Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2022 Páx. 57856

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 28 de outubro de 2022 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación dos investimentos establecido no artigo 20 da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuacións de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED500A).

Mediante a Orde do 11 de maio de 2022 (DOG núm. 100, do 25 de maio), a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuación de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Segundo o artigo 20 da devandita orde, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 20 de outubro de 2022. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito a cobrar a subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitir ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Pola Orde do 26 de xullo de 2022 (DOG núm. 148, do 4 de agosto), acordouse a ampliación do prazo de execución e xustificación das subvencións para todas as entidades beneficiarias que lles posibilite a axeitada realización das actuacións subvencionadas e a súa xustificación, ata o 30 de novembro de 2022, o que non esgota o prazo máximo polo que se podería ampliar segundo a normativa antes referida.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido á tramitación de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais polos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa

Amplíase o prazo establecido no artigo 20 da Orde do 11 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades locais para actuación de adecuación das pistas multideporte nos centros de educación infantil e primaria e nos centros públicos integrados non universitarios, establecendo como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa o 15 de decembro de 2022.

De acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, contra o presente acordo de ampliación non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29 de xullo de 2022, DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades