Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61368

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022, conxunta da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

A identificación dos cans e dos animais considerados como potencialmente perigosos vén recollida no artigo 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos. É obxecto do dito decreto o desenvolvemento da Lei estatal 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, que regula a normativa aplicable á tenza de animais potencialmente perigosos e as accións e medidas necesarias co fin de garantir a súa compatibilidade coa seguridade de persoas e bens e doutros animais.

Do mesmo xeito, posteriormente, a Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia estableceu, por unha banda, as normas que garantan a protección e benestar, así como a posesión e tenza responsable dos animais de compañía no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e, por outra banda, que o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e de Animais Potencialmente Perigosos regulado no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, pasaría a denominarse Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac).

A inscrición no Regiac, sen prexuízo dos demais requisitos establecidos regulamentariamente, contén o código identificador do animal, o número de pasaporte sanitario nos casos en que este sexa preceptivo, a especie e a raza, o sexo, a data do nacemento e o enderezo habitual do animal, xunto cos datos identificativos da persoa propietaria del.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, exerce as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación, para o exercicio das súas funcións en materia de elaboración de normativa que afecta o benestar e protección dos animais de compañía conta coa Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas e, en particular, co Servizo de Conservación da Biodiversidade para aplicación das medidas de protección e benestar de animais de compañía.

O Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía é un rexistro dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no cal se recolle toda a información sobre os animais inscritos. Este rexistro pode ser consultado por todas as administracións públicas e autoridades competentes, así como por aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos que constan nel. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos nos rexistros será acorde co disposto na normativa en materia de protección de datos.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, define a actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, no seu caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía:

Emisión dos certificados de inscrición no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Patrimonio Natural como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Patrimonio Natural como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado.

Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

c) Nome do selo: Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac).

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Belén María do Campo Piñeiro

Julián Cerviño Iglesia

Directora xeral de Patrimonio Natural

Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia