Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61303

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 23 de novembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 11 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED301K).

Mediante a Orde do 11 de agosto de 2022 (DOG núm. 167, do 2 de setembro), a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Segundo o artigo 27 da devandita orde, establécese que a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de novembro de 2022. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Por outra parte, o artigo 7 da devandita orde establece que se consideran gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro ata o 1 de novembro do ano da convocatoria e fosen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación.

A través da Orde do 9 de setembro de 2022 (DOG núm. 178, do 19 de setembro) amplíase o prazo de execución e a xustificación das citadas subvencións ata o 30 de novembro de 2022.

Porén, case esgotado o citado prazo de execución e a xustificación das subvencións, aínda non se rematou o procedemento de concesión e notificación das axudas a parte das entidades solicitantes, ao ser un procedemento de concorrencia non competitiva en que existe crédito suficiente para todas as solicitudes presentadas e ao resolvérense os expedientes na medida en que se completa a súa tramitación.

Así, razóns de interese público aconsellan a modificación da antedita orde no que atinxe ao prazo de execución e xustificación das subvencións concedidas, de modo que se posibilite que todas as entidades que resulten beneficiarias poidan realizar as accións subvencionables de xeito adecuado e sen que se prexudique comparativamente a parte delas, segundo a data en que se lles notifique a resolución de concesión.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do prazo para a execución e presentación da documentación xustificativa

Modifícase o artigo 27 da Orde do 11 de agosto de 2022 (DOG núm. 167, do 2 de setembro) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e establécese como data límite para a execución do proxecto e presentación da documentación xustificativa o 28 de febreiro de 2023.

Así mesmo, modifícase o artigo 7 e establécese o prazo de realización dos gastos subvencionables ata o 28 de febreiro de 2023.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades