Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Venres, 21 de outubro de 2022 Páx. 56078

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 1 de setembro de 2022 de notificacións de resolucións de execución forzosa de xestión da biomasa.

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, notifícanselles por medio deste anuncio no Boletín Oficial del Estado, Diario Oficial de Galicia e taboleiro de edictos do Concello de Vigo aos interesados que resultan descoñecidos, dos cales se ignora o lugar da notificación ou ben, intentada a notificación persoal, non se puido efectuar, as resolucións dos procedementos que se citan a continuación.

Para os efectos do cómputo de prazos nos correspondentes procedementos administrativos que se citan, computaranse desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado.

As resolucións que se notifican cos datos que figuran no anexo teñen o seguinte texto íntegro:

En cumprimento da Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), particípolle que o concelleiro da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, por delegación de competencias do alcalde, do 4 de setembro de 2020, ditou con data do (véxase o anexo), a seguinte resolución:

«Número de expediente: (véxase o anexo).

Resolución de execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas prohibidas.

Datos da parcela:

– Referencia catastral: (véxase o anexo).

– Superficie: (véxase o anexo).

– Enderezo: (véxase o anexo).

Datos do/dos responsable/s:

Titular/es do predio: (véxase o anexo).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vigo constatou neste ano, con posterioridade ao 31 de maio, que na parcela sinalada no encabezamento está sen xestionar a biomasa –maleza– e sen retirar as especies arbóreas, tales como piñeiros, mimosas, acacia e eucalipto.

2. A Administración municipal ditou resolución en que se lle requiría que procedese á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nos prazos establecidos, a cal se lle notificou na forma prevista legalmente.

3. Transcorrido o prazo concedido, constatouse en visita de comprobación á parcela citada que segue sen xestionarse a biomasa –maleza– e sen retirarse as especies arbóreas prohibidas, tales como piñeiros, mimosas, acacia e eucalipto.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Vigo –PMPDIF– aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local (XGL) en sesión do 2 de abril de 2020 e publicado no BOPPO do 24 de abril de 2020 (ligazón http://www.vigo.org/faixas) determina que a parcela de referencia catastral sinalada no encabezamento está incluída total ou parcialmente na rede secundaria de faixa de xestión da biomasa, de xeito que a persoa responsable, entendendo como tal a persoa física ou xurídica titular do dereito de aproveitamento na dita parcela, está obrigada á xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano nos termos sinalados nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira e demais determinacións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), e na súa norma de desenvolvemento (Orde do 31 de xullo de 2007, criterios de xestión da biomasa; DOG do 7 de agosto).

Tamén, con carácter xeral, a persoa responsable ten a obriga de retirar as seguintes especies arbóreas prohibidas: piñeiros, mimosa, acacia e eucalipto, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria terceira 2 da dita lei.

Segundo datos catastrais, figura como titular do predio a persoa sinalada no encabezamento.

Segundo. Tal e como comprobou a Administración municipal, non cumpriu coas referidas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas no prazo establecido.

Terceiro. O concelleiro da Área de Parques e Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, mediante a Resolución de delegación de competencias do alcalde, do 13 de agosto de 2019 (BOPPO do 2 de setembro), ditou resolución o (véxase o anexo) en que lle requiría, como titular catastral da parcela, que procedese á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas no prazo de quince días naturais desde o seguinte ao da notificación da resolución (artigo 22.2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (en diante, LPDIFG).

Na citada resolución foi apercibido de que, transcorrido o citado prazo sen que levase a cabo a xestión da biomasa vexetal e a retirada das especiais arbóreas prohibidas, o Concello de Vigo procedería á execución forzosa de forma subsidiaria da referida actuación, por si ou por persoa que determine e á custa do obrigado, ao cal repercutirían os custos na forma legalmente establecida (artigo 22.4 da LPDIFG) e, de ser o caso, ao comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración nas condicións legalmente establecidas. Tamén, ante a falta de atención a este requirimento, as obrigas de xestión para os anos seguintes deberán estar completadas antes do primeiro día de abril e, transcorrida esta data e comprobado polos servizos técnicos da Administración competente a falta de xestión, poderase proceder de modo inmediato, sen máis trámite, á execución subsidiaria desta.

Tamén se lle advertía que, de persistir no incumprimento, era constitutivo dunha infracción administrativa de carácter leve, e que o órgano competente para incoar e resolver o procedemento sancionador é o titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia. Na resolución de incoación do procedemento sancionador adoptarase a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas cuxo destino será o seu alleamento pola Administración municipal (artigos 22.4, 50 a 54 da LPDIFG e 67 a 80 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes).

Por último, outorgábaselle un trámite de audiencia polo prazo de dez días hábiles para que presentase as alegacións, documentos, xustificacións que considerase procedente en defensa dos seus dereitos.

Cuarto. A dita resolución notificóuselle na forma legalmente prevista e, a pesar do tempo transcorrido, constatouse en visita de comprobación á parcela que segue sen xestionar a biomasa vexetal e sen retirar as especies arbóreas prohibidas.

Quinto. O parágrafo terceiro do artigo 22.2 da LPDIFG, segundo a redacción dada por Lei 18/2021, do 27 de decembro, sinala que:

“Naqueles casos en que as persoas responsables non atendesen á advertencia que se lles efectuase o ano anterior para o cumprimento das súas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies, a antedita xestión deberá estar finalizada con anterioridade ao primeiro día de abril de cada ano. Transcorrida esta data e comprobado polos servizos técnicos da Administración competente a falta de xestión, poderase proceder de modo inmediato, sen máis trámite, á execución subsidiaria desta”.

Sexto. O artigo 22.4 da LPDIFG, aprobada polo Parlamento de Galicia, establece que:

“Transcorridos os prazos sinalados no artigo sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, a Administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderanse liquidar provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e poderase realizar a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, de ser o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, daráselle traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador (Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia), o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola Administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, a Administración que realice tales vendas (neste caso, o Concello de Vigo), deberá aplicar os importes obtidos a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia”.

Sétimo. Segundo os artigos 99 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a “execución forzosa de forma subsidiaria” supón que a Administración municipal realizará o acto, por si ou a través das persoas que determine, á custa do obrigado.

O importe dos gastos, danos e perdas exixiránselle ao obrigado seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Oitavo. Neste caso, concorren os presupostos de feito previstos nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira 1, da LPDIFG, 99 e 102 da LPACAP e normativa de concordante aplicación, para acordar a execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas.

Noveno. É competente para ditar esta resolución o alcalde, ao abeiro dos artigos 7, 16.4 e 22.7 da LPDIFG. Non obstante, a dita competencia delegouna no concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas especiais segundo a Resolución do 4 de setembro de 2020.

Polo exposto, e co obxecto de dar cumprimento á Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG),

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a execución forzosa de forma subsidiaria, por parte do Concello de Vigo ou da persoa que se determine e á custa do obrigado (titular no anexo), da xestión da biomasa vexetal e da retirada das especies arbóreas prohibidas na parcela situada en (véxase o anexo), Vigo, con referencia catastral (véxase o anexo), ao incumprir as obrigas previstas nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira 1, da LPDIFG.

Segundo. Informar o/a obrigado/a, titular da parcela, de que, tras a notificación desta resolución, se procederá á execución forzosa de forma subsidiaria sen máis trámite e de que obrigado/a a facilitar os accesos necesarios para realizar os traballos de xestión da biomasa e/ou retirada das especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o seu consentimento, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que se deberá pedir a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa súa autorización (artigo 22.6 da LPDIFG).

Terceiro. Dar traslado desta resolución á Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta Galicia en que se insta á incoación do procedemento sancionador e da medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas que poidan existir na parcela, ao abeiro do establecido no artigo 22.4, parágrafo quinto, da LPDIFG.

Cuarto. Unha vez executados os traballos de xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas, liquidar o importe dos gastos ocasionados, que se exixirán ao obrigado seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Quinto. Informalo/a tamén de que, conforme o artigo 22.9 da LPDIFG, o incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, en caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a Administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a Administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento de aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación for a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia.

Sexto. Informar o/ interesado/a, titular da parcela, de que contra esta resolución, consonte os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 46.1 e 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo, no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución expresa. Porén, interposto o recurso de reposición non poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o primeiro ou se produza a súa desestimación presunta polo transcurso do prazo máximo dun mes establecido para ditar e notificar a resolución».

Vigo, 1 de setembro de 2022

O alcalde
P.D. (Resolución do 4.9.2020)
Ángel Rivas González
Concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio,
Distritos e Festas Especiais

Información adicional:

– Os datos indicados sobre a parcela son os que resultan da información contida no Catastro de bens inmobles do Ministerio de Facenda; tal e como establece a lexislación aplicada. Para calquera aclaración ou rectificación de erro sobre os datos da parcela deberase dirixir á correspondente delegación do Catastro (Oficina do Catastro en Vigo; rúa Lalín, 2, CP 36271), sen prexuízo da posterior comunicación ao Concello de Vigo no enderezo de correo abaixo indicado, achegando copia do documento presentado na oficina catastral.

– Para calquera consulta, aclaración, información complementaria ou cita poderase dirixir ao Servizo de Montes, Parques e Xardíns do Concello de Vigo a través do seguinte enderezo de correo electrónico: faixassecundarias@vigo.org

ANEXO

O anexo cos datos catastrais das parcelas pódese consultar na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/boe_n/dias/2022/08/25/not.php?id=BOE-N-2022-951438