Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2022 Páx. 51627

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2022 pola que se modifica a Resolución do 29 de decembro de 2021 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 (código de procedemento MR701E).

O 29 de decembro de 2021, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobou a resolución para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 (DOG núm. 16, do 25 de xaneiro de 2022).

Unha vez resolto o procedemento de concesión das axudas, os concellos beneficiarios deben licitar as obras necesarias para executar os investimentos subvencionados, de acordo cos procedementos de contratación que resultan da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014. Por outra banda, a escaseza de subministración dos materiais está a demorar, con carácter xeral, o ritmo de execución das obras.

Así pois, resolto o procedemento de concesión das axudas e atendidas as circunstancias expostas, cómpre prever prazos máis amplos dos inicialmente previstos para executar e xustificar os investimentos subvencionados correspondentes á anualidade 2022.

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 13 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo único. Modificación da Resolución do 29 de decembro de 2021 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023, nos seguintes termos

O primeiro parágrafo do punto 1 do artigo 14 do anexo I queda redactado da seguinte maneira:

«1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 16 de decembro de 2022».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural