Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2022 Páx. 58440

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de outubro de 2022 pola que se autoriza, con carácter experimental, un proxecto inclusivo para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O 26 de decembro de 2011 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O obxecto da dita orde foi a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais aos estudos elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, a partir do curso académico 2012/13.

A experiencia educativa autorizada na referida orde está encadrada dentro das ensinanzas dispostas no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música, e réxese pola normativa vixente en referencia ás ditas ensinanzas, agás naquelas particularidades descritas na propia orde. Igualmente, este proxecto educativo ten un marcado carácter innovador e inclusivo, que permite a participación e a presenza nas ensinanzas de música do alumnado con necesidades educativas especiais.

Transcorridos dez anos desde a aplicación da citada normativa, constatouse a necesidade de actualizala e establecer medidas para facilitar o traslado de información entre a xefatura do departamento de orientación do centro educativo onde o alumnado estea a cursar as ensinanzas de réxime xeral e o/a coordinador/a do proxecto no conservatorio, como persoa encargada de trasladar ao equipo docente do alumnado no conservatorio a información que resulte necesaria para o adecuado desempeño da función docente con este.

Así pois, en virtude do exposto e no uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto da presente orde é autorizar, con carácter experimental, a realización dun proxecto inclusivo para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais aos estudos elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, a partir do curso académico 2022/23.

Este proxecto terá o carácter de innovación educativa para os efectos de recoñecemento do profesorado participante nel polo número de horas dedicadas a esta función, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 2. Marco legal

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas dispostas no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música , e rexerase pola normativa vixente en referencia ás ditas ensinanzas, agás naquelas particularidades descritas na presente orde.

Artigo 3. Destinatarios

O presente proxecto vai dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais, escolarizado en centros ordinarios ou de educación especial, co correspondente ditame de escolarización, que se considere apto para seguir as ensinanzas musicais de grao elemental. O alumnado deberá ter a autonomía suficiente para desenvolverse no centro sen precisar asistencia individual de persoal docente e/ou non docente.

Artigo 4. Requisitos

Para poder cursar as ensinanzas obxecto de regulación nesta orde será requisito indispensable que os/as aspirantes superen unha proba específica de acceso na cal se avaliarán as aptitudes musicais dos/das aspirantes para iniciar os seus estudos nas especialidades instrumentais.

Os requisitos para poder participar nas probas de acceso reguladas nesta orde son:

a) Realizar a preinscrición na mencionada proba nas datas que oportunamente determine o Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

b) Achegar á preinscrición a documentación que avale as condicións de discapacidade do/da alumno/a, que incluirá, entre outros, un informe do departamento de orientación do centro educativo en que está escolarizado/a o/a alumno/a, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, e que será tido en conta polo conservatorio co obxectivo de eliminar barreiras que limiten o acceso, presenza, participación ou aprendizaxe do alumnado.

O referido informe centrarase na descrición das necesidades educativas que presenta o/a alumno/a, así como os recursos, apoios, axustes e medidas específicas que se precisan para dar resposta axeitada ás ditas necesidades. De ser necesario poderase solicitar a colaboración e intervención do equipo de orientación específico da provincia.

c) Achegar a autorización asinada polos pais, nais ou titores/as legais do alumnado para o traslado de información referente aos aspectos psicopedagóxicos do alumnado entre a xefatura do departamento de orientación do centro educativo onde o alumnado estea a cursar as ensinanzas de réxime xeral, o equipo de orientación específico e o/a coordinador/a do proxecto no conservatorio, que figura no anexo II.

Artigo 5. Reserva de prazas

O número de postos escolares da oferta xeral que se reserva para o alumnado con necesidades educativas especiais que supere a proba será o estipulado polo Conservatorio Profesional de Música da Coruña en función da dispoñibilidade de recursos tanto materiais como humanos e non será menor do 3 % do total das prazas ofertadas polo centro.

Artigo 6. Probas de acceso

Dadas as características do alumnado con necesidades educativas especiais, só poderá inscribirse no proxecto alumnado con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos, e a súa participación deberá ser solicitada polos seus pais, nais ou titores/as legais.

O procedemento de admisión será o establecido con carácter xeral para o resto do alumnado no artigo 7 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e na normativa que o desenvolve.

En calquera caso, a proba de aptitude para o acceso ao grao elemental de música adaptarase ás circunstancias persoais que concorran en cada alumno/a que desexe acceder a estes estudos por esta vía.

As especialidades instrumentais que se oferten coincidirán coas que o centro teña autorizadas, e serán asignadas polo tribunal avaliador das probas de acceso aos/ás candidatos/as que superen a proba, tendo en conta o seguinte:

– A preferencia dos/das aspirantes polas distintas especialidades instrumentais.

– A valoración do tribunal sobre a adecuación das capacidades e necesidades específicas de cada aspirante en relación coas distintas especialidades instrumentais.

– A documentación achegada na alínea b) do artigo 4 da presente orde.

Artigo 7. Organización académica

O alumnado matriculado a través da reserva de prazas regulada nesta orde disporá dunha sesión semanal de clase individual de instrumento. Ademais, poderán dispoñer dunha hora de clase colectiva co resto do alumnado matriculado na especialidade, sempre que a dispoñibilidade de profesorado, tempos e espazos do centro o permita.

A organización dos períodos lectivos para as materias de Linguaxe Musical e de Educación Auditiva e vocal para o alumnado matriculado a través deste proxecto será de dúas sesións semanais para a materia de Linguaxe Musical e dunha para a de Educación Auditiva e Vocal.

A duración das devanditas sesións para o alumnado con necesidades educativas especiais será a que o equipo de profesores/as determine en función das competencias curriculares de cada alumno/a.

A relación numérica máxima entre o profesorado e o alumnado participante no proxecto que se autoriza será:

a) Nas clases de ensinanza non instrumental: 1/5.

b) Nas clases de ensinanza instrumental individual: 1/1.

Artigo 8. Medidas para a atención educativa do alumnado matriculado no programa

O alumnado con necesidades educativas especiais matriculado no grao elemental de música será obxecto dun seguimento específico por parte do equipo de profesores/as do centro, baixo a supervisión do/da coordinador/a do proxecto e co asesoramento do servizo de inspección correspondente e do equipo de orientación específico da Coruña, cuxo obxectivo será:

– Determinar as necesidades que presenta cada alumno/a para seguir estas ensinanzas, e precisar as medidas para a súa atención educativa que contribúan a un óptimo desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe.

As medidas adoptadas para a súa atención educativa serán autorizadas polo departamento correspondente a cada unha das materias e recollidas na memoria final do dito departamento. As adaptacións que se determinen deberán respectar no esencial os obxectivos fixados no Decreto 198/2007, do 27 de setembro.

O equipo de profesores/as implicados/as no proxecto elaborará ao final do curso unha memoria de avaliación dos aspectos curriculares e didácticos desenvolvidos no proxecto, que formará parte da memoria do centro.

Artigo 9. Avaliación

No proceso de avaliación do alumnado participante neste proxecto, aplicaranse os criterios xerais sobre avaliación dispostos no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e na normativa que o desenvolve, así como as adaptacións que se teñan disposto en cada caso.

No dito proceso de avaliación, ademais do/da xefe/a de estudos e o profesorado que lle imparta docencia ao/á alumno/a, tal e como está disposto no artigo 12 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, estará presente o/a profesor/a coordinador/a do proxecto.

Artigo 10. Permanencia e mobilidade

Os límites de permanencia en cada curso e no conxunto do grao, no caso de alumnado participante no proxecto, serán de dous anos académicos para cada curso, e de seis anos académicos para o conxunto do grao.

Con carácter excepcional, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá autorizar a ampliación nun ano da permanencia do alumnado no dito proxecto, en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración.

O alumnado matriculado ao abeiro do disposto na presente orde non poderá solicitar traslado de expediente a outros conservatorios que non teñan autorizada a impartición das ensinanzas recollidas no presente proxecto.

Artigo 11. Coordinación do proxecto

O/a director/a do centro, en colaboración co/ca coordinador/a do proxecto, velará polo desenvolvemento do proxecto inclusivo e pola coordinación dos axentes implicados. En colaboración co/ca coordinador/a do proxecto realizará un plan de seguimento anual que incluirá:

a) Deseño dos mecanismos de coordinación dos axentes implicados.

b) Detección de necesidades e recursos educativos.

c) Criterios de avaliación do proxecto con indicadores de logro.

d) Deseño da memoria final que incluirá propostas de mellora.

Crearase unha Comisión de Coordinación do proxecto que se reunirá dúas veces no curso escolar, no mes de setembro e no mes de xuño, e estará integrada por:

a) O/a director/a do Conservatorio Profesional de Música da Coruña que a presidirá.

c) Un/unha técnico do equipo de orientación específico da Coruña.

d) O/a profesor/a coordinador/a do proxecto.

A primeira reunión do mes de setembro dedicarase á análise das medidas para a atención educativa a que se refire o artigo 8 desta orde. O/a coordinador/a do proxecto trasladará ao equipo docente a información que resulte necesaria para o adecuado desempeño da función docente co alumnado do programa.

Na última reunión, a Comisión de Coordinación do proxecto analizará a memoria, elaborada polo/a director/a e o/a coordinador/a, e realizará unha avaliación conxunta dos resultados e particularidades do desenvolvemento do proxecto no curso escolar, así como da proposta anual de prazas ofertadas por esta vía que será aprobada se procede. Os resultados desta avaliación serán incorporados ao plan do curso seguinte.

Artigo 12. Comisión de seguimento do proxecto

A Dirección Xeral de Formación Profesional, a través dunha Comisión constituída para o efecto, velará pola continuidade do proxecto e responsabilizarase da difusión do material elaborado, para a súa posible utilización noutros conservatorios.

Será competencia desta Comisión a realización dunha avaliación conxunta dos resultados e particularidades do desenvolvemento do proxecto con periodicidade bienal e a emisión de informes relativos á procedencia da prorrogación do proxecto.

A dita Comisión, de carácter interdisciplinar, será convocada polo/a seu/súa presidente/a, con carácter bienal, e estará integrada por:

a) A persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Un/unha representante da Inspección educativa.

c) Un/unha técnico do equipo de orientación específico da Coruña.

d) O/a director/a do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

e) O/a profesor/a coordinador/a do proxecto.

f) Un/unha asesor/a técnico docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que actuará como secretario/a.

A Comisión poderá invitar, con voz pero sen voto, determinadas persoas expertas procedentes do claustro do Conservatorio Profesional de Música da Coruña cando así o requira o tema de traballo, así como a especialistas en desenvolvemento infantil e intervención psicopedagóxica en alumnado con necesidades educativas especiais.

Artigo 13. Duración do proxecto

O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos logo de informe favorable da Comisión de seguimento emitido con base na súa adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha, e na permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor desta orde

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación
Profesional e Universidades

missing image file
missing image file

Anexo II

Don/Dona........................................................., DNI.............................., pai/nai/titor legal do/da alumno/a ...........................................................: autorizo o traslado de información referente aos aspectos psicopedagóxicos do/da meu/miña fillo/a entre a xefatura do departamento de orientación do centro educativo onde o/a meu/miña fillo/a está a cursar as ensinanzas de réxime xeral, o equipo de orientación específico e o/a coordinador/a do proxecto no conservatorio.

Sinatura/s do/s proxenitor/es ou titor/es legal/ais do/a alumno/a