Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 25 de novembro de 2022 Páx. 61137

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 11 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas a centros museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT110C).

BDNS (Identif.): 660495.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas os entes locais e as entidades privadas sen fin de lucro galegas, titulares de museos, coleccións museográficas ou centros de interpretación, inscritas no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia e que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, con exclusión de:

a) Fundacións ou padroados en cuxo órgano de goberno participe a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e achegue recursos para financiar o seu funcionamento.

b) Entidades titulares de museos e centros museísticos destinatarios de subvencións nominativas coa mesma finalidade, consignadas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, nas partidas de gasto correspondentes á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Segundo. Obxecto e finalidade

Constitúe o obxecto desta orde, por unha banda, o establecemento das bases reguladoras das axudas destinadas aos museos e outros centros museísticos que formen parte do Sistema Galego de Centros Museísticos para a realización de actuacións e actividades museísticas que faciliten a conservación, a seguranza, a documentación, a investigación, a difusión e, por outra, a convocatoria das axudas para o ano 2023 (código de procedemento CT110C).

Terceiro. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas convocadas para o ano 2023 terán unha contía total de douscentos mil euros (200.000 €) que se imputarán aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 nas aplicacións orzamentarias 10.04.432A.760.4 (100.000 €) e 10.04.432A.781.2 (100.000 €).

2. Estas axudas son compatibles con outras axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que percibe o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e fica condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

3. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Por iso, a eficacia desta convocatoria fica condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2023, no momento da resolución de concesión.

No anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

4. O proxecto será cofinanciado entre o solicitante e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 10.000 € por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80 % do investimento total aprobado.

5. O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades