na localidade.

6. Incremento de centros coa consideración de difícil cobertura.

Descrición da medida:

Engádese como criterio para percibir o factor F a consideración de postos de difícil cobertura.

Xa que logo, aos actuais concellos que dan lugar á percepción do dito complemento engádense novos centros de atención primaria/localidades, que constan en anexo, coa condición de difícil cobertura por dificultades na formalización de sucesivos nomeamentos temporais.

Os servizos prestados nestes centros terán unha valoración adicional nos baremos dos procesos selectivos, concursos de traslados e carreira profesional, nos mesmos termos que se aplican actualmente aos servizos prestados en centros illados.

Con independencia destas medidas, no último trimestre de 2022 negociaranse na Mesa sectorial os criterios para a determinación da percepción do factor F e, de ser o caso, a ampliación de centros que cumpran criterios.

7. Incremento do valor da hora de xornada complementaria en PAC a partir de 160 horas/mes.

Esta medida será de aplicación aos/as médicos/as e enfermeiros/as dos PAC.

Descrición da medida: incremento do valor, hora de xornada complementaria en PAC a partir da prestación de 160 horas/mes a 190 horas/mes de xornada ordinaria e complementaria.

A xornada de 160 horas a 190 horas: 29,08 €/hora persoal médico de familia e 19,04 €/hora persoal de enfermaría.

8. Incremento do valor/hora do persoal médico de familia de atención ordinaria que realice gardas en PAC a partir de 550 horas anuais.

O persoal que realiza xornada ordinaria en centros de saúde e, ademais, realiza atención continuada nos PAC percibe 24,94 €/hora.

Descrición da medida: a partir das 550 horas anuais de xornada complementaria en PAC verán incrementado o valor/hora, que actualmente é de 24,94 €/hora, e que pasaría a 29,08 €/hora.

9. Manual de cobertura de ausencias.

Regularase mediante un manual ou protocolo asistencial a cobertura de ausencias en atención primaria, onde constarán as causas que dan lugar á intersubstitución por ausencias de titular, actualizando as causas vixentes, así como tamén o sistema que dá lugar á activación da intersubstitución e da xornada complementaria para tratamento homoxéneo en todas as áreas de ambos os conceptos.

Ademais, regularase a prolongación de xornada ordinaria, con axendas reguladas, horarios e indicadores de seguimento da actividade.

As regulacións negociaranse na Mesa sectorial antes do 30 de setembro de 2022 no marco do Plan de ordenación.

10. Persoal de xestión e servizos.

Sen prexuízo da análise e das medidas que se negocien no Plan de ordenación, na dotación e cobertura das ausencias do persoal de xestión e servizos tomaranse en consideración as novas funcións, xestión da demanda e programas asistenciais que está a asumir no seu centro este colectivo.

ANEXO

Novos concellos con postos de difícil cobertura

A.S. A Coruña

Fisterra

Dumbría

Muxía

A.S. Vigo

S.A.P. A Guarda

S.A.P. Tui

U.A.P. O Rosal

U.A.P. Santa María de Oia

C. Tabagón

A.S. Santiago de Compostela

Carnota

Rodeiro

Agolada

Dozón

A.S. Ourense

Oímbra

Laza

Castrelo do Val

Vilardevós

Monterrei

Cualedro

Riós

Verín

O Barco de Valdeorras

Carballeda de Valdeorras

Larouco

Petín

A Rúa

Rubiá

Vilamarín

A.S. Pontevedra

O Grove