Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2022 Páx. 58304

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sailway.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sailway, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. Rubén Alfonso Pérez González, presidente do padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, a declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Sailway foi constituída pola entidade Sailway, S.L., representada polo seu administrador solidario Rubén Alfonso Pérez González, en escritura pública outorgada o 11 de maio de 2022 en Vigo (Pontevedra), ante o notario Fernando Olmedo Castañeda, co número de protocolo 1.422.

Terceiro. A Fundación Sailway, segundo establece o artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto a defensa do medio natural de Galicia, en especial do seu ambiente mariño, para o que realiza actividades náuticas relacionadas coa preservación, conservación e desfrute do mar.

O desenvolvemento do obxecto fundacional poderá ser realizado directamente pola Fundación ou mediante colaboración con outras entidades, organismos, institucións ou persoas que contribúan á consecución dos fins fundacionais.

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da fundación está composto por Rubén Pérez González, en calidade de presidente; Laura Moya Fernández, como secretaria, e Francisco Javier Curras Martínez e Luis Pérez Canal, como vogais.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Sailway, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen o artigo 47.2 da citada lei; o artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 14 de outubro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 204, do 26 de outubro) clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Sailway e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sailway, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias conferidas polo Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Sailway.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa concordante de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda