Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2022 Páx. 53457

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 23 de setembro de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento BS420E).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

A Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, establece, no seu artigo 49.1, que a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil 0-3, avanzará na súa universalización e gratuidade e promoverá unha dotación suficiente de prazas e os recursos para facer efectivas as posibilidades de acceso, permanencia e promoción de toda a poboación infantil a esta etapa educativa, preferentemente en centros públicos.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), área que ten como obxectivo propiciar un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo e en que se prevé, entre outras medidas, a posta a disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos.

O artigo 14 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño , polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a promoción e adopción das medidas que aseguren a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral como medio para garantir un ambiente favorable para a creación e o libre desenvolvemento das familias.

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e sean presentados formalmente polos Estados, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se deben seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación.

As medidas que recolle o dito plan cumpren cos 6 piares establecidos polo antedito Regulamento da UE nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun Estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas destinatarias, reforce os ditos servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Dentro dos obxectivos que recolle o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, unha das liñas de acción é o impulso da escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, recollida, entre outras, na súa compoñente 21: «modernización e dixitalización do sistema educativo, incluída a educación temperá de 0-3 anos». Esta compoñente, inclúe, entre outros, a creación de infraestruturas e equipamentos para novas unidades (aulas) partindo de edificios de centros educativos que necesitan reformas ou rehabilitación, así como obras para a adecuación do espazo ás necesidades educativas do alumnado neste ciclo, ou construción de aulas en centros de titularidade local e estatal, debendo priorizar o acceso do alumnado en zonas con maior incidencia en risco de pobreza ou exclusión social e a extensión a áreas rurais.

En virtude do Acordo do 25 de novembro de 2021, da Conferencia Sectorial de Educación, publicado no BOE núm. 312, do 29 de decembro de 2021, apróbase a distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados polas comunidades autónomas destinados ao programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos.

De conformidade co exposto, esta convocatoria ten o obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, para a creación de prazas de educación infantil 0-3.

A creación de prazas do primeiro ciclo de educación infantil constitúe a peza esencial dos servizos no policy mix de igualdade de mulleres e homes para o acceso e, en particular, para o mantemento das mulleres no mercado laboral, como se recoñeceu reiteradamente desde o Consello Europeo de Barcelona de 2002, o Pacto Europeo pola Igualdade de Xénero e a Comunicación da Comisión sobre conciliación da vida familiar e a vida profesional (2017). Ademais, o emprego feminino contribúe directamente a mellorar a situación socioeconómica dos fogares e ao crecemento económico.

A creación de novas prazas públicas permite acadar o obxectivo xeral de impulso da escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.

Para financiar esta convocatoria de axudas, a Consellería de Política Social e Xuventude dispón nos seus orzamentos de 10.495.992,00 euros procedentes do programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos, promovido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, actuacións financiables co Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo referido Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

De acordo co disposto no artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241 e no artigo 12.3.m) do Real decreto 1124/2021, a Consellería de Política Social e Xuventude comprobará que os perceptores de fondos fagan mención da orixe deste financiamento e velará por darlle visibilidade, incluído, cando proceda, mediante o emblema da Unión Europea e unha declaración de financiamento adecuada que indique «financiado por la Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Así o exposto, neste marco resultan de aplicación o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como o Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19 e o dito Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021. Así mesmo, resulta de aplicación a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; a Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento dos fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; e o Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014, e a Decisión nº 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

En virtude de todo o anterior, na miña condición de conselleira de Política Social e Xuventude consonte o Decreto 112/2020, do 6 de setembro, que actúa no exercicio do seu cargo e en función das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e de conformidade co Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, así como no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública do Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, mediante a creación dun total de 3.417 prazas do primeiro ciclo de educación infantil 0-3 por parte da Administración estatal, das entidades locais e de organismos dependentes das entidades locais do 1 de xaneiro de 2021 ao 15 de setembro de 2024 (código de procedemento BS420E).

Artigo 2. Financiamento

1. A concesión das subvencións previstas nesta convocatoria, con cargo aos orzamentos da Consellería de Política Social e Xuventude e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa, financiaranse con fondos europeos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 21 de modernización e dixitalización do sistema educativo, incluída a educación temperá de 0 a 3 anos.

O importe total asignado a esta convocatoria ascende a trinta e catro millóns oitocentos corenta e cinco mil corenta e dous euros (34.845.042,00 €) coa seguinte distribución orzamentaria por anualidades:

Aplicación

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

13.02.312B.400.0

345.389,22

1.025.880,60

0

1.371.269,82

13.02.312B.460.0

2.760.091,56

8.207.044,80

0

10.967.136,36

13.02.312B.461.0

345.389,22

1.025.880,60

0

1.371.269,82

13.02.312B.700.0

705.129,90

705.129,90

705.129,90

2.115.389,70

13.02.312B.760.0

5.634.862,20

5.634.862,20

5.634.862,20

16.904.586,60

13.02.312B.761.0

705.129,90

705.129,90

705.129,90

2.115.389,70

10.495.992,00

17.303.928

7.045.122,00

34.845.042,00

2. Unha vez consolidada a escolarización producida por este programa durante a súa duración, as entidades beneficiarias destas axudas asumirán cos seus orzamentos ordinarios, desde a anualidade 2024, o mantemento das prazas creadas.

Artigo 3. Entidades beneficiarias da subvención

1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención a Administración xeral do Estado, as entidades locais e os organismos dependentes das entidades locais, debidamente recoñecidas e inscritas no RUEPSS, para o impulso da escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenos e nenas de 1 e 2 anos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A contía máxima da axuda por praza queda establecida de acordo coa seguinte táboa:

2022 (1.1.2021-31.12.2022)

2023 (1.1.2023-31.12.2023)

2024 (1.1.2024-15.9.2024)

Creación

Mantemento

Creación

Mantemento

Creación

Mantemento

6.185,35

3.029,73

6.185,35

4.503,42

6.185,35

0

2. A contía de mantemento aboarase proporcionalmente desde a data en que a escola infantil 0-3 obteña o permiso de inicio de actividades ou desde a súa correspondente modificación.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. As axudas convocadas a través desta orde comprenden as seguintes actuacións:

a) Reforma/rehabilitación e equipamento para novas unidades (aulas) partindo de edificios de centros educativos que necesitan reformas/rehabilitación e obras para a adecuación do espazo ás necesidades educativas do alumnado neste ciclo educativo ou construción de aulas; construción de novas escolas infantís e equipamento daqueles centros titularidade da Administración local.

Na súa progresiva implantación deberase priorizar o acceso do alumnado en zonas con maior incidencia de risco de pobreza ou exclusión social e a extensión a áreas rurais. A extensión da escolarización nese ciclo ten que atender a compensación dos efectos que as desigualdades de orixe económico, social, territorial e cultural teñen sobre o alumnado.

b) Funcionamento: de forma transitoria e extraordinaria estes investimentos destinaranse a pagar a remuneración dos empregados necesarios para o arranque do investimento e os gastos de funcionamento das novas prazas de titularidade das entidades beneficiarias.

2. Dado o carácter incentivador do programa, só se admitiran os proxectos que supoñan un aumento efectivo do número de prazas.

3. Así mesmo, as actuacións que se van subvencionar deberán axustarse ás seguintes condicións:

a) Na rehabilitación de edificios terase en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) 2018/844 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, pola que se modifica a Directiva 2010/31/UE relativa á eficiencia enerxética dos edificios e a Directiva 2012/27/UE relativa á eficiencia enerxética para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión.

Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención da tensión hídrica, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

c) A medida apoiará o obxectivo europeo de conseguir que polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición xerados nos proxectos de infraestrutura (con exclusión dos residuos con código LER 17 05 04) sexan destinados á reutilización, á reciclaxe e á revalorización doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais.

Na realización da súa construción respectarase o principio de xerarquía dos residuos, dando prioridade á prevención, preparación para a reutilización, reciclaxe, valorización enerxética e, por último, eliminación, sempre que sexa posible desde o punto de vista ambiental levando a cabo as medidas propostas no Protocolo de xestión de residuos da UE, co obxecto de limitar a xeración de residuos durante a construción.

Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en concreto, adaptaranse á norma ISO 20887:2020 sustentabilidade en edificios e obras de enxeñaría civil, deseño para desmontaxe, adaptabilidade, principios, requisitos e orientación.

d) Os compoñentes e materiais utilizados na construción das obras que se van subvencionar deberán estar suxeitas ao cumprimento do Regulamento (CE) 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, relativo ao rexistro, a avaliación, a autorización e a restrición das substancias e preparados químicos (REACH), polo que se crea a Axencia Europea de Substancias e Preparados Químicos, se modifica a Directiva 1999/45/CE e se derrogan o Regulamento (CEE) nº 793/93 do Consello e o Regulamento (CE) nº 1488/94 da Comisión, así como a Directiva 76/769/CEE do Consello e as directivas 91/155/CEE, 93/67/CEE, 93/105/CE e 2000/21/CE da Comisión.

Artigo 6. Normativa, acordos e actos de aplicación

Serán de aplicación a esta convocatoria a seguinte normativa, actos, guías e acordos:

1. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

2. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

5. O Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

6. O Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020 relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, posto que todas as actuacións que se executen dentro do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) deben cumprir o principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do citado regulamento, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

7. Os actos delegados do Regulamento de taxonomía «Supplementing Regulation (EU) 2020/852 of the European Parliament and of the Council by establishing the technical screening criteria for determining the conditions under which an economic activity qualifies as contributing substantially to climate change mitigation or climate change adaptation and for determining whether that economic activity causes non significant harm to any of the other environmental objectives» («actos delegados de taxonomía»).

8. A «Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/ C 58/01)» («Guía técnica da Comisión Europea»).

9. O Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

10. O Acordo do 25 de novembro de 2021, da Conferencia Sectorial de Educación, polo que se aproba a proposta de distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos xestionados polas comunidades autónomas destinados ao Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenos e nenas de 1 e 2 anos.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da entidade solicitante.

b) Proxecto ou memoria técnica, no caso de que non se requira proxecto, onde se describan adecuadamente as actuacións que se van realizar e a situación de partida, subscrita polo persoal técnico competente, de ser o caso.

c) Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

d) Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

e) Estudo que reflicta o número de nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nacidos/as e en proceso de adopción.

f) Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

g) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020 (principio do not significant harm-DNSH) (anexo IV).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán requiridos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Recoñecemento e inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se dará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. A instrución do procedemento corresponde á subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación da Consellería de Política Social e Xuventude.

3. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderáselle requirir á entidade local solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

6. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de dous meses contados a partir do día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias, ademais das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante a Consellería de Política Social e Xuventude que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta do dito pagamento, da operación.

e) Expedir un certificado de creación de novas prazas de titularidade pública creadas, con identificación do centro educativo.

f) Expedir un certificado de finalización da obra, reforma ou rehabilitación, así como equipamento de novas prazas.

g) Asumir os gastos de funcionamento das novas prazas creadas, unha vez finalizado o Programa no ano 2024.

h) Comunicarlle á Consellería de Política Social e Xuventude, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

i) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e, en xeral, calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de imaxe do programa que estará dispoñible na web da Consellería de Política Social e Xuventude, deberá mencionarse o Ministerio de Educación e Formación Profesional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e tamén deberán constar o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia e da Consellería de Política Social e Xuventude, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) En relación coa publicidade do financiamento, a entidade beneficiaria deberá durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público. A Consellería de Política Social e Xuventude facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

k) Conservar os documentos orixinais, xustificativos da actuación realizada e a aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto de comprobación e control.

l) Respectar as normas que se puidesen establecer a nivel nacional e europeo en relación coa xestión dos fondos asociados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, en particular, as que estableza a Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda, así como os actos delegados da Comisión Europea que poidan desenvolverse para tal fin.

m) Dispoñer dos procedementos de xestión e control que garantan o bo uso e aplicación das axudas.

n) Cumprir cantas instrucións reciba das autoridades nacionais e europeas de xestión ou de certificación destes fondos asociados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, conforme o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR. En particular, cumprir co establecido no Acordo de implementación do Consello (CID pola súa sigla en inglés), de contribuír aos obxectivos de cambio climático, ao establecido en relación co principio de non causar dano significativo (principio de DNSH), evitar conflitos de intereses, fraude, corrupción, non concorrencia de dobre financiamento, entre outros.

o) Igualmente, deberá garantirse o pleno respecto á normativa reguladora das axudas de Estado e terase que cumprir a normativa europea e nacional aplicable, en especial, as medidas relativas a evitar fraude, corrupción, conflito de intereses ou dobre financiamento.

p) As entidades beneficiarias garantirán o respecto ao principio de DNSH, conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular, a Comunicación da Comisión Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como co requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España.

q) Introducir na aplicación informática correspondente os informes xustificativos mensuais e trimestrais sobre o grao de execución do gasto e o avance no cumprimento dos fitos e obxectivos.

r) Presentar ao final da execución da medida unha conta xustificativa sobre a utilización dos fondos recibidos para a ela, en que se inclúan:

1º. Grao de cumprimento de fitos e obxectivos respecto dos fixados inicialmente ou, se é o caso, revisados.

2º. Custo real da medida respecto do custo estimado inicialmente ou revisado.

3º. Descrición da medida e a maneira de implementación, mecanismos de control aplicados na súa execución.

s) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 16. Prazos de execución

1. O prazo de execución das actividades que se van subvencionar descritas no artigo 5 dentro do Programa de impulso da escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos, correspondente ao orzamento do ano 2022 será desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro do ano 2022.

2. O prazo de execución das referidas actividades que se van subvencionar do Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos, correspondente ao orzamento do ano 2023, está previsto que sexa desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de decembro do ano 2023.

3. O prazo de execución das referidas actividades que se van subvencionar do Programa de impulso de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con novas prazas de titularidade pública, prioritariamente para nenas e nenos de 1 e 2 anos, correspondente ao orzamento do ano 2024, está previsto que sexa desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 15 de setembro do ano 2024.

Artigo 17. Xustificación das actuacións

1. Con base no establecido no título III, artigo 48, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias para a obtención do pagamento da subvención deberán presentar xunto co anexo II a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e de pagamento.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada de conformidade co disposto na norma de aplicación.

e) Declaración responsable sobre o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 14 segundo o modelo do anexo III.

2. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na normativa de contratación do sector público vixente no momento de realización do gasto, a entidade beneficiaria deberá presentar o expediente de contratación.

3. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados, onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data.

4. A data límite de xustificación será o día 5 de decembro de cada ano para os gastos efectuados nas anualidades de 2022 e 2023, e o 31 de outubro para a anualidade do 2024.

5. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Artigo 18. Pagamento das axudas

1. De acordo co previsto no artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderanse facer pagamentos á conta a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados sempre non se supere o 80 % da subvención concedida nin se exceda o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria para cada anualidade.

Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

2. Unha vez xustificada a totalidade da subvención, antes de proceder ao seu pagamento, verificarase a realización da actividade subvencionada, da cal quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola persoa representante da Administración como pola entidade beneficiaria, segundo o sinalado no artigo 30.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera das seguintes situacións:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista no artigo 14.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 14, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 14, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Incompatibilidades das subvencións

1. O financiamento achegado por estas axudas non é compatible co cofinanciamento por outros fondos estruturais da Unión Europea, facendo constar a imposibilidade do dobre financiamento da Unión Europea, e de conformidade co establecido no artigo 7 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 14 desta convocatoria.

Artigo 22. Publicidade

1. A Consellería de Política Social e Xuventude publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (https://www.xunta.gal/politica-social) e no Diario Oficial de Galicia en que expresarán a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 23. Control e loita contra a fraude

1. As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Consellería de Política Social e Xuventude para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/ planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

3. No control e loita contra a fraude a Consellería de Política Social e Xuventude actuará de conformidade co establecido no seu plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude.

Artigo 24. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS420E, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no teléfono 012, ou nos enderezos electrónicos 012@xunta.gal ou demografiaeconciliacion@xunta.gal

Artigo 25. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Política Social e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar os actos e instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.S. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro; DOG nº 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file