Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 20 de outubro de 2022 Páx. 55735

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 173/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello do Valadouro, da estrada de titularidade autonómica LU-163 na súa totalidade, xunto co seu dominio público viario (DPV) asociado.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Valadouro solicitou a cesión de titularidade do treito urbano da estrada autonómica LU-163 co fin de poder realizar o arranxo do desaugadoiro da fonte pública situada no seu p.q 0+850.

O Concello do Valadouro está atravesado polas estradas autonómicas LU-152, LU-160, LU-161, LU-162 e LU-163.

A estrada autonómica LU-163 discorre por solo clasificado como urbano polo instrumento de planeamento urbanístico vixente no Concello do Valadouro, entre os seus pp.qq. 0+000 e 0+800 pola súa marxe dereita, e entre os seus pp.qq. 0+000 e 0+700 pola súa marxe esquerda. Estes treitos teñen a consideración de tramos urbanos para os efectos da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

O treito obxecto deste cambio de titularidade é un resto de 1.830 metros de lonxitude da actual LU-162, cuxo tráfico é local, desde a entrada en servizo no ano 1999 da estrada reformada tras a execución das obras de acondicionamento de clave N/LU/91.2. Ao se tratar dunha estrada antiga, non existe plano parcelario da expropiación; por este motivo, considérase que o DPV é a franxa de terreo situada entre as arestas de explanación. Cómpre destacar que o p.q. 0+850 da LU-163 está fóra do treito urbano desta estrada, segundo o planeamento urbanístico vixente.

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1, xustificado por razóns dunha xestión administrativa coherente e eficiente coa realidade desta estrada.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello do Valadouro, da totalidade da estrada LU-163 e do seu DPV asociado:

Código

Denominación da estrada

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

LU-163

Ferreira do Valadouro (LU-161)-Budián (LU-162)

0+000

X= 625.944

Y= 4.823.276

1+830

X= 627.247

Y= 4.824.071

– Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de titularidade e eliminar do Catálogo a estrada LU-163.

O documento do Catálogo e as súas modificacións posteriores poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Infraestruturas_Estradas

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Valadouro deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello do Valadouro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade