Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 18 de outubro de 2022 Páx. 55365

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de outubro de 2022 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 23 de xuño de 2022 presentouse ante este protectorado de fundacións a solicitude de ratificación do acordo de extinción da Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo foi constituída en escritura pública outorgada o 10 de marzo de 2004 en Santiago de Compostela, ante o notario José Antonio Cortizo Nieto, co número 280 do seu protocolo. Foi clasificada de interese científico sanitario pola Orde da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 14 de abril de 2004 (DOG número 80, do 27 de abril) e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Sanidade do 14 de maio de 2004 (DOG número 108, do 7 de xuño). A fundación foi adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2004/3.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fomentar e promover o avance do coñecemento sobre as enfermidades do aparello dixestivo, fomentar a divulgación dos avances e dos resultados obtidos e contribuír á mellora da saúde e da calidade de vida das persoas que sufran enfermidades do aparello dixestivo.

Cuarto. O Padroado da fundación, na súa reunión do 2 de maio de 2022, adoptou, por unanimidade dos seus membros, o acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Quinto. No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 2 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego:

• Certificación do acordo de extinción adoptado polo Padroado na reunión do 2 de maio de 2022.

• Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

• As contas da fundación na data de adopción do acordo de extinción.

• Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

• Informe-proposta do protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Sanidade é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo, de conformidade co disposto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Sanidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional e, para tal efecto, é necesario o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado.

Terceiro. Neste caso, o acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa de aplicación e nos estatutos da fundación e foi aprobado polo Padroado na súa reunión do 2 de maio de 2022. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa das causas de extinción e demais documentación establecida nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009.

Cuarto. O acordo de extinción das fundacións está incluído entre os actos suxeitos á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, segundo os artigos 44.6 e 54.e) da Lei 12/2006 e 21.k) do Decreto 15/2009.

De conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego e demais normativa de xeral aplicación, resultan cumpridos os requisitos establecidos na normativa vixente, polo que

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo na súa reunión do 2 de maio de 2022.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación para la Investigación en Enfermedades del Aparato Digestivo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Artigo 1.f) da Orde do 22.4.2020)
Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade