Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2022 Páx. 53767

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2022 pola que se convocan cursos de formación en prevención de riscos laborais: primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación.

De acordo co convenio de colaboración entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e Cualtis, S.L.U. para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal dos equipos de alarma e evacuación, de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que desempeñe a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención dos centros de traballo da provincia de Ourense que aparecen no anexo II.

Este persoal terá que estar en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e reunir os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 17 de outubro de 2022.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade ou permisos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 53, 981 54 62 57 e 981 54 63 35 en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas) e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

Cuarta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso. Neste caso, a persoa interesada deberá indicalo incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar ademais unha copia dos documentos a cuxa consulta se opón a través do seguinte enderezo electrónico: xestion.egap@xunta.gal

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2022, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), comezarase pola letra T.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>

As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e máis a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final dela.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e Cualtis, S.L.U.

1. A EGAP e Cualtis, S.L.U. poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Tamén lles corresponde a ambas as dúas entidades prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cualtis, S.L.U. reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cualtis, S.L.U. garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV22085.

Área de coñecemento: coñecementos transversais.

Nome do curso: Prevención de riscos laborais: primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación.

1. Obxectivos.

Formar os/as integrantes dos grupos de acción das medidas de emerxencia dos centros de traballo da Xunta de Galicia en aplicación do disposto pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, no seu artigo 20.

2. Destinatarios/as.

Persoal dos equipos: de alarma e evacuación; de primeira intervención e de primeiros auxilios, así como o persoal que desempeñe a xefatura de emerxencia e/ou primeira intervención dos seguintes centros de traballo:

• Servizo de Mobilidade, Ourense.

• Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental, Ourense.

• Servizo de Patrimonio Natural, Ourense.

• Distrito Ambiental XII, Ourense.

• Oficinas de emprego do Carballiño, Ribadavia, Celanova, Xinzo de Limia, Verín e A Pobra de Trives.

• Oficinas agrarias comarcais do Carballiño, Ribadavia, Celanova, Maceda, Castro Caldelas, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Verín e A Gudiña.

• Centros sociocomunitarios do Carballiño, Ribadavia, Celanova, O Barco de Valdeorras, Verín, Xinzo de Limia e Petín.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 12 horas.

Prazas: 25.

Edicións: dez.

Lugar e datas de cada edición:

– Barco 1:

Datas: 14 e 15 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: Casa Grande de Viloira, praza Otero Pedrayo, 11, 32315 O Barco de Valdeorras.

– Barco 2:

Datas: 16 e 17 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: Casa Grande de Viloira, praza Otero Pedrayo, 11, 32315 O Barco de Valdeorras.

– Carballiño 1:

Datas: 2 e 3 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: Residencia de tempo libre do Carballiño, avenida do Parque, s/n, 32500 O Carballiño.

– Carballiño 2:

Datas: 23 e 24 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: Residencia de tempo libre do Carballiño, avenida do Parque, s/n, 32500 O Carballiño.

– Castro 1:

Datas: 7 e 8 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: parte teórica: aula do Castelo de Castro Caldelas, praza da Torre, 6, e parte práctica: Punto de encontro, O Toural, Castro Caldelas.

– Castro 2:

Datas: 28 e 29 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: parte teórica: aula do Castelo de Castro Caldelas, praza da Torre, 6, e parte práctica: Punto de encontro, O Toural, Castro Caldelas.

–Ourense 1:

Datas: 26 e 27 de outubro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: aula de formación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Ourense (Issga), rúa Villaamil y Castro, s/n, 32071 Ourense.

– Ourense 2:

Datas: 21 e 22 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: aula de formación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Ourense (Issga), rúa Villaamil y Castro, s/n, 32071 Ourense.

– Verín 1:

Datas: 9 e 10 de novembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: aula do Centro Sociocomunitario de Verín, praza da Alameda, 40, 32600 Verín.

– Verín 2:

Datas: 30 de novembro e 1 de decembro de 2022.

Horario: das 8.30 ás 14.30 horas.

Lugar de realización: aula do Centro Sociocomunitario de Verín, praza da Alameda, 40, 32600 Verín.

4. Contido.

– Organización e actuación dos grupos de acción en caso de emerxencia.

– Primeiros auxilios:

– Conceptos básicos.

– Cuestións prácticas.

– Incendios: conceptos básicos, axentes extintores, equipos de protección contra incendios.