Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 7 de outubro de 2022 Páx. 53777

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo da mesa sectorial sobre os criterios de incorporación e cesamento aplicables nos procesos selectivos e de provisión do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Coa data do 28 de setembro de 2022, na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT asinaron un acordo sobre os criterios de incorporación e cesamento aplicables nos procesos selectivos e de provisión do persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Con base na normativa citada,

DISPOÑO:

Publicar o dito acordo para xeral coñecemento e efectividade.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

Acordo sobre criterios de incorporación e cesamento

Recentemente, polo Real decreto lei 12/2022, do 5 de xullo, foi modificada a Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, realizando así a adaptación da normativa do persoal estatutario prevista na disposición derradeira segunda da Lei 20/2021, do 28 de diciembre, de medidas urgentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Esta reforma obriga expresamente ás administracións sanitarias a promover o desenvolvemento de criterios de actuación dirixidos a limitar a temporalidade, e entre as súas novidade máis relevantes figura o principio xeral de fixar en tres anos a duración máxima dos nomeamentos de persoal interino en praza vacante.

Esta modificación normativa obriga a revisar os criterios de incorporación e cesamento que establece o capítulo V do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, co fin de adaptalos á finalidade da lei (redución da temporalidade).

Porén, para revisar os criterios hai que ter en conta outras consideracións:

1ª. Nos próximos meses –antes do 31 de decembro de 2022– serán convocados os procesos de estabilización de emprego temporal executados en aplicación da propia Lei 20/2021 e que son obxecto do Decreto 81/2022, do 25 de maio (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia.

2ª. A disposición transitoria primeira do Real decreto lei 12/2022 (efectos) establece que «as previsións contidas neste real decreto lei serán de aplicación unicamente respecto do persoal estatutario temporal nomeado ou contratado con posterioridade á súa entrada en vigor».

3ª. Nos próximos meses finalizarán varios procesos de selección, convocados con anterioridade á Lei 20/2021, en que xa se realizaron os exercicios da fase de oposición.

Con base no que antecede parece oportuno adiar a un momento posterior a negociación dos novos criterios de incorporación e cesamento; en concreto, a un momento posterior ás convocatorias dos ditos procesos de estabilización.

En consecuencia, as partes asinantes

ACORDAN:

1. Revisar os criterios de incorporación e cesamento para os procesos de estabilización executados en aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, unha vez que sexan todos convocados. A negociación atenderá ao principio xeral de reducir a temporalidade e de outorgar relevancia, como criterio de cesamento, á maior antigüidade dos nomeamentos temporais, nas condicións que resulten da negociación.

2. Manter transitoriamente os criterios que establecen o capítulo V do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e os acordos complementarios da mesa sectorial.