Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2022 Páx. 53735

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 26 de setembro de 2022 pola que se regula a oferta de estadías en establecementos balnearios dentro do programa Benestar en balnearios para o ano 2022 e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 1 que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

A Consellería de Política Social e Xuventude, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, desenvolve, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, entre outras, as competencias relativas ao impulso, planificación, control e avaliación das actuacións da Consellería en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, e ten, entre as funcións encomendadas, o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal está a clave para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, e tendo como precedente a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, estableceuse un marco de actuacións destinadas á consecución dunha vida activa, saudable, independente e segura que, na súa primeira liña, denominada Aprendendo a envellecer, considera a persoa como responsable do seu propio proceso de envellecemento saudable. Para iso, as actuacións destínanse ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde e á promoción da autonomía persoal, á promoción de hábitos de vida saudable desde a etapa adulta a través da xestión do autocoidado e ao impulso das terapias non farmacolóxicas para promover a dita autonomía persoal e o favorecemento de relacións sociais.

Neste sentido, cómpre tamén sinalar que o aumento da esperanza de vida lles outorga ás persoas maiores un peso cada vez máis importante na nosa sociedade, as cales demandan a súa participación plena e activa nos seus distintos ámbitos e manifestan o seu desexo de gozar do seu tempo de lecer en establecementos que lles permitan acadar unha mellora na súa calidade de vida. Estas persoas viñan manifestando o seu desexo de pasar un período de vacacións nun establecemento termal, onde o tratamento e os servizos ofertados, xunto co descanso e as relacións sociais que se establecen, lles proporcionan unha melloría na súa saúde e benestar e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

Por iso, continuando co establecido na primeira liña da referida estratexia, desenvólvese o programa de termalismo Benestar en balnearios, en canto que os balnearios son espazos propicios para obter unha maior calidade de vida e os tratamentos que neles se prestan contribúen a facer realidade a concepción de saúde que ten a Organización Mundial da Saúde como un estado de completo benestar físico, mental e social. Os tratamentos de prevención e rehabilitación que se realizan mediante o uso terapéutico das augas minero-medicinais, son unha práctica moi antiga á cal se foron incorporando técnicas complementarias de diferentes ámbitos na busca dunha maior eficacia nos tratamentos e o colectivo das persoas maiores é un dos que máis beneficios pode obter de tales prácticas, dado que, a medida que avanza a idade, tenden a aparecer determinadas patoloxías que poden mellorar notablemente despois de recibir un tratamento termal.

Polo exposto, cómpre neste ano convocar novamente a concesión de estadías en prazas de establecementos termais dentro do programa de Benestar en balnearios.

En consecuencia, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a conselleira de Política Social e Xuventude, conforme as facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto establecer o procedemento de concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).

2. Para tal efecto, enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios para o ano 2022 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lles permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:

a) Polo seu ou pola súa cónxuxe ou, se for o caso, a parella de feito ou persoa con quen teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).

b) Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).

c) Por unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas

1. Convócanse estadías en 637 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios 2022 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen una duración de dez (10) días, con nove noites cada unha, e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 1 de novembro e o 17 de decembro do ano 2022.

Artigo 4. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada establecemento balneario no anexo IV, que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no establecemento balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do establecemento balneario.

3º. O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento balneario.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse nun cuarto individual, no caso de que haxa dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total dese cuarto. Así mesmo, teranse que facer cargo da referida diferenza no caso de que á solicitude se xunte un informe médico actualizado en que constate algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira un cuarto individual.

As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terán que indicalo no momento de presentaren a solicitude, nos termos do anexo I, e acreditalo ao incorporarse á quenda.

3. As persoas solicitantes que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento balneario, non incluídas no número 1, terano que facer polos seus propios medios e á súa custa.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento balneario, así como o de regreso, será por conta das persoas solicitantes, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o establecemento balneario, se for o caso.

Artigo 5. Prezo das estadías nas prazas

1. O prezo que terán que pagar as persoas beneficiarias, por estadía na praza do establecemento balneario e quenda, é o que figura no anexo IV.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda da estadía, sen que proceda efectuar ningunha dedución se, por calquera causa imputable á persoa beneficiaria do programa, esta non goza da totalidade dos servizos.

2. A Consellería de Política Social e Xuventude contribuirá ao financiamento do prezo total da estadía na praza coa achega dunha porcentaxe do seu custo en cada establecemento balneario entre un mínimo do 36 % e un máximo dun 43 %, dependendo do tipo de establecemento balneario. O resto do importe ata completar o custo da praza será por conta da persoa beneficiaria, segundo o establecido no referido anexo IV.

Artigo 6. Prazo e presentación de solicitudes

1. As solicitudes formularanse no modelo normalizado que se indica no anexo I. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).

3. O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes deberán achegar, xunto co anexo I de solicitude, os anexos II e III, se procede, e a seguinte documentación:

a) Copia do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se for o caso, á persoa que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa coa cal desexe participar.

b) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non foi expedido pola Xunta de Galicia ou non está no poder desta.

d) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

e) Informe médico actualizado da persoa solicitante, fillo/a e acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual ou similar.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 8. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI), ou número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, relativo á persoa solicitante e, se for o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Certificado de empadroamento relativo á persoa solicitante e, se for o caso, da persoa acompañante: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

c) Declaración do imposto da renda das persoas físicas, correspondente ao último período en que se presente a solicitude da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

d) Certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

e) Certificado das pensións outorgadas pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

f) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado é expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Instrución

1. O Servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos que constan na solicitude e se exixen nesta orde, e procederá á súa remisión á Comisión encargada da valoración.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requiriralle á persoa solicitante que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

3. Os servizos con competencias en materia de dependencia e autonomía persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude poderán asumir funcións de apoio á instrución deste procedemento.

Artigo 11. Comisión de Avaliación

1. Constituirase como órgano colexiado unha comisión que, de acordo cos criterios establecidos no anexo V, realizará a avaliación das solicitudes e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada.

2. A Comisión de Avaliación rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude ou persoa que a substitúa, que exercerá a presidencia. Se, por calquera cousa, a persoa titular da Presidencia non pode asistir cando a Comisión de Avaliación se reúna para o exame das solicitudes, será substituída por unha persoa funcionaria designada para estes efectos pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores a Atención Sociosanitaria.

b) A persoa titular do Servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Unha persoa funcionaria do Servizo con competencias en materia de envellecemento activo e prevención da dependencia e innovación sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude designada pola persoa titular da Presidencia.

d) Unha persoa funcionaria designada pola persoa titular da Presidencia, que exercerá a secretaría da Comisión.

Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. A Comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que exerza a secretaría e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Avaliación das sinaladas nas letras b), c) e d) do número 2 non pode asistir cando esta se reúna, será substituída pola persoa ao servizo da Administración pública designada para estes efectos por quen exerza a presidencia.

4. Avaliadas as solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo V, a Comisión de Avaliación emitirá un informe con base no cal o Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, nas súas competencias como órgano instrutor, elevará ao órgano competente para resolver unha proposta de resolución. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para a concesión de estadías das prazas dos establecementos balnearios, ata esgotar o número de estadías das prazas ofertadas. O resto das solicitudes que, reunindo os requisitos e por puntuación, non obteñan estadía en praza, quedarán en lista de espera para seren atendidas de quedaren prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 12. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá o mesmo día en que se realizou a publicación e, de non haber día equivalente, entenderase que expira o último día do mes.

Transcorrido o dito prazo sen que desde a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria se notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións e actos administrativos que afecten as persoas interesadas. Non obstante, e tendo en conta que a publicación destes actos poden lesionar dereitos e intereses lexítimos das persoas solicitantes, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería (http://politicasocial.xunta.gal) unha mera indicación do acto xunto coas listas do artigo 14, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Adicionalmente, poderanse realizar as notificacións das resolucións e actos administrativos preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúan ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas complementarias efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. As notificacións complementarias por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Na resolución de concesión indicaranse o establecemento balneario e a quenda en que se lle outorga a estadía na praza do dito establecemento, o custo e o importe que cómpre pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

Artigo 13. Confirmación das estadías nas prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da estadía na praza do establecemento balneario, para poderen facer uso dela as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación acompañada do xustificante de pagamento da cantidade de 30 euros que, en concepto de reserva de praza, se deba facer efectiva no establecemento balneario asignado.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, quedaría sen efecto a resolución de adxudicación definitiva e entenderase que se renuncia a ela, perderase a condición de persoa beneficiaria e incorporarase a praza á lista de vacantes.

Ningunha persoa solicitante que se beneficiase dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra do mesmo programa, nin en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza para a que non haxa ningunha outra persoa adxudicataria.

Artigo 14. Lista de espera e lista de vacantes

1. As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2, non obtivesen estadía nas prazas dos establecementos ofertadas, quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude http://www.xunta.gal./politica-social, coas limitacións precisas para o debido cumprimento da normativa reguladora de protección de datos. No caso de que se produzan renuncias nas estadías adxudicadas, estas serán ofertadas por orde de puntuación segundo se vaian producindo as renuncias.

2. Publicarase na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude http://www.xunta.gal./politica-social unha lista de estadías nas prazas dos establecementos balnearios vacantes, que lles serán ofertadas por orde de puntuación ás persoas solicitantes que manifestasen no anexo I o seu desexo de participar nesta lista.

Artigo 15. Forma de pagamento das estadías nos establecementos balnearios

As persoas que formalizasen a súa adxudicación definitiva nos termos do artigo 13 aboarán directamente no establecemento balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a estadía e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva recollida no artigo 13.

Artigo 16. Devolución do importe da estadía no establecemento balneario

1. Se, unha vez obtida a estadía na praza do establecemento balneario e aboado o prezo correspondente, a persoa interesada non pode asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:

a) Cando, por causas non imputables á persoa interesada, non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

b) Cando se produza o ingreso hospitalario ou outra causa médica grave que afecte a persoa solicitante e lle impida incorporarse ao establecemento balneario. Esta causa débese acreditar con informes médicos e/ou do hospital en que estea ingresada a persoa solicitante.

c) Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata segundo grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.

2. Se a persoa beneficiaria abandona a estadía unha vez iniciada, sexa cal for o motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 17. Perda da condición de persoa beneficiaria das estadías do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 13, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoa beneficiaria do programa aquelas que non lle aboen ao establecemento balneario, ao comezo da quenda, o resto da cantidade estipulada para a estadía na praza do establecemento que se lle outorgou, logo de tramitación do correspondente procedemento administrativo.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das estadías para as prazas ofertadas por esta orde implicará a cancelación da estadía obtida, no suposto de que non se participase na quenda, ou a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo completo da dita estadía, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozase da quenda.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Todas as persoas beneficiarias se comprometerán a respectar e cumprir as normas de réxime interno do establecemento balneario, así como os protocolos internos que se establezan. O seu incumprimento, logo do trámite de audiencia, poderá dar lugar, se é o caso, á perda da condición de persoa beneficiaria.

2. As persoas beneficiarias deberán deixar os cuartos libres, como prazo máximo, ás doce horas da mañá do último día da estadía.

3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual das persoas beneficiarias autoras ou colectivamente das persoas beneficiarias que teñan asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terase que aboar o seu custo.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións deste procedemento, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde, poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación se for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional primeira. Supervisión e seguimento do programa

A Consellería de Política Social e Xuventude supervisará e controlará a calidade dos servizos prestados no programa de Benestar en balneario desta convocatoria.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para resolver a concesión ou denegación das solicitudes de participación no programa de Benestar en balnearios previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.S. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro;
DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Anexo IV

Establecementos balnearios, indicacións terapéuticas, quendas e prezos

Destinos

Indicacións terapéuticas

Datas e quendas

Prezo
da praza

Balneario de Acuña

(Caldas de Reis)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 15 ao 24 de novembro

349,89 €

Do 24 de novembro ao 3 de decembro

Caldaria Termal, S.L.U. Arnoia (A Arnoia)

Reumatolóxicas

Do 7 ao 16 de novembro

377,89 €

Do 21 ao 30 de novembro

Iberik Augas Santas Balneario (Ferreira de Pantón)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, circulatorias e con efectos relaxantes

Do 7 ao 16 de novembro

377,89 €

Do 21 ao 30 de novembro

Do 5 ao 14 de decembro

Os Baños da Brea

(Vila de Cruces)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 1 ao 10 de novembro

349,89 €

Do 12 ao 21 de novembro

Do 24 de novembro ao 3 de decembro

Balneario de Molgas, S.L.

(Baños de Molgas)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias, reumatolóxicas, renais e sistema nervioso

Do 2 ao 11 de novembro

349,89 €

Do 14 ao 23 de novembro

Do 25 de novembro ao 4 de decembro

Balneario Hotel Dávila

(Caldas de Reis)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas e con efectos relaxantes

Do 7 ao 16 de novembro

349,89 €

Do 9 ao 18 de novembro

Do 21 ao 30 de novembro

Gran Balneario do Carballiño

(O Carballiño)

(Con aloxamento na Residencia

de tempo libre do Carballiño)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 7 ao 16 de novembro

269,17 €

Baños Vellos de Carballo, S.A. (Carballo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 3 ao 12 de novembro

349,89 €

Do 15 ao 24 de novembro

Do 26 de novembro ao 5 de decembro

Do 5 de decembro ao 14 de decembro

Termas de Cuntis, S.L.

(Cuntis)

(Con aloxamento no Hotel Castro do balneario)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 2 ao 11 de novembro

377,89 €

Do 11 ao 20 de novembro

Do 2 ao 11 de decembro

Caldaria Termal, S.L.U. Laias

(Cenlle)

Reumatolóxicas

Do 14 ao 23 de novembro

377,89 €

Do 8 ao 17 de decembro

Caldaria Termal, S.LU. Lobios

(Lobios)

(Con aloxamento no Hotel Lusitano)

Reumatolóxicas

Do 15 ao 24 de novembro

349,89 €

Hotel Balneario de Compostela (Brión)

Sistema nervioso, respiratorias e reumatolóxicas

Do 24 de novembro ao 3 de decembro

377,89 €

Balneario do Río Pambre, S.L.

(Palas de Rei)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do 7 ao 16 de novembro

349,89 €

Balneario Termas de Lugo, S.L. (Lugo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 8 ao 17 de novembro

377,89 €

Do 18 ao 27 de novembro

Do 1 ao 10 de decembro

Mondariz

(Mondariz-Balneario)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do 2 ao 11 de novembro

377,89 €

Do 8 ao 17 de novembro

Do 14 ao 23 de novembro

Do 29 de novembro ao 8 de decembro

Do 1 ao 10 de decembro

Anexo V

Baremo

Para a súa aplicación non se teñen en conta os datos relativos ao/á fillo/a con discapacidade, se for o caso.

1. Idade: máximo 10 puntos.

– Con menos de 65 anos: 2 puntos.

– Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

– Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

– Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

– Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 500,00 €: 40 puntos.

– Con ingresos mensuais comprendidos entre 500,01 € e 665,00 €: 30 puntos.

– Con ingresos mensuais comprendidos entre 665,01 € e 870,00 €: 20 puntos.

– Con ingresos mensuais comprendidos entre 870,01 € e 1.000,00 €: 10 puntos.

– Con ingresos mensuais superiores a 1.000,00 €: 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os da persoa cónxuxe: matrimonio, parella ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividido por doce (12) meses.

En caso de empate, daráselles prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.