Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2022 Páx. 51302

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 649083.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo III desta orde.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito Decreto 200/2005.

No caso das axudas de asistencia técnica sinaladas no artigo 40.1.a), b) e c) para seren beneficiarios, os CEE deberán estar cualificados como centros de iniciativa social ou sen ánimo de lucro no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Terceiro. Tipos de axuda

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

1.1. Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

Finánciase a creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego ou a transformación en indefinidos dos contratos temporais.

Establécese unha contía base de 10.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. O importe anterior poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou estar en situación de risco ou exclusión social, ser maior de 45 anos, ser persoa emigrante retornada, se persoa trans ou ter o centro de traballo nun concello rural.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 25.000 euros. Cada un dos centros de traballo CEE poderá solicitar axuda por un máximo de sete (7) postos de traballo.

1.2. Axuda para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

Fináncianse a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE.

A contía máxima será de 2.000 euros por cada posto adaptado.

1.3. Axuda para a asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de catro (4) modalidades:

a) Axuda para a contratación de persoal de dirección (máximo dúas (2) convocatorias).

b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en estudos de viabilidade, organización, comercialización, labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, auditorías e informes económicos ou auditorías económicas e sociais.

d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.

A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e entre 1.000 e 4.000 euros para a letra d), segundo o número de traballadores do centro.

2. O gasto realizado polos CEE de iniciativa social (excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) é subvencionable ata o 100 %. O gasto realizado polos demais CEE será subvencionable ata o 80 %.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2022-2023 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

Quinto. Financiamento

Para a concesión destas axudas destínase un millón cen mil euros (1.100.000 euros), desagregados por anualidades.

Ano 2022: douscentos mil euros (200.000 euros).

Ano 2023: novecentos mil euros (900.000 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado como se indica no artigo 8.5 da orde.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2022 ata o 30 de xuño de 2023:

– Anualidade 2022: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2022 ao 30 de setembro de 2022. A xustificación desta axuda deberá realizarse, como máximo, o 30 de novembro de 2022.

– Anualidade 2023: accións subvencionables desde o 1 de outubro de 2022 ao 30 de xuño de 2023. Neste caso, a xustificación da axuda deberá realizarse, como máximo, o 30 de setembro de 2023.

Na axuda de asistencia técnica para o informe de auditoría necesario para a presentación da conta xustificativa dos programas I e III establecida no artigo 40.1.d), o prazo máximo de execución rematará o 20 de setembro de 2023 e deberá xustificarse unha soa vez como data máxima o 30 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade