Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Luns, 14 de novembro de 2022 Páx. 59071

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 193/2022, do 27 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade duns treitos antigos das estradas LU-170 e LU-861, xunto co seu dominio público viario asociado.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Xermade solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión da titularidade duns espazos de dominio público viario de titularidade autonómica na LU-170 e na LU-861.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos antigos das estradas LU-170 e LU-861 que se definen no artigo 1, xunto co seu dominio público viario asociado, por careceren de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia. En realidade, a petición do Concello de Xermade consiste no cambio de titularidade do antigo treito final da LU-170, que actualmente é un treito antigo desta estrada, e máis dun treito antigo da LU-861, ambos os treitos co seu DPV asociado.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade dos seguintes treitos antigos das estradas LU-170 e LU-861, xunto co seu dominio público viario asociado:

Denominación

Pqi da conexión

Coordenadas UTM(ETRS89)

Pqf da conexión

Coordenadas UTM (ETRS89 huso29 )

Lonx. aprox. (m)

Superficie

DPV (m2)

Treito antigo da LU-170

28+960 MD da LU-170

X= 597.920

Y= 4.805.439

15+510 ME da LU-861

X= 598.487

Y= 4.805.245

611

12.189

Treito antigo da LU-861

16+020 ME da LU-861

X= 598.518

Y= 4.805.750

16+140 ME da LU-861

X= 598.480

Y= 4.805.866

130

2.553

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Xermade, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade