Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2022 Páx. 54384

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de setembro de 2022, de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Arnoia, para adaptar a ordenación ao novo trazado da estrada OU-402 e redelimitar o sector I de solo urbanizable industrial.

O Concello da Arnoia remite a modificación puntual (MP) de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Arnoia dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 6 de outubro de 2010.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 30.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución (DOG do 2 de agosto) na que resolve non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, debendo integrarse no planeamento as determinacións da proposta; e xuntou os informes correspondentes ás consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Galega de Infraestruturas, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Mobilidade.

• Constan informes municipais xurídico, do 17.11.2020, e técnico, do 18.11.2020.

• O Concello Pleno do 25.11.2020 aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región do 12.12.2020, e no DOG do 20 de xaneiro de 2021. Non se presentou ningunha alegación.

• Consta informe favorable do 11.3.2021, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustixa e Turismo, en que se sinala que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe do 30.3.2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

• Consta informe favorable do 8.4.2021, da Deputación Provincial de Ourense, con condicións.

• Consta informe favorable do 12.4.2021, do Servizo de Administración Industrial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

• Consta informe favorable do 16.4.2021, do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural.

• Constan informes desfavorables do 11.5.2021 e 1.12.2021, e favorable do 7.4.2022, da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

• Consta informe favorable do 24.5.2021, de Augas de Galicia.

• Consta informe favorable do 31.5.2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con condicións.

• Consta informe favorable do 8.6.2021, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Consta informe favorable do 17.6.2021, do Servizo de Enerxía e Minas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

• Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cartelle, Castrelo de Miño, Cortegada, Crecente (Pontevedra), Gomesende e Ribadavia, sen contestación de ningún deles.

• Consta informe favorable do 5.7.2021, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

• Consta informe favorable do 19.10.2021, da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

• Constan informes municipais técnico e xurídico, do 2.5.2022.

• O Concello Pleno do 6.5.2022 aprobou provisionalmente a modificación puntual.

• Consta novo informe xurídico municipal do 11.5.2022.

• O 23.6.2022 e o 18.7.2022, o Servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditou dous requirimentos documentais, que foron cumpridos.

II. Análise da modificación puntual.

II.1. O ámbito da modificación puntual afecta un treito da estrada autonómica OU-402, comprendido entre o límite co concello de Castrelo de Miño e o núcleo rural de Porqueira, e o ámbito do sector I de solo urbanizable industrial situado ao seu carón.

II.2. O PXOM do Concello da Arnoia delimita un solo urbanizable AR-sector I: parque empresarial da Arnoia para o desenvolvemento de actividades empresariais. O sector ten a consideración, segundo a estratexia de actuación do PXOM, de actuación de desenvolvemento urbanístico integral e dela despréndese outra de carácter específico: SXV-1, consistente na rectificación do trazado da estrada OU-402 para o acceso ao sector conforme as determinacións dos planos e a ficha de acción SXV-1.

O trazado do treito rectificado, duns 470 m, na marxe oeste do sector, incluído no PXOM, foi obxecto dun proxecto de mellora por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, que foi aprobado definitivamente o 3.11.2021. No contorno do sector I rexéitase a proposta do PXOM para a estrada, mantendo o trazo primitivo, mais cun aumento de sección, coa rectificación dos raios nas curvas pronunciadas e coa incorporación dunha rotonda.

II.3. O obxectivo da modificación puntual é acadar unha solución coordinada que integre a adaptación da ordenación do PXOM ao novo trazado da estrada autonómica OU-402, principal vía de comunicación que estrutura o territorio da Arnoia, e a redelimitación do sector I de solo urbanizable industrial previsto a carón da dita estrada. Os cambios introducidos son:

– Reformulación da actuación SXV-1 vinculada ao desenvolvemento da AR-sector I, e cambios na cualificación do solo derivados da nova definición do sistema viario.

– Reaxustes na clasificación do solo derivados da nova ordenación, redelimitando o sector ao leste da estrada OU-402, incorporando solo rústico ao norte e ao leste do ámbito, e suprimindo parte a carón da estrada. Modificación da ficha do sector I do anexo.

– Corrección da posición do elemento catalogado 3.1 Peto de ánimas na Porqueira.

– Reelaboración da ficha do ben catalogado 12.1 Adegas en Porqueira, ao afectar a estrada OU-402 o contorno de protección.

II.4. Ao PXOM da Arnoia, aprobado definitivamente o 6.10.2010, resúltalle de aplicación o establecido no punto 1 da disposición transitoria primeira da LSG para o planeamento aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da LSG e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, e conserva a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación á LSG, consonte unhas regras de aplicación para cada clase de solo.

Nos planos de información recóllese o ámbito da MP. Ademais, no plano de ordenación Comparación de superficies –PORD 03SUP–, engádense 7 esquemas gráficos que representan os distintos cambios de clasificación e categorización que se producen no ámbito de actuación da modificación puntual respecto da situación urbanística vixente.

II.5. Dentro do ámbito de actuación da modificación puntual establécense as distintas clases, categorías e subcategorías do solo conforme os criterios dos artigos 33 e 34 da LSG.

Ademais, no punto 2 da memoria xustificativa –Determinacións vinculantes e documentación modificada–, recóllese un cadro comparativo coas superficies das distintas clases, categorías e subcategorías do solo antes e despois da modificación puntual.

II.6. Incorpórase á documentación da memoria, a ficha do ben catalogado 12.1 (adegas de Porqueira) do patrimonio arquitectónico, xa que o seu ámbito de protección afecta o da modificación puntual.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM da Arnoia para adaptar a ordenación ao novo trazado da estrada OU-402 e redelimitar o sector I de solo urbanizable industrial.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda