Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2022 Páx. 53148

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO da aprobación das bases singulares para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións non tributarias do Concello da Coruña e aceptación da delegación.

O Pleno da Corporación da Deputación Provincial da Coruña, na sesión ordinaria do 29 de abril de 2022, adoptou o seguinte acordo:

Aprobación das bases singulares para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións municipais derivadas de infraccións de tráfico e restantes sancións non tributarias do Concello da Coruña e a aceptación da delegación acordada polo Concello.

1. Aprobar as seguintes bases que regulan singularmente a delegación que o Concello da Coruña realiza na deputación das facultades en materia de recadación executiva das sancións municipais de tráfico e restantes sancións non tributarias, todas elas instruídas polos órganos competentes do Concello da Coruña e que correspondan a infractores domiciliados noutro termo municipal:

Bases singulares para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións municipais derivadas de infraccións de tráfico e restantes sancións non tributarias á Deputación Provincial da Coruña.

Primeira. Obxecto da delegación

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa do Concello da Coruña, as competencias en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, ordenanzas municipais e demais normativa vixente de aplicación, así como das restantes sancións non tributarias, que se teñan instruído polos órganos competentes do concello e que correspondan a infractores que estean domiciliados noutro termo municipal.

Segunda. Alcance do exercicio das competencias delegadas

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias da recadación executiva das sancións municipais de tráfico e restantes sancións non tributarias especificadas na base primeira.

A actuación da Deputación comezará coa notificación das providencias de constrinximento ditadas previamente pola Tesouraría do Concello da Coruña e remitidas por esta ao Servizo de Recadación da deputación. Para estes efectos deberá remitirse á deputación a documentación e o ficheiro informático que acorden as dúas administracións e que conteña a información necesaria para que poida levar a efecto a xestión obxecto da delegación.

A Deputación Provincial da Coruña levará a cabo o desenvolvemento do procedemento de constrinximento en todas as súas fases, de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e no Regulamento xeral de recadación, sen prexuízo das especialidades que afecten a normativa específica de tráfico e seguridade viaria e a restante normativa de aplicación.

En particular, será competencia da Deputación:

• A tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e/ou fraccionamentos de pagamento.

• A declaración de insolvencia e créditos incobrables.

• A suspensión, nos supostos previstos na normativa de aplicación, do procedemento de constrinximento.

• O desenvolvemento e a execución do expediente de constrinximento desde o seu inicio á súa terminación por cobramento, insolvencia ou outros motivos establecidos.

• A práctica de embargos.

Corresponderá á Tesouraría Xeral do Concello da Coruña:

• Ditar e emitir a providencia de constrinximento.

• Resolver os recursos que se presenten contra a providencia de constrinximento.

Terceira. Información da xestión da Deputación ao Concello

O Concello da Coruña terá acceso, en tempo real, a través dos usuarios que determine, tanto ao seguimento e control da xestión global realizada por delegación súa como aos seus expedientes individuais. Disporá para estes efectos de todas as posibilidades de consulta que permita a aplicación de xestión da deputación, dentro do marco establecido pola lexislación xeral sobre protección de datos e a normativa específica que para o seu cumprimento teña aprobada a propia Deputación.

Adicionalmente e con carácter anual, dentro do mes natural seguinte á finalización de cada exercicio, a Deputación renderá estado demostrativo da xestión realizada no ano, con indicación dos cargos recibidos, do pendente de cobramento do ano anterior, das rectificacións de cargo, dos cobramentos e das baixas, devolucións de ingreso e pendente de cobramento ao ano seguinte.

Cuarta. Taxa por prestación dos servizos delegados

A taxa que aboará o Concello da Coruña pola xestión realizada obxecto de delegación nestas bases será o equivalente á totalidade da recarga do período executivo que corresponda relativo ás sancións que sexan efectivamente recadadas.

Quinta. Liquidación ao Concello dos ingresos recadados

A recadación líquida obtida a favor do Concello da Coruña liquidarase por trimestres. A de cada trimestre será entregada dentro do trimestre inmediatamente seguinte. Na devandita liquidación descontarase a taxa pola prestación do servizo que corresponda, de acordo co previsto na base anterior.

Sexta. Vixencia da delegación

O prazo de vixencia da delegación de competencias regulada nestas bases será de dez anos contados a partir da entrada en vigor desta.

Non obstante, a devandita delegación poderá rematar en calquera momento, por mutuo acordo das partes.

Sétima. Acordos de delegación e aceptación

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación das competencias e funcións que se detallan nas presentes bases será o seguinte:

1. Acordo de delegación de competencias e aprobación destas bases adoptado polo Pleno do concello.

2. Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e traslado deste á Deputación, mediante certificación expedida polo secretario xeral do Concello da Coruña.

3. Acordo adoptado polo Pleno da deputación, polo que se aproban as bases e acepta a delegación nos termos destas.

4. Publicación do acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Oitava. Entrada en vigor

A entrada en vigor da delegación producirase con efectos desde o primeiro día do mes seguinte á última publicación das previstas na base anterior. Poderá afectar a xestión executiva daquelas sancións anteriores á data de entrada en vigor que, estando en vía executiva, se entreguen á deputación nun prazo para a prescrición inferior a seis meses.

Novena. Normativa de desenvolvemento

Habilítase a Presidencia da deputación para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento adecuado das presentes bases e para unha mellor execución das competencias obxecto da delegación.

2. Aceptar a delegación acordada polo Concello da Coruña, nas condicións establecidas no acordo e nas bases para a delegación, das facultades en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións da Lei de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria; da Ordenanza municipal de tráfico e demais normativa vixente de aplicación, así como polas restantes sancións non tributarias, que se teñan instruído polos órganos competentes do Concello da Coruña, que correspondan a infractores domiciliados noutro termo municipal e que se precisan a seguir:

Relación de sancións que se inclúen na delegación de competencias en materia de recadación executiva das sancións municipais derivadas de infraccións de tráfico e das restantes sancións non tributarias, no Concello da Coruña.

Policía local.

• Sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.

• Imposición de sancións por incumprimento de ordenanzas municipais e outras disposicións de carácter xeral (regulación da convivencia e lecer, sanitarias, horarios de apertura e peche de establecementos, etc.).

Disciplina urbanística.

• Imposición de multas coercitivas en procedementos de reposición da legalidade urbanística alterada.

• Imposición de sancións en procedementos de reposición da legalidade urbanística alterada.

• Aprobación de liquidacións de execucións subsidiarias, como consecuencia do incumprimento de ordes de execución de obras.

• Imposición de sancións por infracción da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Rehabilitación e vivenda.

• Imposición de multas coercitivas para o cumprimento de ordes de execución, consistentes na realización de obras de mantemento e conservación.

• Aprobación de liquidacións de execucións subsidiarias, como consecuencia do incumprimento de ordes de execución de obras ou medidas de seguridade.

Ambiente.

• Imposición de multas coercitivas para o cumprimento de ordes de execución, derivadas da infracción de normas ambientais.

• Aprobación de liquidacións de execucións subsidiarias en expedientes de infracción en materia de xestión de residuos e limpeza viaria.

• Imposición de sancións por infraccións á ordenanza de protección contra a contaminación acústica.

• Imposición de sancións por infraccións en materia de xestión de residuos e limpeza viaria.

• Imposición de sancións por infraccións en materia de tenencia de animais.

• Procedementos de reclamación por danos a bens de titularidade municipal.

3. Publicar este acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

4. A aplicación efectiva da base cuarta quedará condicionada á modificación da Ordenanza fiscal número 5 desta deputación, relativa á taxa pola prestación dos servizos tributarios.

O que se publica para xeral coñecemento e para os efectos da súa entrada en vigor.

A Coruña, 5 de setembro de 2022

O presidente da Deputación Provincial da Coruña

P.D. (Resolución 29.7.2019)

Antonio Leira Piñeiro

Delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior

Amparo Taboada Gil

Secretaria xeral da Deputación Provincial da Coruña